Noticias

A Deputación aposta por reimpulsar Unimiño como organismo de colaboración dos concellos do Val do Miño

O consello directivo da asociación reuniuse onte para renovar a representación galega no organismo transfronteirizo


29 ago 2015
A Deputación aposta por reimpulsar Unimiño como organismo de colaboración dos concellos do Val do Miño
A Deputación aposta por reimpulsar Uniminho como organismo de colaboración dos concellos do Val do Miño

A Deputación de Pontevedra pretende reimpulsar a asociación Unimiño, da que forma parte xunto coa Comunidade Intermunicipal Vale do Minho, como organismo de colaboración estable que analice e traballe nas potencialidades socioeconómicas da ribeira do Miño e que sirva como medio para solicitar fondos europeos cos que desenvolver programas de cooperación interrexional.

Onte celebrouse en Valença a reunión do consello directivo deste organismo para renovar a representación da parte galega, que a partir de agora recaerá por defecto na presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, e no deputado Uxío Benítez. Foi necesario nomear estes novos integrantes logo das eleccións municipais do pasado mes de maio, que supuxeron o cambio no goberno provincial.

O encontro, no que estiveron os presidentes das cámaras de Melgaço e de Vila Nova de Cerveira, serviu de primeiro contacto entre os novos membros. Abordouse o futuro da Asociación do Val do Miño Transfronteirizo-Unimiño e o estado do proxecto europeo "Ecotur" de fomento de turismo, que se está a desenvolver con fondos europeos.

Segundo explicou Uxío Benítez, presente na sede de Unimiño en Valença, a intención do novo goberno da Deputación é "impulsar Unimiño como organismo de cooperación transfronteiriza entre os concellos da ribeira do Miño para acceder a fondos europeos e como foro de debate, análise e simbiose dos estamentos que conflúen ó redor do Miño".

Esta aposta xorde despois de que o anterior goberno provincial de Rafael Louzán decidira liquidar a asociación e non prorrogar o convenio de constitución firmado en setembro do 2006: a data de caducidade para Unimiño, pois, sería decembro deste ano. Porén, a nova Deputación ten vontade de darlle a este organismo a importancia que debe ter "tomando un papel de liderado e de axuda ós concellos da 'raia' para coordinarse", segundo sinalou Benítez. Tamén explicou que é importante que Unimiño teña un carácter estable, xa que ata o de agora houbo moitos programas de cooperación interrexional entre concellos galegos e portugueses que acabaron esmorecendo por falta de implicación.

Nas vindeiras semanas o deputado provincial responsable de cooperación transfronteiriza manterá encontros cos alcaldes dos concellos que forman parte da asemblea de Unimiño (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, A Guarda, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Oia, Ponteareas, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui) co fin de analizar a posible introdución de cambios no organismo interrexional e recoller as achegas municipais.

A Asociación do Val do Miño Transfronteirizo-Unimiño naceu en setembro de 2006 cun convenio entre a Comunidade Intermunicipal Vale do Minho (formada por Melgaço, Monção, Paredes de Coura, Valença e Vila Nova de Cerveira) e a Deputación de Pontevedra (cos concellos do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta).

Como entidade está facultada para desenvolver actividades de cooperación nos eidos da obra pública, na xestión de equipamentos sociais e para a presentación de candidaturas a programas ou instrumentos comunitarios. A súa estrutura está formada por unha asemblea xeral –constituída polas entidades territoriais asociadas, cunha delegación de 17 membros– e un consello directivo, que é o seu órgano executivo e está composto por un presidente (que se nomea de xeito rotatorio), un vicepresidente e dous vogais.

"Ecotur"-Unimiño

Na actualidade desde Unimiño estase a traballar na execución do proxecto "Ecotur", que ten como obxectivos a conservación e a valorización do patrimonio Rede Natura 2000 da rexión e a promoción dunha oferta estruturada e organizada do territorio do val do Miño como un destino transfronteirizo ecoturístico de excelencia. O seu custo aprobado é de 133.500 euros e o prazo de execución estenderase ata o 31 de decembro deste ano. Estase estudando a posibilidade da presentación da candidatura Ecotur 2.0, cuxo prazo se abre o 30 de setembro.

Unimiño pretende manter os traballos realizados durante o transcurso do proxecto "CoopMinho" asegurando o funcionamento do centro de información transfronteirizo, concretando dous proxectos piloto de transporte público e garantindo a eficiencia e calidade na prestación de coidados de saúde nas zonas fronteirizas. 

Por outra banda quérense determinar as prioridades de cooperación no Alto Miño elaborando un estudo estratéxico e un plan global de acción ata o 2020, participar no proxecto "Responsabilidade Social Empresarial" (RSE) e desenvolver outras accións puntuais en colaboración con outras entidades.

Próximos pasos

Entre as propostas da Deputación para Unimiño está a posibilidade de introducir novos cambios nos estatutos, que deben ser consensuados coas entidades xurídicas que forman a asociación. Está aberta a posibilidade de ampliar o ámbito de actuación dándolles entrada a novos concellos e cámaras municipais e incluso mudar a sede ó territorio galego (actualmente está en Valença), o que permitiría aplicar a Lei de contratos do sector público e demais normativa española.