#CULTURA

Cuestión de tiempo

Román Corbato

Sala Maruja Mallo, Sede de Vigo

Do 28 de xullo ao 19 de setembro

Inauguración: xoves 28 de xullo ás 20:00 horas

Coa actuación musical "15.11.18" (Marco Maril, Macarena Montesinos e Iria Vázquez)

Confirmación de asistencia en participa.cultura@depo.es


Plantas, montañas, océanos, o cosmos, corpos humanos e non humanos coexistimos nun inmenso arco de tempo que desborda a nosa cognición.

Este rico enredo multixeracional e multitemporal foi, en moitas culturas, simplificado por un tempo lineal, antropocéntrico e rexistrado que lle impón o ritmo á historia da humanidade, alienándonos doutras formas de vida e dos nosos propios procesos fisiolóxicos e cognitivos.

Como se articula o tempo profundo nas prácticas artísticas? De que maneiras pode mobilizar as nosas narrativas, subxectividades e as relacións co mundo que nos arrodea?

A través de esculturas, instalacións e fotografías, este proxecto relaciona cuestións de orde e medida, conectando espazos e tempos. O crítico de arte Javier Maderuelo define a idea de lugar coma un fragmento de espazo concreto e característico que goza dunhas calidades particulares e duns sinais de identidade. Poderiamos entender que, tamén, a idea de lugar ten relación con certa especialización da paisaxe que habitamos, polo que, desde este punto de vista, a creación artística se abre cara a formas completamente novas de concibir as súas relacións co medio natural.

Román Corbato

Román Corbato

ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS

OBRADOIRO PARA NENAS E NENOS

Inscrición previa en participa.cultura@depo.es

En paralelo á exposición proponse un obradoiro destinado ao público infantil.

  • Participantes: nenas e nenos de entre 6 e 12 anos (poden ir acompañados dunha persoa adulta).
  • Número de participantes: de 6 a 15.
  • Datas: 3 de agosto.
  • Horario: unha sesión de 3 horas en horario de mañá, de 10:30 a 13:30 h, cun descanso de 20 minutos a media mañá.

O obradoiro consistirá en analizar o paso do tempo no espazo público da cidade de Vigo. Para iso partirase da obra Berbés, da que se extrae este concepto a partir dunhas ruínas situadas na praza do Berbés. Constará das seguintes partes:

  • 1.ª parte: introdución teórica ao traballo do artista, analizando e comentando o proceso de creación das obras da exposición.
  • 2.ª parte: visita ás ruínas do Berbés; toma de datos (bosquexos e debuxos) e análises do lugar.
  • 3.ª parte: traballo práctico das e dos participantes; a través de debuxos, bosquexos, frottages e doutras técnicas cada participante elaborará unha obra gráfica que relacione o lugar visitado coa idea do paso do tempo.
  • 4.ª parte: posta en común dos traballos realizados.