Escola de Igualdade María Vinyals - As Mulleres que Opinan Son Perigosas

Ana Romaní

Ana Romaní

Ana Romaní (Noia, 1962). Escritora e xornalista

No ano 1989 incorporouse á redacción da Radio Galega e desde 1990 ata xuño de 2018 dirixiu nesta o programa Diario Cultural, un espazo diario de información cultural recoñecido cos galardóns: Premio Irmandade do Libro (1992), Premio Xerais á cooperación no labor cultural (1999), Premio San Martiño á Normalización Lingüística e Cultural (2002), Premio da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (2007), Premio ao Fomento da Lectura na modalidade de radio da Federación de Gremios de Editores de España (2007), Premio Abrente de Honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (2013), Premio do Público en Culturgal (2014) e Premio Insua dos Poetas en Medios de Comunicación (2017).

Polo seu labor profesional recibiu o Premio Atlántida á xornalista radiofónica do Gremi de Editors de Catalunya (2008), Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (2009), Premio á Traxectoria Xornalística da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (2009), Premio Xíria da Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas (2011), Premio AELG 2013 de Xornalismo Cultural, Premio da Gala do Libro Galego á Traxectoria Xornalismo Cultural (2018), Premio As Nosas Músicas da Asociación Cultural A Xesteira de Couso (2018), Premio da Crítica Galicia a Iniciativas Culturais (2018) e Premio Nacional de Xornalismo Cultural (2018).

Como interesada pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas da creación contemporánea, desde Diario Cultural promoveu e coordinou proxectos como Narradio. 56 historias no ar (Xerais 2003); Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico; e De cantares hoxe. Os cantares gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía poético-sonora con 36 poemas inéditos doutros tantos poetas arredor da obra de Rosalía de Castro.

Autora dos poemarios Palabra de mar (ed. de autora, 1987), Das últimas mareas (ed. Espiral Maior, 1994), Arden (ed. Espiral Maior, 1998), Love me tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música (col. Poeta en Compostela, 2005) e Estremas (ed. Galaxia, 2010), galardoado co Premio AELG 2011 de Poesía, co Premio Anxel Casal ao libro de poesía do 2010 nos premios da Edición da AGE e co Premio de Creación Literaria dos Premios da Crítica Galicia 2011.

Desenvolve no poético distintos proxectos vinculados á dicción e á oralidade do poema e a súa expresión no espazo público: O son da pedra (co grupo Milladoiro, 1994), O outro extremo do paraíso (1997), Lob*s (con Antón Lopo, 1999), Son delas (con Uxía Senlle, 2000), Estalactitas (con Anxos Romeo e Lupe Gómez, 2002), Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade (2002), A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (con Anxo Quintela, 2003) e Unha delas (2015).

Autora de Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (Galaxia, 2003) e do conto Marmelada de amoras (col. Biblioteca Nova 33, 1997), tamén publicou materiais diversos, textos de intervención como Rosalía máis alá, ou Isto non é un limiar. A súa obra está recollida en libros colectivos e antoloxías.

Participou na creación da revista Festa da Palabra Silenciada e na da asociación Mulleres Galegas na Comunicación. Vinculada ao activismo feminista, desde o ano 1980 intégrase e participa en diversos colectivos e plataformas.