Noticias

A artista Helen Bertels escenifica o terror da violencia machista nas rúas de Pontevedra dentro da iniciativa "Mulleres en acción. Violencia zero"

Carmela Silva: "54 mulleres asasinadas neste ano. Por todas elas e por todas nós basta xa de violencia contra as mulleres"


26 novembro 2018
Mulleres en Acción Violencia Zero

A praza da Peregrina de Pontevedra acolleu esta mañá a segunda acción artística da cuarta edición de "Mulleres en acción. Violencia zero", que arrincou o pasado venres en Vigo e que levará un total de 25 accións artísticas por 25 concellos da provincia. A pé de rúa, a artista Helen Bertels representou a peza "Amor", na que simbolizou o terror e o pánico que xera a violencia contra as mulleres. A esta acción asistiron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, así como as deputadas provinciais Isaura Abelairas, Chelo Besada e Eva Villaverde.

A través de "Amor", a artista de orixe alemá levou ás rúas de Pontevedra o medo que provoca a violencia machista, ao tempo que tentou buscar as respostas a cuestións como de onde xorde a violencia de xénero ou cal é a esencia das mulleres. Ao final da peza, interactuando xa coas persoas presentes, Bertels preguntouse, entre outras cuestións, "por que levamos tantos milenios de patriarcado, por que os homes nos teñen medo, ou por que nós somos superiores". A acción artística de Helen Bertels forma parte do seu proxecto "Agasállame coa túa vida", baseado en facer retratos de mulleres coas que comparte conversacións ou partes do seu día a día, e no que busca respostas a cales son as esencias e os misterios das mulleres. No caso de hoxe, a peza foi especialmente concibida para a iniciativa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero" e centrouse no pánico e nos medos das violencias machistas.

A presidenta provincial aproveitou o acto de hoxe para lembrar, unha por unha, as 54 mulleres asasinadas este ano pola violencia machista, así como as 57 nenas e nenos que quedaron orfas e orfos, "54 mulleres este ano. Precisamos algo máis?. Por todas elas e por todas nós basta xa de violencia contra as mulleres". Carmela Silva recordou que aínda onte, 25 de novembro, se conmemoraba en todo o mundo o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, "pero esta é unha loita dos 365 días do ano. Gustaríanos que non houbese máis accións coma esta, pero mentres sigan morrendo mulleres este vai ser o noso berro día a día e ano a ano, porque a causa da igualdade é a causa máis xusta que existe".

Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra insistiu tamén en que iniciativas coma esta de "Mulleres en acción: Violencia zero" seguen sendo máis necesarias que nunca, "xa que a realidade é moi contundente e temos que mandar mensaxes tamén moi contundentes de que non teñen lugar na sociedade homes que matan a mulleres". Lores felicitou á Deputación por poñer en marcha unha iniciativa coma esta que visibiliza a igualdade e a loita contra as violencias machistas en espazos públicos de toda a provincia, "pois o espazo público é o lugar de cohesión social, onde nos relacionamos, e polo tanto deben ser espazos libres, igualitarios e para todas e todos".

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 mulleres artistas especialistas en diferentes artes como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer, na súa obra, un firme discurso en favor da igualdade e en repulsa da violencia machista. A súa cuarta edición comezou o pasado venres en Vigo e novamente leva 25 accións a 25 concellos da provincia: Vigo, Pontevedra, Salceda de Caselas, Ponteareas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas do Morrazo, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán. Nas catro edicións que leva este programa téñense realizado 85 accións artísticas e teñen participado máis de 100 artistas.