Noticias

A Deputación de Pontevedra celebra o Día Internacional da Danza


29 abril 2021

Xoves 29 de abril de 2021, ás 11:00 h

Diante do Pazo provincial en Pontevedra

A danza, "un instrumento que forma parte da identidade dos pobos", chegou esta mañá á entrada do Pazo Provincial con "Solodados", unha peza de danza contemporánea interpretada por Clara Ferrao na que a bailarina e coreógrafa compartiu protagonismo con Leodán Rodríguez. Os seus corpos movéronse ao ritmo da música de Lkina e cando parecía que a actuación xa rematara sorprenderon ao público cunha coreografía que fixo bailar a todas as persoas que se atopaban na Avenida Montero Ríos. Deste xeito, demostraron que "a cultura é proximidade", tal e como apuntou a presidenta da Deputación na súa intervención. Carmela Silva tamén fixo mención á importancia do Día Internacional da Danza porque "celebrar este día é celebrarnos a nós mesmos e nós mesmas como unha humanidade que se transforma a través da cultura". Por este motivo o ente provincial quixo chegar a toda a cidadanía coa celebración do acto no espazo público "que nos pertence ás persoas".

SOLODADOS, Declaro Danza (dúo formado por Clara Ferrâo e Leodán Rodríguez, con música en vivo da DJ Lkina)

 

 

 

Xoves 29 de abril de 2021, ás 19:00 h

Diante da sede de Vigo

Chegou a tarde ao exterior da Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo da man da Agrupación O Fiadeiro que deleitou ao público asistente coa música e bailes tradicionais galegos. A Agrupación O Fiadeiro, cunha traxectoria de 25 anos de vida espallando a cultura tradicional dende a na cidade de Vigo, puxo en valor os bailes máis achegados á terra, ás tradicións e á identidade cultural galega e, cando parecía que a actuación chegaba ao seu fin, convidaron ao público asistente a deixar as súas cadeiras e bailar para festexar xuntas e xuntos o Día Internacional da Danza.

AGRUPACIÓN O FIADEIRO, baile e música tradicional en vivo

 

 

Danza tradicional

Agrupación O Fiadeiro (Vigo) 

 

Agrupación O Fiadeiro (Vigo)

O Fiadeiro desenvolve a súa actividade en dous eidos relacionados entre si: por un lado, a formación de nenas e  nenos e persoas adultas que queren aprender aqueles coñecementos que antano, non hai moito, se transmitían de xeración en xeración; por outro lado, a representación desa cultura case esquecida dun xeito artístico, algunhas veces, e, outras, dun xeito máis fiel á realidade. Da primeira parte encárgase a escola e desta segunda, a agrupación, organizada en catro áreas de traballo, coma a de recuperación ou vestiario, entre elas a artística, onde contan con cinco grupos: Pandereteiras O Fiadeiro, baixo a dirección de Tamara Costas; Pandereteiros O Fiadeiro, baixo a dirección de Diego Cabaleiro; Baile Tradicional O Fiadeiro, baixo a dirección de Sergio Martínez; Charanga e Orquestra O Fiadeiro, baixo a dirección de Rafael Crespo; e Vestiario Tradicional O Fiadeiro, baixo a dirección de Begoña Martínez.

Este mes de abril de 2021 é especial porque cumpren 25 anos de andaina, celebración que de seguro comparten poñendo moito baile e música nas rúas.

Danza contemporánea

Clara Ferrao – Declaro Danza (dúo + música)

Clara Ferrao – Declaro Danza (dúo + música)

Clara Ferrão Diz, bailarina e coreógrafa

Obra: SOLODADOS (con música en vivo de Lkina. Duración: de 15 a 20 min.)

Solodados é unha proposta do dúo composto por Clara Ferrão Diz e Leodán Rodríguez, con música en vivo de Lkina

Clara Ferrão Diz (1986, Tui). Intérprete, docente e creadora de danza contemporánea. Titulada polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, Madrid, en Ensinanzas Profesionais, na especialidade de Danza Contemporánea. En 2015 realiza o mestrado en Danza e Artes do Movemento na Universidade Católica de Murcia. Complementa a súa formación asistindo a festivais, coma Deltebre Dansa, Corpo(a)Terra, Cercanías Contact Festival, Asturias Contact Festival, Danzad, Danzad, Malditos e realizando distintos obradoiros con profesionais e compañías internacionais, traballando distintas técnicas de danza, teatro, improvisación e creación. Como bailarina destaca a súa participación en eventos coa Fura dels Baus ou na peza Garage da compañía de teatro Voadora. Tamén traballa de forma colectiva como coreógrafa e bailarina colaborando con Shaddai Teatro, Cisma Danza, La Incidente D-T, Licenciada Sotelo ou Maximiliano Sanford.

A súa peza Pies de plomo, coa que viaxa a México, foi premiada no Certame Coreográfico Distrito de Tetuán e no Certame de Artes do Corpo de Ourense. Tamén recibiu o Premio á Mellor Intérprete no certame La Espiral Contemporánea de Santander 2019 e no DZM '18 coa peza Miñaxoia. Actualmente traballa coa compañía Al-badulaque de Cáceres na súa nova produción, Serrana, compaxinando a súa traxectoria profesional como bailarina coa da ensinanza, impartindo clases regulares, obradoiros e jams en diferentes centros e festivais, presidindo a Asociación de Danza de Gondomar, organizando eventos como Gondomar en Contacto e Movémonos e continuando a súa propia formación.

Coreografía e interpretación: Clara Ferrão Diz e Leodán Rodríguez.

Música e espazo sonoro: Lkina.

Audios

  • Audio