Escola de Igualdade María Vinyals - As Mulleres que Opinan Son Perigosas

Lucía Mbomio

Lucía Mbomio

Lucía Asué Mbomío Rubio (Madrid, 1981). Xornalista. Licenciada en Ciencias da Información (Universidade Complutense de Madrid), diplomada en Guión e Dirección de Documentais (Instituto de Cine de Madrid) e máster en Desenvolvemento e Axuda Internacional (Universidade Complutense de Madrid).

Dirixiu documentais e traballou coma reporteira en Telemadrid, Antena 3 e TVE, en programas como Madrid Directo, Españoles en el Mundo ou Aquí la Tierra. Tamén pasou pola Televisión de Guinea Ecuatorial (TVGE), onde realizou varias reportaxes de índole cultural ou social e guionizou a primeira serie de debuxos animados do país. Grazas ao seu traballo gravou en preto de 40 países.

Actualmente ten unha columna semanal no xornal El País, titulada "Barrionalismos" e colabora con outros medios escritos como CTXT, Afroféminas, Mundo Negro, Negrxs Magazine, Global Voices e Píkara.

Ademais, ten unha canle de YouTube, base da súa investigación sobre representación e construción identitaria da poboación negra en España chamado Nadie nos ha dado vela en este entierro e realizou vídeos para a canle de BuzzFeed Lola (sección feminista en español do medio estadounidense), nos que se centra na especificidade das mulleres negras en diversos ámbitos.

En 2017 escribiu Las que se atrevieron, un libro no que fala de mulleres españolas que nos anos 60 e 70 casaron con homes negros. Ese mesmo ano lanzou o seu primeiro documental gravado integramente co móbil Estás en tu casa, no que fala do encontro entre África e a súa diáspora en Colombia. A súa intención é demostrar que a falta de equipo técnico non debe ser un obstáculo para contar as nosas propias historias. 

Na actualidade forma parte do grupo internacional de expertos afrodescendentes Afroinnova, xestionado pola organización colombiana Manos Visibles, e combina os seus labores xornalísticos cos de docencia e divulgación en espazos como o Festival Afroconciencia, a Universidade de Zúric, a de León, a Complutense, a de Münster, a Oberta de Catalunya, a Autónoma de Barcelona, a Cheikh Anta Diop (Dakar), ou a Escola Diplomática de Madrid.

En 2013 foi escollida como unha das 30 afroeuropeas máis relevantes segundo a lista Thompson Reuters (Lloyds Banking Group); e en decembro de 2017 como unha das africanas máis destacadas polo blog África no es un país do diario El País. En 2018 deu unha charla TedX que levou por nome "¿Existen las razas?".

Twitter: @luciambomio