#CULTURA

ROTEIROS LITERARIOS POLA PROVINCIA

PONTEVEDRA 2022

Percorridos a pé de 11:30 a 13:00 h

Máximo 2 rutas por persoa

25 prazas por ruta


Un ano máis, volven as rutas literarias organizadas pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O obxectivo destes percorridos é dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas autoras e autores, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas ambientadas nos diversos espazos da provincia.

Roteiro polo Vigo teatral a través do tempo

Prazas esgotadas

Ana Abad de Larriva

29 de maio

Porta do Sol (rematará no Club Náutico)

Descrición: é un itinerario no que, a través da arquitectura e da imaxinación, faremos unha viaxe polo Vigo máis teatral e visitaremos diversos espazos, pasados e presentes, para mergullarnos neles e achegármonos a estreas, pezas, artistas e compañías que nutriron e nutren a vida cultural da urbe, así como a dramaturgas e dramaturgos que se inspiraron nela. É un percorrido artístico e literario a través do tempo, que se fía tamén coa propia historia da cidade.

Ana Abad de Larriva . É titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo. Compaxina a creación escénica e literaria coa comunicación especializada en artes escénicas e a docencia. Como dramaturga gañou en 2019 o Premio Roberto Vidal Bolaño de Textos Teatrais e en 2021 o I Certame de Microteatro da Memoria, e ten textos publicados en diferentes editoriais (Galaxia, Invasoras, Á Feira Edicións...). É a subdirectora da erregueté | Revista Galega de Teatro e leva a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega. 

A Estrada: Manuel García Barros, o escenario da súa pluma insubmisa

Xoán Carlos Garrido Couceiro

5 de xuño

Praza do Concello

Descrición: desde a praza do Concello continuaremos pola rúa principal e pasaremos pola sede do xornal El Emigrado e mais a praza da igrexa, para rematar na praza da Farola. A ruta centrarase na figura de Manuel García Barros e, asemade, falaremos sobre a súa influencia noutras autoras e autores do municipio.

Xoán Carlos Garrido Couceiro , nado na Estrada en 1965, é profesor, sindicalista e historiador galego. Directivo da Asociación Cultural A Estrada nos anos 80 e membro da Asociación Cultural Vagalumes. Colaborador do Sindicato Labrego Galego nos anos 90, membro da Aula Castelao de Filosofía, da Fundación Alexandre Bóveda e da Fundación Bautista Álvarez. Tamén foi director da revista Terra e Tempo entre 2004 e 2014, ademais de colaborador en distintas publicacións periódicas galegas como A Nosa Terra,Murguía. Revista Galega de Historia, A Taboada ou Vieiros. Forma parte da Comisión pola Memoria Siñor Afranio e é membro do Consello da Memoria. No campo do audiovisual dirixiu varios traballos, entre eles o titulado A derradeira lección do mestre (2007).

Pontevedra: CITA na Pontevedra de tinta e pedra

Prazas esgotadas

Elena Gallego Abad

19 de xuño

Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA)

Descrición: recunchos soterrados, edificios senlleiros, escritores de bronce e libros. A autora falará sobre todos eses espazos e a súa vinculación coa saga Dragal, que tivo un importante éxito con cinco novelas até o momento.

Elena Gallego Abad . Nacida en Teruel e criada en Verín, foi xornalista en varios medios de comunicación entre 1987 e 2013 e tamén conferenciante e articulista. Iniciouse como escritora coa triloxía de novelas xuvenís Dragal I. A herdanza do dragón , Dragal II. A metamorfose do dragón e Dragal III. A fraternidade do dragón . En 2015 comezou unha nova triloxía conDragal IV. A estirpe do dragón e Dragal V. O segredo do dragón. A partir da triloxía inicial desenvolveu a iniciativa multimedia Proxecto Dragal, coa produtora galega Ficción Producciones, con adaptación ao cinema, a creación de videoxogos para varias plataformas ou a montaxe dun cómic, que tivo tamén unha importante presenza en diversos centros de ensino.

En 2014 publicou a novela policial Sete caveiras e en 2017 O xogo de Babel, na que explora outro xénero da literatura para adultos.

O Baño (Cuntis), unha vila de augas e de letras

Héitor Picallo

26 de xuño

Praza das Árbores

Descrición: desde a praza das Árbores, onde se sitúa a casa da cultura Roberto Blanco Torres, visitaremos a igrexa, os xardíns públicos da Horta do Cura: busto a Roberto Blanco Torres e placa laudatoria das persoas republicanas de Cuntis, o cemiterio de Cuntis, diversas rúas dedicadas a persoeiros da Cultura, arredores do Balneario e chegada de novo á praza.

Héitor Picallo . Enxeñeiro técnico naval pola Universidade da Coruña (Campus de Ferrol). Desenvolveu numerosas actividades culturais en diversos recunchos de Galicia, así como campañas en defensa do patrimonio público (Burgas de Cuntis), do patrimonio histórico-artístico (mámoas, aras romanas, petróglifos, edificios senlleiros de vilas da contorna caldense) ou na defensa diversos intelectuais galegos coma Isaac Díaz Pardo. Impartiu diversas conferencias sobre historia e lingua galegas, colaborou en proxectos de recuperación da memoria histórica e investiga sobre a orixe e evolución do escudo galego.

Publicou en revistas de investigación como El Museo de Pontevedra,Raigame, Murguía, Tapa,Descubrindo Deza, Miscelánea do pobo estradense,Boletín de xenealoxía, heráldica e nobiliaria de Galicia,Conimbriga,Románico: revista de arte de amigos del románico e Compostellanum. Colaborou en xornais e publicacións periódicas como Galicia Hoxe, El Correo Gallego, Vieiros,Diario de Arousa, Diario de Pontevedra,A Nosa Terra, Sermos Galiza,Galicia Confidencial, Terra e Tempo, Nós Diario, Luzes e La Voz de Galicia. Participa, ademais, na recompilación de información sobre a historia marítima galega para o Museo do Mar de Galicia (Vigo).

Bueu: Darse en auga. Os versos do azul

Miriam Ferradáns

3 de xullo

Biblioteca Torrente Ballester

Descrición: a historia das vilas tamén se escribe en verso e, coma os ríos, todos van dar ao mar. A través deste percorrido visitaremos espazos relacionados co mar vinculados a referencias literarias de autores da vila de Bueu ou daqueles que nalgún momento pasaron por el e deixaron pegada gráfica.

Miriam Ferradáns . Nada en Bon (Bueu), en 1982, e graduada en Traballo Social pola Universidade de Vigo, a súa actividade laboral está vinculada ao ensino con adolescentes. Como poeta ten publicadas a plaquette Deshabitar unha casa (2016) e Nomes de fume (2017), cos que gañou, respectivamente, o Premio de Poesía Francisco Añón e o Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé. Con "Do tacto", breve poemario recollido na obra colectiva Roseira de cen follas (2019), recibiu o primeiro premio no Certame de Poesía Leiras Pulpeiro de 2016. Noms de fum, a tradución ao catalán do seu libro por parte da poeta Dolors Miquel, viu a luz en 2019, e no 2020 apareció, baixo o título Nombres de humo, a tradución do citado libro ao castelán, elaborada por Gonzalo Hermo. A finais de 2019 a editorial Apiario publicou Agosto. No ano 2021 gañou os XXIX Xogos Florais María Pita da Coruña co poemario Corazón de chícharo e acadou o terceiro premio do Certame Leiras Pulpeiro coa composición As amantes. Así mesmo, algúns dos seus poemas foron traducidos ao portugués, ao alemán, ao inglés, ao italiano e mesmo ao finés.

Roteiros literarios pola provincia de Pontevedra 2022