#DíaDeRosalía

Día de Rosalía

Mércores 23 e xoves 24 de febreiro de 2022

Prazas esgotadas

Este ano o festexo do Día de Rosalía adiántase ao 23 de febreiro. Esta foi a data acordada pola Fundación Rosalía e polas principais institucións implicadas tras basearse nos resultados do traballo da investigadora Sagrario Abilleira, no que se acredita que este foi o día de nacemento da autora.


A Deputación de Pontevedra súmase a este festexo cunha dobre xornada propia, o mércores 23 e o xoves 24 de febreiro nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo, das que informaremos proximamente, e tamén cunha nova edición do concurso creativo A Nosa Rosalía.

ACTOS DO DÍA DE ROSALÍA

Pontevedra, mércores 23 de febreiro, ás 19 horas, no salón de plenos do Pazo provincial

Vigo, xoves 24 de febreiro, ás 19 horas, na sala Rosalía da Sede da Deputación en Vigo (rúa de Eduardo Chao, 17)

  • Lectura do Manifesto de Rosalía proposto pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) por parte de Miriam Ferradáns en Pontevedra e Marta Dacosta en Vigo. Entrega do manifesto ao público
  • Actuación musical do grupo de pandeireteiras Ialma
  • Anuncio das e dos gañadores do concurso A Nosa Rosalía coa lectura da acta
  • Participación de alumnado e profesorado dos colexios premiados da provincia por streaming para presentar o vídeo que realizaron
  • Entrega de camelias do cultivar ‘Rosalia de Castro’ e do primeiro exemplar da Colección Medal de poesía feita por mulleres da Editorial da Deputación, titulado Violetas no asfalto, de Lucía Novas
  • Degustación do caldo de gloria, elaborado e servido polo alumnado do CIFP Carlos Oroza en Pontevedra e do CEFP Manuel Antonio en Vigo, baseado na receita de Rosalía no libro Follas novas.

***As persoas asistentes poderán levar como agasallo a cunca de caldo conmemorativa —de olería artesanal— utilizada na degustación

IALMA cantan a Rosalía

 

Ialma, cuarteto belga de pandeireteiras que se identifica con Rosalía, son fillas de emigrantes refuxiados en Bélxica ás que lles contaron pouco a pouco e con moito medo os seus sufrimentos pero tamén o amor polo seu país, ao que, cada ano, falaban de volver. A través das súas pezas contan a súa historia, que é a de tantas e tantos emigrantes, historia que se repite nas novas emigracións galegas e non galegas.

 

 

CALDO DE GLORIA

A Deputación de Pontevedra, ademais de compartir coa cidadanía o caldo de gloria de Rosalía nos seus actos institucionais, da man da Fundación Rosalía de Castro, vai repartir entre os concellos e a hostalería da provincia manteis individuais baseados neste prato da gastronomía tradicional galega, humilde e cunha gran simboloxía social, para festexar o Día de Rosalía.

Nos manteis, ademais de incluírse o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, explícase a historia dunha muller pobre que conta a súa épica diaria para sobrevivir. Ela vai de Santiago de Compostela a Padrón, chega á casa mollada e esfameada, e, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como, con case nada, o ser humano é quen de sobrevivir e, ademais, ser feliz.

INSTRUCIÓNS DO CONCURSO A NOSA ROSALÍA

Este 2022 festexaremos de novo o Día de Rosalía, homenaxeando a Rosalía de Castro como a nosa autora galega do Rexurdimento literario, que seguimos a ter moi presente e tanto nos gusta lembrar e reinterpretar.

Co obxectivo de achegarlle a súa figura ao público máis novo, a Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do concurso A Nosa Rosalía, que este ano adopta o formato musical, no que cada aula ou grupo do colexio poderá presentar un vídeo breve coa súa proposta de poema de Rosalía musicado. Este poderá vir acompañado dunha coreografía, dun baile, dun movemento ou de calquera tipo de aderezo. As nosas cativas e cativos son ben creativos e de seguro que as mestras e mestres, imprescindibles nesta ocasión, os axudarán a sacar esa vea artística.
Esta convocatoria está dirixida a todo o alumnado dos centros de educación primaria da provincia de Pontevedra, que poderá participar de maneira colectiva (por aulas ou grupos e sen límite por centro educativo). Deberán elaborar un poema de Rosalía de Castro musicado, que terá que presentarse en formato de vídeo (pódese realizar co teléfono móbil en formato horizontal ou cunha videocámara) e ter unha duración aproximada de dous minutos. Para a parte musical non hai indicacións, pode empregarse unha base, acompañamento instrumental ou percusión co corpo.

O vídeo ou vídeos de cada centro educativo poderán enviarse ata o xoves 17 de febreiro (este incluído) ao enderezo anosarosalia@depo.gal directamente ou a través de WeTransfer (se o peso do arquivo o require). Especificarase no título do vídeo a aula ou o grupo e no correo, a categoría correspondente, e indicaranse o nome e os datos da persoa de contacto do centro.
Categorías do concurso:

  • Campaniñas: 1.º, 2.º e 3.º de primaria (de 6 a 9 anos)
  • Airiños: 4.º, 5.º e 6.º de primaria (de 9 a 12 anos)

Estableceranse tres premios por categoría. Cada grupo premiado recibirá un lote de libros e os dous mellores poemas musicados, a maiores, unha actuación no propio centro educativo de A viaxe de Rosalía, un espectáculo de monicreques no que, da man da narradora e titiriteira Larraitz Urruzola e con maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, coñecerán parte da obra rosaliana e algúns dos momentos da vida desta insigne artista galega


O centro e a artista establecerán a data da actuación, a cal deberá comunicárselle ao Servizo de Cultura da Deputación.

Os grupos premiados anunciaranse no transcurso dos actos que a Deputación de Pontevedra realizará con motivo do Día de Rosalía o mércores 23 de febreiro, no Pazo provincial en Pontevedra, e o xoves 24, na Sede da Deputación en Vigo, e aos que se convidará a participar, de xeito presencial, a unha ou un representante de cada centro premiado e tamén, a través de streaming, aos propios grupos de nenas e nenos galardoados. Así mesmo, proxectaranse todos os vídeos gañadores e lerase o manifesto do Día de Rosalía.

Os actos poderanse seguir a través de streaming na páxina web www.depo.gal

Contarase con intérprete en lingua de signos.

Os vídeos participantes poderán difundirse a través das canles da Deputación de Pontevedra.

Animámosvos a cantar e a bailar coa nosa Rosalía!

#ANosaRosalía #DíaDeRosalía #ADepoConRosalía

Noticias relacionadas

 
		A Deputación celebra a Rosalía con poesía, música, gastronomía e camelias convertendo o Pazo provincial no “lar” particular da autora de Padrón

A Deputación celebra a Rosalía con poesía, música, gastronomía e camelias convertendo o Pazo provincial no “lar” particular da autora de Padrón

Carmela Silva: “Rosalía é unha referente que segue a guiarnos e á que hai que celebrar e reivindicar todo o ano como muller universal que foi clave na construción do noso pobo”

 
		Música, gastronomía, poesía e camelias para lembrar a Rosalía de Castro os día 23 e 24 en Pontevedra e Vigo

Música, gastronomía, poesía e camelias para lembrar a Rosalía de Castro os día 23 e 24 en Pontevedra e Vigo

A Deputación de Pontevedra presentou as actividades organizadas co gallo do Día de Rosalía, coordinadas polos departamentos de Lingua e Cultura