#CULTURA

Día Europeo da Música

Cun desafío a rock!

Martes 21 de xuño

Confirmación de asistencia: participa.cultura@depo.gal


Na Deputación de Pontevedra festexamos cada ano o Día da Música o 21 de xuño, que coincide a nivel europeo co solsticio de verán.

O obxectivo é que as persoas profesionais da música saian ás rúas para compartir a súa música co público e darlle así a oportunidade de gozar desta arte dunha maneira lúdica e accesible. Unha oportunidade para compartir e intercambiar cultura, estilos e xéneros, confiando en que, ao seu son, as persoas esteamos máis unidas.

Para a celebración desta data propoñemos dous concertos nas rúas das sedes da institución provincial en Pontevedra e Vigo o propio martes 21 de xuño, a distintos horarios e dirixido a distintos públicos, iso si, compartindo o mesmo espírito guerreiro e aventureiro.

Propoñemos un desafío a rock!

A Gramola Gominola. Concerto de rock infantil

Prazas esgotadas

Martes 21 de xuño, ás 17:30 h

Exterior do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra

A Gramiola Gominola

 

A Gramola Gominola co seu novo espectáculo "As que máis molan da Gramola!"

A Gramola Gominola é unha banda de auténtico rock and roll en galego para público cativo. Eles son Paco Cerdeira (Pakolas, Zënzar), Paula Romero (De Vacas, banda de Guadi Galego, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (S4N7, Nebra, Wealman).

O grupo naceu no ano 2015 e desde entón deron centos de concertos, poñendo ao público en pé cos cornos na man!

Poderemos gozar da selección das mellores cancións roqueiras da súa carreira, festexar con cada baile, rir co seu humor e corear os seus retrousos máis coñecidos: "Hey ho let's go", "Carmela, non hai coma ela!", "Campión internacional" e escoitar "A lebre chouteira", "A avoa Fina" ou "Un ollo de vidro".

GORXAS, CORNOS E CRISTAS PREPARADAS!

Broken Peach. Concerto de soul e rock       

Prazas esgotadas

Martes 21 de xuño, ás 20:30 h

Exterior da sede da Deputación en Vigo

A Gramiola Gominola

 

Broken Peach é unha banda de gospel, soul e rock de Vigo que crea unha nova forma de fusionar música co espectáculo. A proposta de Broken Peach desmárcase das tradicionais bandas de versións, personalizando cada un dos temas que interpretan. A súa formación habitual é de tres a catro voces coa instrumentación de batería, baixo, guitarra ou piano.

Formada no ano 2009, esta banda ten tocado en diferentes tipos de eventos como programas televisivos, congresos, inauguracións e non parou de facer concertos polo territorio español. Tamén colaboraron con artistas do panorama nacional como Alberto Comesaña, Peret ou Joaquín Padilla. A súa faceta mediática levounos a percorrer os platós de televisión de Luar, Bamboleo, Tourilandia etc.

Unha das súas mellores bazas é ter unha estética extravagante, que lle dá un pouco de frescura visual ao público. O estilo de música que interpretan vai desde o soul ata o rock, pasando polo gospel , funk, pop etc.

Noticias relacionadas

 
		A Deputación celebrará o Día europeo da Música con rock para todos os públicos en Pontevedra e Vigo

A Deputación celebrará o Día europeo da Música con rock para todos os públicos en Pontevedra e Vigo

O exterior do Pazo Provincial acollerá a actuación de Gramola Gominola, mentres que Broken Peach ofrecerá un recital no exterior da Sede da Deputación en Vigo