Noticias

A cuarta edición da BTT Troita congregará a máis de 300 ciclistas, demostrando a fortaleza desta proba

A cita caldelán mantén o tirón, a pesar da forte competencia no calendario


30 maio 2017
Ponte Caldelas
BTT Troita

A cuarta edición da ruta de ciclismo todo terreo de Ponte Caldelas, BTT Troita, congregará a máis de 300 participantes. A proba, que se celebra o próximo 4 de xuño, está a pechar estes días o período de inscrición con todos os detalles da organización case pechados.

O alcalde, Andrés Díaz, e o responsable da empresa Global DxT, Josevi Cimadevila, analizaron os preparativos dunha proba que é xa un clásico no panorama do "mountain bike" galego. Ambas partes repasaron a posta a punto dun percorrido de 38 Km que transcorre, en gran parte, por paisaxes de gran beleza natural.

O Goberno local caldelán, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, aposta polo reforzamento desta proba, así como da carreira pedestre de Ponte Caldelas. Non obstante, é consciente de que é necesario ir introducindo cambios para dotalas do suficiente atractivo para manter a súa capacidade de convocatoria. Dende o club organizador constatouse que nestes últimos anos están a desaparecer algunhas carreiras de nova creación, toda vez que as cifras de inscrición evidencian unha tendencia global á baixa.

A BTT Troita, ao superar os 300 participantes, sitúase entre as máis concorridas de Galicia, por enriba doutras celebradas en cidades ou municipios de moita maior poboación. E iso, a pesar de que a filosofía desta convocatoria, que aposta por unha dificultade media e un percorrido de "só" 38 Km contrasta cunha certa tendencia a maratóns que se achegan aos 100 Km e máxima dificultade. A aposta é tamén por un prezo de inscrición contido, pois cóbranse entre 10 e 12 euros, segundo o momento de formalización.

O principal atractivo da proba caldelán está na paisaxe e na variedade dun circuíto no que abundan os montes, fragas e beiras fluviais, con subidas, baixadas e trazas moi zigzagueantes, con todos os niveis de esixencia técnica repartidos por tramos.

A Alameda de Ponte Caldelas será, doutra volta máis, o escenario que acollerá aos participantes. Alí congregaranse os habituais servizos que se ofrecen nesta proba, como avituallamentos sólidos e líquidos, lavado de bicicletas e servizo de masaxe, fotografías do evento, agasallos para todos os participantes e moitas sorpresas. A organización tamén proporciona amplas facilidades de aparcamento nos espazos de Chan da Barcia e o paseo da Calzada.