#COOPERACIÓNTRANSFRONTEIRIZA

O AECT RÍO MINHO

Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) é un instrumento de cooperación, con personalidade xurídica propia, integrado pola Deputación de Pontevedra e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho.


Constituíuse en Valença o 24 de febreiro de 2018 para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo logo da Declaración de Tui, asinada en 2016.

Ten por obxectivo lograr a máxima cohesión económica e social da rexión transfronteiriza do val do río Miño a través da posta en marcha de programas, proxectos e accións comúns entre os territorios galego e portugués.

O val transfronteirizo do Miño está situado no eixe Vigo-Porto, cunha extensión de 3.312 km2 e unha poboación de 376.000 habitantes, sendo a fronteira ibérica máis poboada e máis transitada xa que concentra o 47 % do tránsito medio de vehículos entre ambos os estados.

O AECT NA PANDEMIA

  • O AECT Rio Minho consolidouse como a institución de referencia na reivindicación da reapertura da fronteira durante o peche pola COVID-19, que durou 74 días no primeiro confinamento e 99 días no segundo
  • O AECT, como entidade con personalidade xurídica, pediulles solucións e implicación a todas as administracións, Xunta, Estado e Unión Europea, con mocións e cartas de apoio de todos os concellos integrantes baixo o berro unánime reflectido na pancarta OPEN THE BORDER colocada na ponte da Amizade
  • Encargouse un estudo de impacto económico á Universidade de Vigo, elaborado por Xabier Martínez Cobas, para demostrar os prexuízos do peche. Este puxo de manifesto que o primeiro confinamento e o peche da fronteira provocaron unha perda de facturación de máis de 92 millóns de euros no comercio e na hostalería no Miño
  • Realizouse un rexistro de persoas traballadoras afectadas polo peche da fronteira
  • Reclamouse a posta en marcha dunha tarxeta transfronteiriza para facilitarlles a mobilidade ás persoas traballadoras e á veciñanza miñota
  • Púxose en marcha o COVIDMinho para poder comparar as situacións epidemiolóxicas dos concellos miñotos e unificáronse os criterios das autoridades sanitarias de ambas as beiras
  • Elaborouse o documental Confinados no río Miño para amosar os casos concretos que exemplificaron os problemas que supuxo o peche da fronteira
  • Estanse a reclamar fondos específicos de Next Generation para compensar a fronteira e do POCTECP para utilizarse directamente na fronteira

Galería de fotos das protestas