Roteiros Literarios pola Provincia de Pontevedra 2021


Roteiros literarios

Estes paseos literarios son unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que se desenvolve desde 2017 para dar a coñecer as cidades e vilas da provincia de Pontevedra da man das nosas escritoras e escritores, a partir de obras literarias propias ou alleas ambientadas nos respectivos espazos. Deste xeito, o público goza dunha experiencia cultural en espazos físicos descubrindo unha nova visión e viaxando pola memoria literaria do territorio.

 

 

 

 

A programación de rutas literarias para o 2021 é a seguinte:

Roteiro de dramaturxia en Vigo

Prazas esgotadas

Ernesto Is

Data: domingo 12 de setembro. De 11:30 a 13:00 h

Saída: Auditorio Municipal de Vigo

Percorrido:

  • Auditorio Municipal: Ás oito da tarde, cando morren as nais, AveLina Pérez.
  • Museo de Arte Contemporánea: O péndulo, Marta Pérez.
  • Prazas de Portugal e de Churruca: As cancións que lles cantaban aos cativos, Raúl Dans.
  • O Farol de Urzáiz: Luces de bohemia, Ramón M.ª del Valle-Inclán.
  • Teatro García Barbón: Despois das ondas, Ernesto Is.
  • Taberna Eligio: O incerto señor Don Hamlet, Álvaro Cunqueiro.
  • O Sereo: O charco de Ulises, Santiago Cortegoso.
  • Praza de Compostela: Antígona, a forza do sangue, María Xosé Queizán.
  • Rúa Carral: Fantasía nº 5 en sol ou non, Esther F. Carrodeguas.
  • Estación Marítima: Nome: Bonita, Vanesa Sotelo.

O deseño desta ruta pola cidade de Vigo responde a dúas cuestións: a primeira, visitar aqueles espazos que serviron de inspiración (Cunqueiro, Sotelo) ou nos que se ambientan (Dans, Marta Pérez, Carrodeguas) as pezas das autoras e autores que compoñen este paseo; a segunda, ler fragmentos dos seus textos que, dalgún modo, teñen algunha relación temática co lugar da parada (Queizán, AveLina Pérez, Cortegoso, Valle-Inclán).

Ernesto Is, Xixón, 1988. Titulado superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia na especialidade de Dramaturxia e posgraduado en Dramaturxia e Argumento pola ESMAE do Porto, anteriormente fórmase no eido da realización e da produción audiovisual.

Ademais do seu traballo como dramaturgo, desenvolve a súa carreira na narración oral e como profesor de teatro e escrita en diferentes grupos e organizacións. Colabora habitualmente como redactor para a Erregueté. Revista Galega de Teatro e A Movida (axenda de ocio e cultura de Vigo).

No 2016 gaña (ex aequo) o Premio Abrente da MIT de Ribadavia con Fendas (Difusora de Letras, Artes e Ideas). En 2017 obtén o Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña con Despois das ondas (Deputación Provincial da Coruña), monólogo dramático sobre a vida da actriz franco-galega María Casares que foi levado á escena pola compañía ButacaZero o pasado 2019, montaxe pola que é candidato a mellor texto orixinal nos XXIV Premios María Casares de Teatro.

Foi seleccionado para participar no VI Programa de desenvolvemento das dramaturxias actuais 2017 do INAEM, dando como resultado a peza El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas. No 2018 forma parte do grupo de traballo para a escrita teatral do Centro Dramático Galego, coordinado por Manuel Lourenzo, co desenvolvemento da peza Onde veñen morrer as baleas (Edicións Positivas). Os teatros Arriaga (Bilbao), Victoria Eugenia (Donostia) e Principal (Vitoria) seleccionaron o seu proxecto Canciones amarillas para flores tristes no programa Nuevas Dramaturgias 2020.

Fundou a compañía Feira do Leste xunto a César No, coa que estreou dúas das súas dramaturxias de proceso: Exilio das moscas (2016) e Tras Tannhäuser (2017, coas Axudas á Creación Joven 2016 do INJUVE).

O ronco do carneiro. Historias de fuxidos polos montes de Domaio (Moaña)

Prazas esgotadas

Santiago Cortegoso

Data: domingo 19 de setembro. De 11:30 a 13:00 h

Saída: campo de fútbol da Granxa de Domaio.

Descrición: parte do percorrido farase en coches particulares e outra parte andando por camiños de monte. Terá 5 partes:

  • En coche do campo de fútbol a Viduído (acceso á poza da Moura). 5 min.
  • Camiñada de Viduido á poza da Moura. 15 min aprox.
  • Volta aos coches para volver ao campo de fútbol. 5 min.
  • Camiñada do campo de fútbol á casa de Carballo. 15 min. aprox.
  • Volta aos coches.

A poza da Moura é un remanso natural que se forma no río da Miñouva, que constitúe un atractivo turístico na actualidade pero foi no pasado un espazo de lecer para os habitantes da aldea, cargado de lendas e significado simbólico.

A casa de Carballo é unha vivenda construída no monte da Borna, debaixo dunha enorme laxe plana, que serviu de acubillo a un fuxido ou escapado nos anos da posguerra, do que toma o nome. Agora consérvanse as súas ruínas nunha zona de petróglifos. Arredor dela tamén hai lendas e historias locais.

Nestes dous espazos transcorre parte da acción da peza O ronco do carneiro, a través da cal se falará da historia destes lugares e das consecuencias da represión franquista na comarca. Esta é a súa sinopse:

Nunha pequena aldea, afastada do ruído, EL chega coa súa nai para restaurar a vella casa familiar. Paseando o seu can (Romeo) atópase con ELA, que leva a súa ovella (Xulieta) ao carneiro. Son dous universos opostos que se atraen nun contexto misterioso, no que descobren un pasado terrible que os estigmatiza e fai imposible a súa historia de amor. Unha traxicomedia romántica con ecos shakespearianos que reflicte os efectos no tempo das feridas causadas pola represión da ditadura franquista despois da Guerra Civil.

Santiago Cortegoso. Nado en Domaio (Moaña) en 1974, é un actor, director, dramaturgo e músico galego. Licenciouse en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela. É especialista en arte dramática. Realizou en 1998 o Máster Teoría e Práctica da Interpretación Teatral pola USC.

Entra en contacto co mundo da música e do baile tradicional xa de novo na escola de gaitas e baile Charaviscas (Domaio), onde se fai bailador e tamborileiro da banda de gaitas dirixida por Xavier Blanco.

Ao mundo do teatro chega tras formar parte do grupo de teatro escolar Teatrofia Teatral, o teatro amador Teatro Aurín e o grupo de teatro universitario Eis Teatro, da Facultade de Filoloxía da USC. Como actor profesional formou parte de Teatro de Ningures, Compañía NoveDous, Teatro do Morcego, Balea Branca Producións, Teatro Kaos e foi membro fundador de Llullu Teatro. No mundo do audiovisual traballou en varias series e en cine.

En 2010 promove xunto a Marián Bañobre o seu propio selo de produción, Ibuprofeno Teatro, para emprender proxectos teatrais dun xeito persoal e independente.

Salvaterra: versos de auga e viño

Prazas esgotadas

Raquel Castro

Data: domingo 26 de setembro. De 11:30 a 13:00 h

Saída: paseo fluvial do río Miño, a carón do parque da Canuda.

11:30 h. Punto de encontro no paseo fluvial do río Miño a carón do parque da Canuda.

  • Lectura dos versos de João Verde e Amador Saavedra "Vendo-os assim tão pertinho/ a Galiza mais o Minho".
  • Literatura oral e popular: lendas do Miño e cantigas compartidas na raia.

12:00 h. Visita á Casa do Pobo (casa agraria).

  • Recordo a Manuel Puente, figura clave do agrarismo galego.
  • Lectura da carta de Manuel Puente a Ramón Otero Pedrayo (foi mecenas da Historia de Galicia).
  • Mitins de Castelao, Valentín Paz Andrade e Victorino Taibo (7 de xuño de 1931).

12:30 h. Visita á parte histórica (recinto amurallado): Festa do Viño e Festival da Poesía. 

  • Álvaro Cunqueiro, pregoeiro e impulsor da Festa do Viño do Condado.
  • Lectura do poema que Xela Arias recitou no Festival da Poesía no ano 1992, Independencia

13:00 h. Visita ao castelo de Dona Urraca (minas de Dona Urraca) e á Casa do Conde.

  • Castelo de Dona Urraca, lectura dramatizada (1.º acto) da peza Urraca, de Raquel Castro.
  • Un túnel baixo as augas "A raíña que cruzaba o río por amor" (lenda).
  • Casa do Conde, mandada construír no século XV por Pedro Madruga (Pedro Álvarez de Soutomaior) .

  Só para quen o desexe: 13:30 h. Degustación dun viño do Condado, na praza, a carón da Casa do Conde e das minas de Dona Urraca (hoxe Museo do Viño), mentres contemplamos Monção, terra de João Verde, e falamos de...

 
Raquel Castro (Alxén, Salvaterra de Miño, 1971). Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago, traballa como profesora de Lingua Galega e Literatura no ensino secundario.

Dirixe o grupo de teatro amador Ata Sempre, de Alxén, Salvaterra de Miño, desde 1999. Desde aquela, escribe obras de teatro tanto para o grupo de adultos coma para o infantil, ademais de ser a presidenta da Asociación Teatral de Alxén, que organiza as Xornadas de Teatro de Alxén. Alén disto, imparte obradoiros de teatro en institutos dirixidos ao alumnado de secundaria.

Publicou as obras A vendedora de palabras, A meiga e o emperador, A princesa e o labrego, A Carapuchiña pasa da carapucha vermella, As terapias da doutora Ledicia, Nº atómico 74, Bestiario doméstico e A formiga fóra do carreiro.

Silleda. Memoria e ficción no relato rural

Prazas esgotadas

Ana Cabaleiro

Data: domingo 3 de outubro. De 11:30 a 13:00 h

Saída: entrada principal do Recinto Feiral Semana Verde.

Percorrido. Percorreremos parte do centro urbano de Silleda para ir poñendo en valor as pegadas literarias que a vila atesoura, tanto a partir de autoras e autores silledenses coma universais do sistema literario galego. Así, comezaremos ás portas do Recinto Internacional Semana Verde comparando a pegada literaria do mundo agrario coa memoria de toda unha xeración nacida nunha Galicia na que o rural era vital económica e socialmente e que viu como ese piar ía virando e mutando no cambio do século XX ao XXI. Continuaremos polo contorno do recinto vinculando ás infraestruturas existentes (colexio público, campo da maquinaria, campo de fútbol) á Semana Verde para chegar á antiga praza da Feira Vella, onde se fará unha parada na memoria das feiras tradicionais e do costumismo na tradición literaria galega. Continuaremos ata a praza do Siñor Afranio onde nos deteremos na obra de dous escritores silledenses marcados pola guerra e o exilio: Ramón de Valenzuela e Antón Alonso Ríos. Continuaremos ata o denominado popularmente como 'O Cruce', intersección das antigas rutas que atravesaban o país cara a Santiago de Compostela desde Ourense e O Ribeiro, para rematar na Casa da Xuventude, casa natal de Marisa Soto, figura clave no nacemento do teatro profesional nas últimas décadas do pasado século e que puxo os cimentos do sistema teatral actual

Ana Cabaleiro naceu en Saídres, Silleda. É licenciada en Xornalismo, profesión que exerce desde hai dúas décadas. Cursou, ademais, o Máster en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC, no que investigou e publicou sobre contracultura e ciberactivismo artístico. Tamén ten traballado no eido da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento. Como autora, formouse en obradoiros e cursos de escrita, sempre na procura de voces femininas coas que abeirar as mareas da vida. Froito desta experiencia nace a compilación de relatos Sapos e sereas, a súa primeira obra publicada.
Como muller con raíces no rural, aínda conserva unha lagoa con máis dun millón de sapos e dúas ducias de ras cantoras. En 2018 publico u As ramonas, tamén en Galaxia.

Vida cultural, política e social na Pontevedra de Todo canto fomos

Prazas esgotadas

Xosé Monteagudo

Data: domingo 10 de outubro. De 11:30 a 13:00 h

Saída: praza da Peregrina

Seguindo escenarios da novela Todo canto fomos, entre outros, veremos onde se situaban os principais cafés dos anos vinte e trinta, berce de importantes iniciativas culturais e políticas (Café Méndez Núñez, Café Moderno), algúns edificios relacionados co pulo da docencia nesa época (Escola de Maxisterio Feminina, Colexio Froebel, instituto), onde estaban as imprentas que publicaban os xornais e obras literarias, e visitaremos os lugares relacionados coa fundación e o funcionamento do Partido Galeguista, así como os da represión exercida na cidade tras o golpe de Estado do 36.

Percorreremos a praza da Ferraría, a rúa Pasantería, a rúa Sarmiento, a subida cara á praza de Curros Enríquez, a rúa dos Ferreiros, a praza de Concepción Arenal e a Gran Vía de Montero Ríos e remataremos na praza de San Xosé.

Xosé Monteagudo (Moraña, 1965). Licenciado en Dereito, comezou a súa traxectoria literaria ao obter o accésit no premio Modesto R. Figueiredo do ano 2001 co relato O engado do triángulo. A súa primeira novela, As voces da noticia, resultou gañadora do Premio Blanco Amor no ano 2002. Posteriormente publicou Esta historia, Un tipo listo (Premio García Barros), O curioso mundo das persoas normais e Todo canto fomos(con esta obra obtivo o Premio á Mellor Obra Narrativa da II Gala do Libro Galego no 2017 e Premio San Clemente Rosalía Abanca).

  • Inscrición: roteiros.cultura@depo.gal
  • Prazas limitadas: 25 persoas por ruta
  • Indicaranse o nome da ruta, os nomes das persoas participantes (máximo 4 por reserva) e un número de teléfono de contacto.
  • Será obrigatorio usar máscara.