Noticias

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 35 % as súas marcas provinciais de deporte DEPO-DAN e DEPO-PROMESA

Ata 259 deportistas de 33 modalidades diferentes xa teñen o recoñecemento da marca, coa que poderán optar ás bolsas cuxo prazo se abrirá ao remate do estado de alarma


30 abril 2020
DepoDan DepoPromesa

A Deputación de Pontevedra publicou no BOPPO a relación de deportistas da provincia que obteñen o recoñecemento das marcas provinciais de deportista de alto nivel (DEPO-DAN) e de deportista promesa (DEPO-PROMESA). En total son 259 as e os deportistas que entran este ano no programa da institución provincial, o que supón un incremento do 35 % respecto ao ano pasado.

Este recoñecemento posibilitaralles optar ás bolsas que lles permitirán adestrar e preparar os seus obxectivos deportivos coa maior tranquilidade e a maior dedicación posibles. Para a concesión terase en conta a xustificación dos resultados acadados nos anos 2018 e 2019 (o campionato que se certifique será o ultimo levado a cabo pola federación correspondente, posto que nalgunhas modalidades algunhas probas lévanse a cabo cada 2 anos). A previsión da Deputación é abrir este prazo en canto remate o estado de alarma motivado pola crise sanitaria da COVID-19.

Ao igual que noutras convocatorias, entre as e os deportistas da provincia que participan no programa da Deputación hai figuras recoñecidas internacionalmente, como é o caso de Támara Echegoyen, medalla olímpica en vela; Rodrigo Conde, quinto do mundo en remo; Pablo Dapena, subcampión do mundo de tríatlon de longa distancia; Teresa Portela, medalla de bronce en K1-200 metros no Mundial de Piragüismo 2019; Nico Rodríguez, regatista subcampión do mundo e de Europa na clase 470, ou Susana Rodríguez Gacio, campioa do mundo de paratríatlon.

Neste 2020 son 172 as e os deportistas que obtiveron a marca provincial deportistas DEPO-DAN; 113 mantéñense respecto da lista do ano pasado e 59 son as novidades. Nesta categoría están representados 31 deportes: atletismo (11), automobilismo (1), bádminton (1), billar (1), boxeo (1), agility (1), ciclismo (5), deportes de inverno (2), esgrima (2), judo (7), karate (2), kickboxing (1), loita (9), montañismo (1), motociclismo (2), natación (3), orientación (1), patinaxe (1), piragüismo (63), remo (4), salvamento (1), squash (1), surf (1), taekwondo (17), tenis (2), tiro con arco (2), tiro olímpico (2), tríatlon (5), vela (18), ximnasia (3) e deporte adaptado (1).

No caso da marca DEPO-PROMESA a lista está composta por 87 deportistas de 18 modalidades deportivas. Os datos desenvolvidos son os seguintes: bádminton (9), boxeo (1), esgrima (1), hípica (1), judo (4), karate (4), kickboxing (9), loita (3), montañismo (1), natación (2), orientación (1), patinaxe (1), piragüismo (25), salvamento (2), taekwondo (10), vela (3), xadrez (3) e ximnasia (7).