Noticias

Igualdade, formación, emprendemento e cultura, eixos da programación na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

A presidenta, Carmela Silva, avanzou que, ao abeiro do 8 de Marzo, a sede viguesa acollerá durante una semana toda unha serie de actos "coas mulleres como protagonistas"


10 febreiro 2020

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá, no transcurso dun almorzo informativo, a programación na nova sede en Vigo, que confirma o espírito co que naceron as novas dependencias provinciais da rúa de Eduardo Chao, "converter este centro nun espazo aberto á cidadanía en un factor de dinamización cultural do Casco Vello". Silva adiantou que a igualdade, a formación, o emprendemento e a cultura serán os principais eixos ata o mes de abril da programación na sede, con encontros, exposicións, representacións teatrais, cursos de formación, así como unha pasarela, unha sesión de cinema, unha xornada de literatura e asesoramento a persoas emprendedoras.

A igualdade, un dos grandes obxectivos do Goberno da Deputación, estenderase ao longo de todo o ano e moito máis na semana do 8 de marzo, ao abeiro do Día Internacional da Muller. Deste xeito, mañá mesmo, 11 de febreiro, Día da Muller e da Nena na Ciencia, terá lugar un encontro con mulleres do mundo da enxeñería, do Colexio Oficial de Enxeñería de Vigo, para visibilizar ás mulleres da ciencia e afondar nas matriculacións de mulleres en carreiras STEM, "unha das grandes preocupacións da Deputación. Estanse a matricular menos mozas en STEM que fai 10 anos, o que significa que se as mozas non se matriculan en carreiras de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas os homes, que superan o 75 % da matrícula nestas áreas, van seguir a dirixir o mundo". Ao respecto, Silva adiantou que, xunto ao colexio, vaise poñer en marcha un proxecto para potenciar que as mulleres se incorporen a estas disciplinas académicas.

Almorzo informativo na Sede de Vigo

Xa con motivo do 8 de marzo, "imos facer múltiples actividades para berrar alto e claro contra a desigualdade e contra as violencias machistas. Este ano van xa 10 mulleres asasinadas e estamos enfadadas e fartas. É intolerable e por iso imos impulsar moitas iniciativas ligadas a este 8M", asegurou a presidenta provincial. Así, o 3 de marzo inaugurarase, ás 20 horas, a exposición "Sempre marzo", coordinada pola poeta Yolanda Castaño, que recolle unha selección de arte plástica e poesía a cargo de 33 creadoras e creadores galegas/os sobre igualdade e feminismo. Un día despois, o 4 de marzo, terá lugar a actividade "Letras en feminino", na que participarán autoras de narrativa e poesía coa finalidade de "visibilizar a revolución da literatura en Galicia, onde as mulleres están a ocupar grandes espazos". Tamén enmarcada na semana do 8M,terá lugar unha sesión de cinema en feminino con proxección de Ouaga Girls, Visións (do proxecto tamén liderado pola institución provincial "Cinema e muller") e Sonita os días 5,6 e 9 de marzo, respectivamente, ás 20 horas na sala de proxeccións Dorotea Bárcenas da nova sede de Vigo. Ademais, en abril, terá lugar unha exposición, en colaboración coas asociacións feministas, centrada nos carteis que se exhiben nas manifestacións do 8M. "Moitos son marabillosos, verdadeiras obras de arte e con mensaxes moi potentes que queremos recompilar para que perduren no tempo", asegurou Carmela Silva.

A formación e o emprendemento serán outros eixos da programación da nova sede de Vigo da Deputación. Así, os días 13, 14, 17, 18, 19 e 20 de febreiro terá lugar o proceso de selección ligado ao programa europeo "Labora 2020". "Trátase dun programa que ten por obxectivo impulsar 11 itinerarios personalizados para a mellora da formación e empregabilidade e encamiñados a acadar un certificado de profesionalidade", asegurou a presidenta provincial. En total en Vigo foron 250 as persoas que presentaron a súa solicitude para participar en cursos centrados en hostalería, dinamización do tempo libre, socorrismo que comezarán a partir de marzo.

Tamén neste mesmo aspecto a presidenta informou que está xa en pleno funcionamento o programa "SmartPeme", que está a prestar asesoramento individualizado a persoas autónomas e emprendedoras, así como a impartir cursos de formación relacionados coas novas tecnoloxías. Ao respecto, Silva explicou que mañá mesmo, de 18 a 21 horas, terá lugar o curso de Woocommerce: a Solución que Buscabas para Vender por Internet; o xoves 13 de febreiro, de 19 a 21, Cámara Réflex: Aprende a Utilizar o Modo Manual en Fotografía; o 18 de febreiro, de 19 a 21 horas, Inbound Marketing; o xoves 20 de febreiro, de 19 a 21, Aprende a Elixir as Palabras Clave para a túa Estratexia SEO e SEM e o 27 de febreiro, de 17 a 19, TripAdvisor. A Plataforma Perfecta para a túa Empresa Turística.

Xunto á igualdade, a formación e o emprendemento, a cultura será outra das grandes protagonistas na nova sede de Vigo da Deputación. Deste xeito, o 21 de febreiro, ás 20.30 horas, terá lugar unha pasarela do traxe galego para poñelo en valor, amosar as súas diferentes tipoloxías e tecidos a través de pezas orixinais e reproducións fidedignas froito da investigación da asociación "Sete espadelas". No marco desta pasarela, ademais, haberá unha mostra dos traballos de Elena Ferro e Paula Ojea, Premios Nacionais de Artesanía.

O 24 de febreiro terá lugar o "Día de Rosalía", contando para elo coa "visita" de Rosalía de Castro e Modesto Brocos que pasearán polas prazas e rúas do Casco Vello ata rematar, ás 19 horas, cunha representación na sede de Vigo. Unhas semanas despois, o día 11 de marzo, arrancará a primeira "gran exposición" na sala Maruja Mallo que será "Muller por muller", comisariada por Rosa Sarmiento e que, a partir de fondos das coleccións públicas de arte da provincia de Pontevedra, fará un percorrido por artistas que teñen reflectido o universo feminino e seguen silenciadas.  

O 14 de abril, na Sala Rosalía de Castro, terá lugar unha nova exposición centrada, neste caso, en María Xosé Queizán, "unha grande muller da cultura e das letras e tamén unha das grandes feministas que deron a cara por todas as mulleres", asegurou Carmela Silva.

Ademais, entre marzo e abril tamén terá lugar na sede de Vigo a mostra "O vento nas velas" de Xurxo Lobato; celebrarase o Día do Teatro (27 de marzo), o das Artes (1 de abril), o día do Libro (23 de abril) e o da Música (21 de xuño), así como outras iniciativas impulsadas polo tecido asociativo da cidade.


Novas relacionadas