Mulleres en acción violencia zero 2017/2018

"Metamorfose", Nieves Rodríguez

Vilagarcía de Arousa, outubro de 2018

Nieves Rodríguez

Título: Metamorfose

Esta peza de acción escénica está baseada nos micromachismos, comportamentos abusivos e continuados por parte de quen os exerce cara ás mulleres, invisibilizados e naturalizados na sociedade e que teñen como finalidade conservar a súa posición de xénero. Nesta representación o obxectivo é facer visible a metamorfose que sofre unha muller ante estes pequenos xestos discriminatorios, ofensivos e intimidatorios. Unha involución lenta pero continuada que pasa por diferentes fases (negación, asimilación, adaptación) e que ten como resultado final a morte, sexa real ou figurada. Porque aínda que moita xente pense que ao non ser violencia física non se pode cualificar como tal, os micromachismos deixan marca no máis íntimo de nós, nese curruncho da nosa cabeza que fai que funcionemos tal e como somos, coas nosas virtudes e os nosos defectos, e que todos deberían respectar. Ao ferir, ao lixar ese mecanismo, ficamos indefensas e comezamos a morrer.

Nieves Rodríguez (Donosti)

É actriz e comunicadora. Exerce a súa carreira desde hai xa 25 anos, tanto dentro como fóra de Galicia. Condutora de programas senlleiros como Desde Galicia para el mundo (TVE) ou Luar (TVG), deu o salto á ficción como actriz na serie Rías Baixas (TVG) e continuou en Gondar e Pazo de familia (TVG). Traballou na Televisión Autonómica de Murcia como directora e condutora do programa Calle Mayor, un espazo diario dunha hora en directo. No eido radiofónico conduce desde hai tres anos o programa Metrópoles delirantes sobre banda deseñada, que recibiu o Premio Ourense de BD 2014 polo "gran labor de difusión da banda deseñada galega". No seu afán dinamizador da cultura, organiza en Compostela desde hai tres anos xunto a outros compañeiros o evento de autoedición Fun Fun Fun, no que se pon en valor a riqueza da autoedición existente no país en todos os ámbitos (banda deseñada, cinema, música, artes escénicas).