Noticias

A deputación de Pontevedra levanta no vestíbulo do Pazo provincial "un muro de paraugas para a defensa da igualdade"

Carmela Silva: "Este é un berro con palabras, porque temos que seguir poñendo e abrindo moitos paraugas que vaian tapando a choiva de desigualdade dos negacionistas que sufrimos cada día"


06 marzo 2020

A Deputación de Pontevedra levantou hoxe no vestíbulo do Pazo provincial "un muro de paraugas para a defensa da igualdade". Deste xeito, unha parede simbólica de arredor de 200 paraugas, que teñen escritas preto de 100 palabras de empoderamento sobre as mulleres, conforman a espectacular acción artística coa que a institución provincial conmemorou esta mañá a celebración do 8M. Como sinalou a presidenta Carmela Silva, esta acción constitúe un "berro con palabras pola igualdade", e a obra, que leva por título A fortaleza da razón e está acompañada dunha alfombra floral realizada con camelias pola Asociación Cultural Alfombras de Bueu, ficará desde hoxe e ata o vindeiro 31 de marzo no Pazo provincial.

Despois de colgar da balconada da Deputación unha lona co lema escollido este ano para conmemorar o 8M, "Por nós, por todas", a presidenta, arroupada por deputadas e deputados provinciais, concelleiras e concelleiros de Pontevedra e representantes de diversos colectivos de mulleres, amosou esta sorprendente e espectacular acción artística. Silva referiuse á importancia das palabras como eixe desta obra e da loita pola igualdade, "porque si, as palabras cambian o mundo". "As palabras teñen un enorme poder porque son as que constrúen o pensamento", afirmou. "Por iso nós cremos tanto na palabra e tamén no feminismo, que sempre loitou con palabras. Non hai ningún só xesto feminista que teña que ver coa violencia, pero si cunha revolución potentísima, que é cambiar o mundo para que todas e todos poidamos ser iguais e ter os mesmos dereitos".

Máis polo miúdo, a presidenta describiu a obra da artista Irene Silva como "rompedora e dinámica" e lembrou que "fala de mulleres poderosas e libres e da nosa sororidade contra os negacionistas; contra eses que pretenden dicir que non hai desigualdade e que non existe a violencia de xénero, e contra as afirmacións que negan todo o que padecemos as mulleres para acadar os nosos dereitos. Este é o noso muro para a defensa da igualdade na que eliximos como símbolo estes paraugas coa cor do feminismo. Temos moito que loitar, temos que seguir poñendo e abrindo moitos paraugas que vaian tapando esa choiva de desigualdade que sufrimos cada día".

A presidenta fixo referencia a algunhas das palabras escritas nos paraugas e recordou así mesmo unha frase de Aldous Huxley que dicía que "as palabras son máxicas pola forma na que inflúen na mente de quen as usa". E sinalou: "Nós queremos palabras que empoderen as mulleres: libre, dereito, abolicionista, guerreira, científica, investigadora, forte, aguerrida, empoderada... Son palabras que falan do que as mulleres queremos que nos defina".

Pola súa banda, Irene Silva, responsable da acción artística, amosouse "orgullosa" por participar nos actos do 8M da Deputación e insistiu en que a obra non é unha "exposición de culto ao uso", senón "a dunha acción artística, e que, coma toda acción humana é política, porque somos seres que creamos, elaboramos e entendemos os signos e a arte como linguaxe universal, ten un poder brutal". "Esta Fortaleza da razón xorde do compromiso e da necesidade de expresar claramente a posición na que estamos", afirmou. "Porque están chovendo todos os días argumentos falaces, mentiras contra a conquista dos dereitos en igualdade. E esa choiva diaria quere empapar as nosas conciencias, pexar o noso avance. Por iso este muro enramado con paraugas que levan os lemas das nosas fortalezas. É unha parede simbólica na que nos facemos fortes e na que defendemos os dereitos conquistados, e lucimos con orgullo o avance". Engadiu que na lista de palabras "están representadas todas as nosas individualidades pero tamén a forza da solidariedade que, unidas, dános o poder de ser libres".

Carmela Silva quixo rematar a súa intervención cunhas palabras da feminista María Vinyals, "a cara visible da Deputación de Pontevedra en igualdade", escritas en 1917 e aínda plenamente vixentes. "Estou encantada de que hoxe outras administracións ás que non lles pasaba nin pola cabeza visibilizar as mulleres ata hoxe copien as accións da Deputación de Pontevedra", apuntou. "Encántame que isto aconteza e, cantas máis persoas se sumen a visibilizar mulleres, moito mellor nos irá como sociedade". A presidenta dedicoulles aos negacionistas as palabras de Vinyals, que falaban dos dereitos que lles quedaban ás mulleres por acadar na igualdade, da supresión da prostitución ou da emancipación das mulleres. "Para que aprendan, para que se formen, para que saiban do que falan", apuntou. "Porque a ignorancia non se pode permitir nos responsables políticos, que teñen que falar con rigor. E os que negan a desigualdade son moitas cousas; entre outras, moi ignorantes".

A presidenta continuou afirmando: "Aquí estamos, aquí estivemos, aquí seguiremos as mulleres. Xuntas, porque xuntas somos máis fortes. Que ninguén e ningún pensamento nos debilite e nos desuna. Xuntas as mulleres somos máis fortes e o camiño o faremos máis rápido porque, lle guste a quen lle guste, lle desguste a quen lle desguste, a igualdade é o dereito máis fundamental do mundo; e esa batalla pacífica coas palabras ímola gañar a metade da poboación, e o queremos facer acompañadas de tantos homes que tamén cren na igualdade. Polas mulleres, por nós, por todas, imos seguir loitando todos os días do ano. E o 8M é a nosa referencia".

A presidenta provincial rematou anunciando que os paraugas da instalación regalaranse entre as persoas que deixen anotadas no espazo reservado no vestíbulo da Deputación as palabras que as identifiquen, "porque queremos que esta sexa unha instalación viva e que cando chova sigamos movendo a igualdade con estes paraugas". Ademais dos recoñecementos á ex deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, á artista Irene Silva e á asociación de alfombristas de Bueu que preside Carmen Santos, Carmela Silva lembrou que a provincia de Pontevedra seguirá a traballar por ser unha referencia e por "cambiar desde o local un mundo e un sistema patriarcal que danan duramente a metade da poboación".

Fotos

Vídeos