Mulleres en acción Violencia Zero

"UN XARDÍN POR (RE)CONSTRUÍR", Diana Mera

Gondomar,
28 de setembro 2019 ás 12 h,
praza Doutor Latino Salgueiro

Diana Mera

UN XARDÍN POR (RE)CONSTRUÍR

Penso no meu corpo como unha terra virxe onde todo o vivo e o inerte pode suceder, arraigar dun impulso sanguíneo, permanecer ata se esgotar, derivar en formas e texturas descoñecidas sen nomes nin imaxes coñecidas.

Penso no meu corpo como un ser estraño que ninguén pode definir nin limitar, que se constrúe e se destrúe sabiamente a si mesmo polo simple pracer de improvisar.

Penso no meu corpo como bolboreta que transforma o apoio dos meus pés coas súas ás.

 

CV Diana Mera (A Cañiza, 1979)

Directora de escena, actriz e dramaturga. Titulada superior en Arte Dramática na especialidade de Dirección de escena e dramaturxia e diplomada en Educación Primaria, cun máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e un diploma en Interpretación pola Escola de Teatro Santart. Desde o 2003 ata o 2012 participa como actriz en diversas montaxes na compañía Arela das Artes. A partir do 2009 comeza a dirixir os seus espectáculos, entre os que destacan os traballos de creación propia: 69, Muller nº9, 13 caídas, 30 e tantos ósos e 6 cubos negros en corpo branco. No campo da performance participou en dous traballos presentados na ESAD de Galicia e no Conservatorio Superior de Vigo e dirixiu Azag. Escena deserta, con motivo da fundación da revista de artes escénicas Núa da que é cofundadora. Actualmente compaxina o seu labor docente co seu traballo creativo nas artes escénicas.