Rafa Domínguez confirma a aprobación de dous novos convenios de colaboración entre a Deputación e o Concello de Pontevedra valorados en 2,7 millóns de euros

Trátanse da mellora da accesibilidade na rúa Luís Seoane, cun investimento de 368.119 euros, e da renovación da iluminación pública de Pontevedra, con máis de 2,3 millóns de euros

26/09/2025

Xunta de Goberno

O vicepresidente provincial Rafa Domínguez confirma que a Xunta de Goberno da Deputación acaba de aprobar dous novos convenios de colaboración entre o organismo e o Concello de Pontevedra valorados en 2,7 millóns de euros. Trátanse da mellora da accesibilidade na rúa Luís Seoane, cun investimento de 368.119 euros, e da renovación da iluminación pública de Pontevedra, con máis de 2,3 millóns de euros.

"Ante a negación, ante un alcalde que se empeña en dicir que este goberno provincial non inviste nesta cidade, aquí estamos nós, con feitos, con verdades, aprobando recursos como nunca antes se fixera para Pontevedra", subliñou o vicepresidente provincial. "O noso obxectivo –remarcou- é que a miña cidade, Pontevedra, avance, se modernice, e sexa un lugar moito mellor no que vivir".

Rafa Domínguez explicou que na rúa Luís Seoane ampliaranse espazos destinados á mobilidade peonil e eliminaranse barreiras arquitectónicas. Para conseguilo, levantarse a totalidade do pavimento e renovarase con dúas áreas diferencias: unha plataforma única e outra zona exclusiva peonil. Tamén se van mellorar as instalacións de drenaxe, abastecemento, soterramento de novas liñas de alumeado e mantemento das instalacións.

No que respecta ao alumeado, trátase da mellora da zona norte do centro urbano de Pontevedra, o nó do Pino, A Parda e Valdecorvos. Nestas zonas substituiranse as actuais luminarias por outras con tecnoloxía LED, mellorarase o control do sistema coa renovación de 39 cadros de mando, e substituirase parte do cableado, executando tomas de terra e mellorando as columnas.