Noticias

A Deputación de Pontevedra reabre este martes a Oficina de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza

Os puntos de información de Peinador e A Armenteira abrirán as súas portas cara ao mes de xullo ao igual que as oficinas dos concellos da Rede Rías Baixas


08 xuño 2020
Palacete das Mendoza

Con todas as medidas de seguridade e cun Plan de continxencia específico, a Deputación de Pontevedra reabrirá este martes a Oficina de Turismo Rías Baixas do Palacete das Mendoza en Pontevedra, despois do parón provocado pola crise sanitaria da COVID-19. A oficina abrirá as súas portas nos horarios habituais e a atención ás persoas visitantes farase cun 50 % de aforo e coas medidas de protección xa establecidas no resto das dependencias provinciais. Así, o protocolo suporá pasar por alfombras de desinfección do calzado, controis de medición de temperatura e uso de hidroxel, ademais da obrigatoria utilización de máscaras en todo o Palacete. Tamén, fomentarase o acceso á información turística ao través de códigos QR para evitar o uso de papel.

En canto as outras dúas oficinas turísticas da Deputación, o punto de información do aeroporto de Peinador ten previsto a súa reapertura o próximo 1 de xullo, mentres que o da Armenteira farano ao longo da primeira semana de xullo xa que o seu público obxectivo son unicamente os grupos.

Respecto ás oficinas dos concellos da provincia, adheridos á Rede Info Rías Baixas, a previsión é que todas estean en funcionamento entre a última semana de xuño e a segunda de xullo. Mantivéronse reunións con todos os concellos para constituír os Comités de Xestión do Risco e poñer en marcha os protocolos hixiénico-sanitarios, así como os medios de atención ao público, subministrados pola Deputación de Pontevedra, e que xa están activados. Ademais, todos os concellos da Rede xa estableceron os procedementos para a contratación do persoal informador turístico.  Os municipios con oficinas turísticas adheridas á Rede Info Rías Baixas son: A Illa de Arousa, A Guarda, Baiona, Cambados, Cangas, Moaña, Cuntis, Nigrán, Ribadumia, A Estrada, Bueu, Marín, Meaño, Poio, Ponteareas, Caldas de Reis, Salvaterra de Miño, Oia, As Neves e Catoira.