Noticias

A Deputación conmemora este sábado o Día Mundial das persoas ostomizadas iluminado de verde o Pazo Provincial

A institución provincial está a traballar con ASEII para dotar aos seus edificios de aseos adaptados a estas/es pacientes


01 outubro 2020

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o Pazo Provincial desde a tarde deste venres 2 de outubro ata a mañá do luns 5, ao abeiro do Día Mundial das persoas ostomizadas que se celebra o sábado. Deste xeito, a institución revalida o seu apoio ao colectivo co que, a través de entidades como ASEII, leva traballando dende xaneiro para dotar de aseos adaptados aos edificios da Deputación.

A través desta iniciativa a institución provincial pretende visibilizar ás persoas ostomizadas co obxectivo de integrar a todas as persoas afectadas e sensibilizar á sociedade das barreiras que teñen que superar a diario. Amais, tamén se quere reivindicar a necesidade de rachar obstáculos para axudar a que as persoas ostomizadas poidan reincorporarse á vida activa. Neste eido, a Deputación de Pontevedra está a traballar da man de ASEII para que no menor prazo de tempo se habiliten aseos adaptados en espazos da institución como o Edificio Administrativo onde xa comezaron as obras, o Museo de Pontevedra ou a Sede provincial de Vigo.

As persoas ostomizadas son aquelas que se someteron a unha ostomía, é dicir, a unha intervención cirúrxica a través da cal se xera un orificio de saída artificial para os desfeitos do organismo na parede abdominal. En total, en España hai máis de 125.000 persoas afectadas, das cales sobre 5.000 son galegas e 2.000 pertencen á provincia de Pontevedra.


Novas relacionadas


24 out 2016, día mundial do paciente ostomizado, ostomizado