A Deputación constitúe o Comité de Dirección do proxecto Activa Rural Transfronteirizo para impulsar a innovación nos coidados e o envellecemento activo no medio rural

O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, destaca que a iniciativa permitirá “avanzar cara a un modelo de coidados máis inclusivo, accesible e sostible para as persoas maiores das áreas rurais”

09/06/2026

A Deputación constitúe o Comité de Dirección do proxecto Activa Rural Transfronteirizo para impulsar a innovación nos coidados e o envellecemento activo no medio rural

A Deputación de Pontevedra acaba de acoller a constitución do Comité de Dirección do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, unha iniciativa liderada pola institución provincial que busca dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal. O encontro serviu para poñer en marcha os órganos de coordinación dun programa aprobado na sétima convocatoria do Interreg Poctep 2021-2027, cun orzamento de preto de 4,5 millóns de euros, financiado nun 75% con fondos FEDER e cun horizonte de execución ata finais de 2028.

O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, foi o encargado de dar a benvida ás entidades participantes e destacou que o proxecto “dá continuidade a unha liña de traballo que nos define como territorio: a cooperación entre institucións para afrontar retos compartidos”. Neste sentido, subliñou que Activa Rural nace para facer fronte a unha realidade cada vez máis presente nas zonas rurais, marcada polo envellecemento da poboación, as dificultades de acceso a determinados servizos asistenciais, a fenda dixital ou a soidade non desexada. “Sabemos que estes desafíos teñen un impacto directo na calidade de vida das persoas maiores e este proxecto nace precisamente para ofrecer unha resposta coordinada e innovadora a esa realidade”, sinalou Tourís, quen incidiu na necesidade de garantir “unha vida digna, activa e conectada para as persoas maiores do medio rural”.

O proxecto aposta pola innovación en benestar, saúde comunitaria, coidados asistenciais e envellecemento activo. O obxectivo é avanzar cara a un modelo de coidados inclusivo, accesible e sostible, baseado en servizos de proximidade, dixitalización inclusiva e tecnoloxías asistenciais, pero sempre cun enfoque centrado nas persoas, na súa autonomía e na súa participación na comunidade.

Entre as actividades que desenvolverá a Deputación de Pontevedra, destaca o lanzamento dunha convocatoria aberta a municipios rurais para implementar proxectos pilotos na provincia vinculadas á Axenda de Envellecemento Activo, cunha dotación de 300.000 euros. Así, entre as accións previstas figuran actividades de exercicio físico, campionatos de xogos tradicionais, programas de acompañamento social interxeracional entre mocidade e maiores, circuítos de turismo sénior e festivais interxeracionais.

A cooperación transfronteiriza constitúe un dos piares fundamentais da iniciativa. As 17 entidades socias participantes traballarán de maneira coordinada para deseñar e poñer en marcha solucións innovadoras que melloren a atención ás persoas maiores e contribúan ao desenvolvemento social e económico dos territorios rurais. “A suma de capacidades e coñecementos permitirá construír respostas máis completas, eficaces e resilientes para afrontar os desafíos demográficos que compartimos”, destacou o deputado provincial.

O proxecto conta cun amplo consorcio de entidades. No ámbito español participan, ademais da Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense, a Universidade de Santiago de Compostela, a Dirección Xeral de Maiores da Xunta de Galicia, así como as deputacións de León e Cáceres. Pola parte portuguesa, forman parte do proxecto as comunidades intermunicipais do Alto Minho, Alto Tâmega e Barroso, Terras de Trás-os-Montes, Alto Alentejo, Beiras e Serra da Estrela e Beira Baixa, así como os institutos politécnicos de Bragança e Leiría. Ademais, a iniciativa conta con dous socios sen financiamento: o Centro de apoio á innovación tecnolóxica en intelixencia artificial para a transformación dixital e a Deputación de Zamora.


 

Galerias de imaxes