Noticias

O Pazo provincial da Deputación tínguese de verde con motivo do Día Nacional da Doazón de Órganos

A institución provincial súmase a Alcer Pontevedra, Asociación de Loita Contra as Enfermidades do Ril, iluminando o Pazo desde a noite deste martes ata o xoves


01 xuño 2021

A Deputación de Pontevedra iluminará de verde o seu Pazo provincial desde as 22:00 horas deste martes ata as 7:30 horas do xoves, ao abeiro da conmemoración do Día Nacional da Doazón de Órganos, que terá lugar este mércores 2 de xuño. Deste xeito, a institución súmase ás reivindicacións de Alcer Pontevedra, organización que representa ás persoas que sofren enfermidades de ril e as súas familias.

Esta iniciativa pretende dar visibilidade á doazón de órganos, cuxa importancia na enfermidade renal, entre outras patoloxías, é vital. Neste caso, a doazón constitúe unha enorme mellora da calidade de vida da persoa enferma, e permite evitar o tratamento diario e restricións na alimentación. A cor verde que tinguirá o Pazo provincial representa a doazón de órganos a nivel mundial.

A actual crise sanitaria puxo de manifesto a fortaleza de España no ámbito da doazón, que no pasado 2020 se materializou nun total de 4.425 transplantes de órganos. Esta actividade foi posible grazas ás 1.777 persoas que doaron os seus órganos tras o seu falecemento e ás 268 que doaron un ril ou parte do seu fígado en vida. Deste xeito, malia os efectos da COVID-19, o descenso da doazón foi só dun 22,8 %, mantendo España nunha posición de excelencia a nivel mundial.