Noticias

A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta polas BTT cun total de cinco DepoRutas BTT

As rutas desta terceira edición, que sairán de Meis, Silleda, Nigrán, Salceda de Caselas e Cangas, serán totalmente gratuítas e terán un límite de 300 participantes para cada unha


01 xuño 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a posta en marcha, por terceiro ano consecutivo, das DepoRutas BTT. En concreto, este ano, a iniciativa contará con cinco rutas, dúas máis que o ano pasado, que sairán de Meis, Silleda, Nigrán, Salceda de Caselas e Cangas. "É unha disciplina estreitamente vinculada co turismo medioambiental, coa sustentabilidade e coa posta en valor do territorio. Así, esta práctica é unha boa alternativa para dar a coñecer o marabilloso patrimonio, tanto de costa como de interior da nosa provincia", destacou Silva.

Ademais, a presidenta provincial enxalzou a aposta "tan potente que facemos polas BTT" e destacou algúns datos como que "as ventas de artigos deportivos relacionados co sector do ciclismo alcanzou, segundo o último informe publicado, os 1.623,5 millóns de euros e que cada ano aumentan o número de probas BTT en Galicia e España, así como as persoas participantes en cada proba". Neste eido, Carmela Silva tamén fixo referencia ao aforro en gasto sanitario en Europa vencellado ao cicloturismo, que se estima de 20.000 a 25.000 millóns de euros anuais. Para rematar, a presidenta da Deputación fixo fincapé en que "é obrigado que as administracións apoiemos este tipo de iniciativas que cada vez teñen a máis seguidoras e seguidores".

Máis polo miúdo, a primeira DepoRuta BTT terá lugar o 25 de agosto, en Meis; o 15 de setembro será a de Silleda; o 29 de setembro, en Nigrán; o 20 de outubro, en Salceda de Caselas; e, por último, a última ruta será o 27 de outubro en Cangas. En canto a dificultade, tres das probas terán unha dificultade fácil-media que irán entre os 30 e os 50 quilómetros; e as outras dúas, cunha dificultade algo maior, terán un percorrido de entre 35 e 45 quilómetros.

Un ano máis, as inscricións serán totalmente gratuítas e terán un límite de 300 participantes para cada unha, un total de 1.500 prazas. Así, as persoas interesadas en participar deberán ter un mínimo de 16 anos e poderán facelo a través da web www.depo.gal e o prazo abrirase ao longo do mes de xuño.