
#MEDIONATURAL
É a hora da orgánica!
Que pasa?
Xa é obrigatorio separar de maneira diferenciada os biorresiduos: restos de comida e vexetais.
Por que?
Despois de varios anos de demora o Goberno central traspuxo a normativa europea que obriga a aumentar a reciclaxe dos residuos domésticos.
Recentemente aprobouse a nova Lei de residuos 7/2022, para aumentar e mellorar as taxas de separación, que lles obriga aos concellos a recoller as fraccións de maneira diferenciada e que inclúe como novidade a obriga de recoller os biorresiduos.
Como me afecta?
Todas as persoas propietarias dunha vivenda ou negocio deben separar en orixe as seguintes fraccións:
- Papel, metais, plástico e vidro
- Biorresiduos (restos de comida e vexetais)
Cando?
A obriga de separar os biorresiduos das demais fraccións en vivendas e negocios debe cumprirse:
- Este 30 de xuño de 2022 para as institucións e negocios de todo tipo, sen excepcións
- Tamén este 30 de xuño de 2022 para os domicilios en concellos, ou zonas de concellos, que teñan implantada a compostaxe ou o colector marrón. Se non a teñen agora, cando a teñan
Que debo facer eu?
Revitaliza leva desde o ano 2015 traballando na xestión e no tratamento dos residuos orgánicos cos concellos da provincia para fomentar a compostaxe, sistema que a nova lei considera como mellor opción para a separación e a reciclaxe en orixe. A día de hoxe son 47 os Concellos Revitaliza que participan do modelo.
Consulta no teu municipio como podes cumprir a túa parte:
- Compostar de maneira doméstica cun composteiro individual
- Compostar en centros de compostaxe comunitaria
- Depositar os biorresiduos en colector marrón
Que fai a Deputación?
‘O Revitaliza ante os novos retos normativos’
Haberá sancións?
Si. A normativa estatal prevé sancións de entre 2.001 e 100.000 € para as persoas propietarias de vivendas e negocios por incumprir a obriga de separar, por ser considerada infracción grave.
Ademais, tamén haberá multas da Unión Europea para os gobernos estatais e autonómicos que non dean pasos para levar a cabo a normativa. Estas multas poderán trasladarse ás entidades responsables da xestión dos residuos, os concellos.