Noticias

O Pavillón de Ponte Caldelas acolle o espectáculo para todos os públicos "Payasolandia"

O Concello cede as instalacións a cambio dunha rebaixa na entrada


25 maio 2017
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas

Un espectáculo para toda a familia. Así definen os promotores da compañía "Payasolandia" a actuación que ofrecerán mañá venres, ás 19.00 horas, no Pavillón Municipal de Ponte Caldelas. A "taquilla" abrirá media hora antes, a un prezo de 9 euros a entrada. Os menores de 2 anos teñen acceso libre.

"Payasolandia" é unha representación que dura case hora e media a cargo de tres actores procedentes do mundo do circo, con varias décadas de experiencia as súas costas. A compañía xira habitualmente por toda España e hai máis dunha década que non paraba na localidade caldelán. Hai algúns días estivo en Ponferrada e ten previsto que a súa próxima estadía sexa na localidade coruñesa de Santa Comba.

Jesús Santos, responsable da compañía, mantivo unha xuntanza co alcalde, Andrés Díaz, e explicou que haberá cancións, parodias, concursos e moita interacción coa rapazada, incluíndo unha actuación musical con campás a cargo do público. Ao remate sortearanse regalos entre os cativos e pecharase cun "photocall" cos actores.

O prezo da entrada é de 9 euros, máis barato que o prezo habitual de 12 euros, grazas á colaboración do Concello, que cede o Pavillón de Chan da Barcia.

O responsable de "Payasolandia" insiste en que toda a representación está concibida para pasar un rato moi divertido  e coa máxima participación do público. Un espectáculo especialmente dirixido a nenos e nenas  de ata 12 anos.