Noticias

Unha Lingua de Premio reivindica o papel dos certames na consolidación do sistema literario galego

A festa literaria contou coa asistencia de representantes dos concellos convocantes dos premios literarios da provincia, de numerosas escritoras e escritores, de editoriais, críticos e críticas literarias, librarías e mediadoras e mediadores de lectura


26 setembro 2018
Unha lingua de premio

O Pazo provincial converteuse esta tarde no escenario da festa literaria Unha Lingua de Premio, organizada polo ente provincial con motivo do Día Europeo das Linguas e para festexar os premios literarios que convocan os concellos da provincia. A festa, que estivo conducida pola presidenta, Carmela Silva, polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e pola escritora Ledicia Costas, contou coa asistencia de gran parte do Goberno provincial, de representantes da maioría dos concellos convocantes dos certames, de representantes da AELG, de diferentes editoras do país, de autoras e autores, críticas e críticos literarios, clubs de lectura, bloggers, librarías e mediadoras e mediadores de lectura. O eixo central da gala xirou ao redor da dignificación da lingua galega e da reivindicación do papel dos certames literarios na consolidación do sistema literario galego, e nese contexto entregáronselle dous recoñecementos simbólicos a Manuel Bragado e ao Festival da Poesía do Condado polas súas traxectorias a prol da lingua e da literatura galegas. Tamén tiveron voz unha representante dos xurados das convocatorias do pasado exercicio, a editora Malores Villanueva, e un representante dunha das entidades convocantes dos certames, Francisco Freire da FANPA de Pontevedra.

A condutora do evento, Ledicia Costas definiu os premios literarios como "un motor importante que alentan a creación literaria e que procuran a normalización da nosa lingua". A escritora e membro da xunta directiva da AELG aproveitou a súa intervención para defender a importancia da dotación económica que conlevan os premios "porque é unha maneira de dignificar o traballo das creadoras e dos creadores e de contribuír a unha mínima profesionalización, porque moitas veces parece que a cultura ten que ser de balde". Sobre os premios literarios tamén salientou "o foco mediático que supoñen tanto para a obra gañadora como para o autor ou autora, o que supón un espazo de visibilidade tamén moi importante no mundo da literatura". Por último, Ledicia Costas aproveitando o Día Europeo das Linguas reclamou "a dignificación da nosa lingua" e apelou "á responsabilidade das familias, dos pais e das nais, para transmitir a lingua ás xeracións máis novas porque eu no meu día a día estou comprobando que a rapazada vai perdendo cada vez máis competencias en galego".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que "o compromiso da Deputación de Pontevedra coa lingua e a nosa cultura nos ten convertido nunha gran referencia na nosa comunidade". Neste eido, Silva reivindicou que a lingua e a cultura son "as mais importantes sinais de identidade dun país e que o noso talento e creatividade son hoxe recoñecidos no conxunto do Estado, en Europa e alén do mar. Por elo accións como a que hoxe celebramos son una mostra do sentimento de orgullo de ser galegas e galegos".

Tamén tivo palabras Silva para recordar a María Victoria Moreno, a homenaxeada con motivo das Letras Galegas neste 2018. Neste eido, fixo súas as súas verbas relativas á situación do idioma: "a situación do galego non se pode ver con indiferenza. Se estou coa xente que amasa o meu pan e máis colle no mar os peixes da miña mesa, tamén quero falar con eles, falar a súa fala".

Recoñecementos

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, glosou a listaxe das convocatorias indicando que "os premios desta provincia establecen, na súa maior parte, un vínculo cos concellos que os convocan pero tamén con persoeiros destacados da nosa cultura e da nosa historia". Así, citou a Manuel Lueiro Rey que dá nome aos premios de xornalismo e poesía de Fornelos de Montes, e ao de novela curta do Grove; a Manuel García Barros que dá nome ao de novela, a Manuel Reimóndez Portela que dá nome ao de xornalismo, e a Varela Buxán ao de teatro, os tres do concello da Estrada, a Xohán Carballeira que dá nome aos de poesía e xornalismo de Bueu; a Olimpio Arca ao de investigación en humanidades e ciencias sociais de Cuntis; Xesús Ferro Couselo ao de investigación de Valga; e o Balbino de relato de Vila de Cruces que colle o nome do mítico personaxe de Xosé Neira Vilas na súa mítica obra Memorias dun neno labrego.

Leal tamén se referiu aos premios que levan o nome de "mulleres singulares, pioneiras e loitadoras da nosa historia" como son o Matilde Bares de relatos de igualdade de Bueu, o Avelina Valladares de poesía da Estrada, e o Nélida Piñón de relato de Cerdedo-Cotobade. Tamén citou os "premios que conectan coa singularidade física e histórica dun concello" como o Viadutos de novela de Redondela ou o da Romaría Vikinga de teatro de Catoira, e por último, mencionou con especial agarimo o premio de relato curto da FANPA de Pontevedra que, segundo indicou, "conecta a todo o alumnado, profesorado e mesmo familias do alumnado nunha gran rede provincial de creadores e creadoras que vai medrando ano a ano".

Xosé Leal tamén foi o encargado de poñerlle voz ao motivo polo que se escolleron os recoñecementos que se entregaron na festa. Do Festival da Poesía do Condado asegurou que "é unha iniciativa única e sen parangón no noso país, que nace do tecido asociativo, isto é, da ilusión, do esforzo, do entusiasmo e, sobre todo, da loita por manter viva a iniciativa contra vento e marea." O deputado afirmou que "con este recoñecemento queremos poñer en valor todo ese traballo colectivo co que foron quen de sacar adiante un soño e contribuír a construír unha cultura e un país de noso".

Sobre Manuel Bragado afirmou que "é unha persoa que desenvolveu un notable traballo profesional que se revelou fundamental para a consolidación e a madurez do noso sistema literario". Fixo fincapé en que "Bragado dedicou a súa vida á literatura, máis aló do esixible laboralmente" e que "foi mentor de grandes nomes da nosa literatura actual e nesta provincia tivemos e temos a sorte de contar co seu bo facer na edición de parte dos premios que hoxe festexamos".

Os recoñecementos, entregados pola presidenta e polo deputado, foron recollidos polo propio Manuel Bragado e por Xosé González, un dos primeiros fundadores do Festival da Poesía do Condado, ao que a actual directiva lle cedeu a encarga de recollelo para visibilizar e honrar máis de corenta anos de historia e esforzo.

Literatura e outras disciplinas artísticas

A posta en valor da literatura en galego no Día Europeo das Linguas tamén tiña por obxectivo que a creación literaria convivise con outras disciplinas artísticas. A música de Xardín Desordenado achegou poemas musicados: As Palabras de Valentín Paz Andrade, Aprendendo a ladrar de Olga Novo, Díptico Gramatical de María Victoria Moreno e Verbas de Esperanza para Rosalía de Carlos Casares. O teatro, que chegou da man das actrices Iria Pinheiro e Ailén Kendelman, levou ao Pazo provincial as musas que inspiraron a autoras e autores nos certames da provincia e que, despois dun ano esgotador, aproveitaron a festa literaria para despedirse e tomarse un ano sabático. O audiovisual proxectado permitiulle ao público facer un percorrido polos concellos e polas obras gañadoras nun vídeo realizado e ideado por Ovo Publicidade. A ilustradora Paula Pereira achegou as pezas de cerámica que se lle entregaron aos homenaxeados e os gravados que se lle entregaron ao público asistente. Catro adegas da IXP Ribeiras do Morrazo achegaron o viño que se serviu no petisco final, e a artista Ana Seoane foi a encargada do deseño e colocación da gran ‘alfombra dos premios', que recolle todas as obras e autores e autoras gañadoras de toda a historia dos premios, e que foi unha das intervencións que máis expectación suscitou.