
#PROXECTOS EUROPEOS
Programa DEPOINNOVA
Retos de futuro da provincia de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra lanza o programa “DepoInnova” de compra pública de innovación, que se espera cofinanciar con fondos europeos a través do Ministerio de Ciencia e Innovación e do PERTE de dixitalización do ciclo da auga do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Para a execución do proxecto empregarase maioritariamente o instrumento de compra pública de innovación (CPI), para promover así a innovación como a ferramenta chave de desenvolvemento da provincia e para a procura de solucións innovadoras aos retos aos que se enfronta.
Como próximo paso no proceso do programa “DepoInnova”, desde a Deputación convócase un proceso de consulta preliminar ao mercado, co obxecto de coñecer o nivel de madurez e o estado da arte das potenciais solucións innovadoras que poderían incorporarse para resolver os retos que se presentan.
PARTICIPA NAS CONSULTAS PRELIMINARES AO MERCADO
Evento de lanzamento: 29 de xullo de 2022
Presentación de propostas ata o 19 de setembro de 2022 (ás 10 horas)
Acerca do programa
A Deputación de Pontevedra é coñecedora dos múltiples retos aos que se enfronta a provincia, tanto a súa cidadanía coma os seus municipios, en particular os de menor tamaño, así como o seu ecosistema de innovación. Non en balde leva anos traballando e desenvolvendo programas específicos para mellorar a calidade de vida, a transformación social e económica, así como a transición cara á sostibilidade ambiental na provincia de Pontevedra.
Neste marco, desde a Deputación de Pontevedra decidiuse dar un salto cualitativo e poñer en marcha o Programa “DepoInnova”.
“DepoInnova” ten como obxectivo explorar as capacidades da colaboración público-privada para resolver os problemas complexos aos que se enfronta o conxunto da provincia. Para iso, a Deputación de Pontevedra busca solucións innovadoras para seis retos de actualidade, aínda que se considera que estes retos son só a punta de lanza dun programa de longo percorrido e alto impacto que transformará a realidade da provincia de Pontevedra.
A continuación, resúmense os retos aos que “DepoInnova” quere dar solución. A súa descrición detallada pode descargarse na sección “Participa nas consultas”.
Reto 1: dixitalización do ciclo urbano da auga
Reto 2: xestión de residuos e economía circular
Reto 3: xestión integral de infraestruturas provinciais
Reto 4: dixitalización da Administración pública provincial
Reto 5: programas sociais e de emprego
Reto 6: Museo de Pontevedra do século XXI
Participa nas consultas
Desde a Deputación de Pontevedra convocamos esta consulta preliminar ao mercado, co obxecto de coñecer o nivel de madurez e o estado da arte das solucións innovadoras que poderían incorporarse na provincia.
Poderán participar aquelas entidades que teñan intención de colaborar coa Deputación de Pontevedra na presentación de propostas, tanto na súa definición e alcance, coma no seu desenvolvemento tecnolóxico.
Admitiremos a presentación de varias propostas por parte dunha mesma entidade, xa sexa individualmente ou de forma conxunta con outras. Así mesmo, consideraremos igualmente as propostas que respondan parcialmente a un reto, que propoñan unha solución que non aborde un reto no seu conxunto, pero achegue solucións para un aspecto concreto deste.
BASES DE PARTICIPACIÓN
Anexo I: reto relacionado coa dixitalización do ciclo da auga
Anexo II: retos relacionados con proxectos innovadores
Para a presentación de propostas relacionadas coa dixitalización do ciclo da auga (reto 1) descrito no anexo I
- Cubrir a ficha de participación na consulta (anexo III)
- Cubrir a ficha de propostas para os retos do anexo I, proxectos relacionados coa dixitalización do ciclo da auga (anexo IV)
Presentar a ficha de participación e a ficha de propostas xunto coa documentación complementaria correspondente a través de VORTAL.
Para a presentación de proxectos innovadores (retos 2, 3, 4, 5 e 6) descritos no anexo II
- Cubrir a ficha de participación na consulta (anexo III)
- Cubrir a ficha de propostas para os retos do anexo II-proxectos innovadores (anexo V)
Presentar a ficha de participación e a ficha de propostas, xunto coa documentación complementaria correspondente a través de VORTAL.
Enlace á consulta publicada en VORTAL
Prazo de presentación de propostas: aberto ata o 19 de setembro de 2022.
Orzamento estimado para as propostas relacionadas coa dixitalización do ciclo da auga: ata 10 millóns de euros
Orzamento estimado para as propostas de proxectos innovadores: ata 2 millóns de euros
Preguntas frecuentes (pdf)
Eventos
Realizouse un evento de presentación da consulta preliminar ao mercado o 29 de xullo de 2022 ás 11 h