Órganos de Goberno

Carmela Silva Rego

Presidenta da Deputación de Pontevedra

Biografía

Carmela Silva (Vigo, 1960) é presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra desde 2015, converténdose na primeira muller en Galicia en ocupar este alto cargo institucional. A súa dilatada traxectoria política está marcada pola loita incansable a favor da igualdade, e nela destacan outros fitos de gran relevancia na conquista de espazos para as mulleres, tanto desde o marco simbólico, ao alcanzar postos historicamente reservados aos homes, coma na súa propia xestión á fronte da Deputación de Pontevedra.

Licenciada en Dereito Económico e diplomada en Maxisterio, habilitada como profesora de Educación Especial, Carmela Silva foi a primeira muller portavoz parlamentaria no Senado, cargo que ocupou, en representación do PSOE, entre 2008 e 2011. Ademais, foi deputada entre 2000 e 2004 e entre 2011 e 2015, período no que liderou a candidatura socialista por Pontevedra e foi designada secretaria segunda da Mesa do Congreso.

Así mesmo, a actual presidenta da Deputación de Pontevedra ocupou altos cargos orgánicos na executiva do PSOE desde 2008, e desde 2011 é primeira tenente de alcalde do Concello de Vigo. Nesta cidade asumiu o mando das concellerías de Economía, Facenda, Urbanismo, Patrimonio Municipal e Patrimonio Histórico, dirixidas tradicionalmente por homes.

A súa xestión á fronte da Deputación de Pontevedra ten na defensa e promoción das mulleres un dos seus eixes estratéxicos. Baixo o seu mandato creouse por primeira vez a área de Igualdade, que traballa de modo transversal aos demais departamentos do Goberno provincial, e púxose en marcha a Escola de Igualdade María Vinyals, primeira de Galicia no seu eido. Ademais, promoveu o programa "Violencia zero", de loita contra as violencias machistas a través de accións artísticas, e levou a cabo proxectos de visibilización das mulleres no sector do mar, agrario, cultural e empresarial.

A Deputación de Pontevedra conta tamén cun Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, en vigor desde xaneiro de 2018, e financia a cátedra Feminismo 4.0 da Universidade de Vigo, pioneira en España. No ámbito educativo Carmela Silva é unha firme defensora da maior presenza de mulleres nas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e no familiar puxo en marcha campañas de xogos non sexistas con relevancia nacional.

A presidenta da Deputación de Pontevedra ten como máxima fundamental promover que as mulleres ocupen espazos de poder. O seu equipo directivo confórmano maioritariamente mulleres. No Concello de Vigo nomeou dúas mulleres á fronte da Xerencia de Urbanismo, as primeiras na historia da cidade, e o seu persoal de confianza na Deputación Provincial está composto na súa inmensa maioría por mulleres.

Silva defende que as mulleres deben acadar, polo menos, unha representación do 52 % nas cúpulas e cargos intermedios do ámbito empresarial e institucional, equivalente ao peso demográfico feminino. Así mesmo, mantén con firmeza que a igualdade non é unha quimera e que "o século XXI será o das mulleres".