#CULTURA

Mostra "Dende a fenda"

Do 24 de novembro de 2022 ao 15 de xaneiro de 2023

Salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo - Sede da Deputación en Vigo

Comisariado: Paula Cabaleiro

Xornada de clausura: Xoves 12 de xaneiro. De 17:00 a 20:30 h. Sala Rosalía de Castro

Vídeo da inauguración

Vídeo da clausura

Performance  inaugural: “Vísceras poéticas”  de Constance Hurlé

 

“Dende a fenda” é unha mostra colectiva que recolle algunhas prácticas artísticas con perspectiva de xénero desenvolvidas en Galicia nos últimos anos, na procura de ocupar os espazos públicos con olladas feministas dende a arte contemporánea. Poñemos o foco en discursos reivindicativos e subversivos, e analizamos experiencias e relatos de vida para visibilizar problemáticas sociais e denunciar violencias machistas nun mundo ancorado no sistema opresivo patriarcal, dende o individual máis tamén dende a colectividade. Preguntámonos sobre o que supón ser muller e ser artista en tempos menos igualitarios dos que enxergabamos hai uns anos, sobre as novas canles e ferramentas das que o machismo se serve na actualidade para seguir sometendo á metade do mundo e interpelamos o público espectador a pensar(se) en relación coas accións e re-accións que realiza cada día, en favor ou non do cambio.


Que lle achegan as artes plásticas e visuais á loita feminista?

Pode ser a arte unha ferramenta transformadora cara un cambio social?

Esta exposición vertébrase con obras de pintura, escultura, instalación, fotografía, videocreacción, arte sonora, performance, debuxo, ilustración e gravado, e percorre o traballo de artistas que desenvolveron o seu quefacer dende as trincheiras da arte feminista e do activismo social. Así, a sede da Deputación en Vigo tórnase nunha plataforma para a visibilización e para a loita contra as violencias machistas, nun espazo para a reflexión e a conversa participativa sobre as prácticas artísticas feministas en Galicia, dende o plano da creación, máis tamén dende o debate e a implicación social.

Para a Deputación de Pontevedra o apoio á creación artística contemporánea é un dos eixes fundamentais das súa política cultural, para establecer neste caso sinerxías clave co epicentro da súa acción política: a loita pola igualdade. Con este proxecto sumamos a arte contemporánea á programación do mes de novembro, pola súa capacidade de acción e reacción, de mover e remover, de sensibilizar e facer reflexionar os diversos públicos, posibilitando escenarios simbólicos para o debate e o espírito crítico

Artistas: Mar Caldas, Amaya González Reyes, Itziar Ezquieta, Xisela Franco, Rebeca Lar, Chelo Matesanz, Mery Pais, Mar Ramón, Nuria Ruibal, Neves Seara

PROGRAMA

  • De 17:00 a 17:10 h Apertura
    Con música de corda do Ensamble Verxel + danza
  • De 17:10 a 17:20 h Presentación da xornada
    Intervención da presidenta, Carmela Silva
  • De 17:20 a 18:30 h Mesa de debate 1
    Onde están as mulleres nos museos? Analizamos o papel da muller no sistema da arte en Galicia a día de hoxe
    • Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo
    • Asunta Rodríguez, directora da Galería Trinta
    • Anxela Caramés, comisaria e crítica, especializada en estudos de xénero

    Modera: Sara Donoso, comisaria de arte e xestora cultural
    Preguntas do público

  • De 18:30 a 19:00 h Pausa para o café
  • De 19:00 a 20:15 h Mesa de debate 2
    E agora que? Falamos da situación das artistas en Galicia tras rematar a súa formación en Belas Artes, onde as mulleres somos arredor do 70 % do alumnado
    • Xisela Franco, artista visual, cineasta e docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra
    • Mar Caldas, artista e docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra
    • Amaya González Reyes, artista e docente

    Modera: Almudena Fernández Fariña, artista e docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra
    Preguntas do público De 20:15 a 20:30 h Peche da xornada
    Con música de corda do Ensamble Verxel + danza

    • Estefanía Fernández Agulla (frauta) 
    • Tania Justo Román (piano) 
    • Eva Comesaña (bailarina) 

     

Artistas

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.