#GrazasXoguetes

"GRAZAS XOGUETES"

Campaña de adquisición e uso de xogos e xoguetes, non sexistas e non violentos 2022-2023

Como é tradición coa chegada do Nadal, desde a Deputación de Pontevedra poñemos en marcha unha nova edición da campaña de adquisición e uso de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos, coa que invitamos á reflexión acerca da adquisición de xogos, xoguetes, libros, videoxogos e demais que lles regalamos ás nosas cativas e cativos.


Coa campaña “Grazas xoguetes” preténdese promover un cambio de criterio cara a valores libres de estereotipos sexistas.

Trátase dunha proposta dirixida a toda a cidadanía: á infancia, ás persoas encargadas de tomar a decisión de comprarlle xogos e xoguetes tanto á familia próxima coma á familia extensa, ao profesorado, á comunidade educativa, ás empresas do sector do xogo e do xoguete, a clubs deportivos, axentes culturais... facilitando información e sensibilizando para un uso de xogos e xoguetes libres de estereotipos de xénero.

O obxecto desta campaña é promover o principio de igualdade entre mulleres e homes coma columna da democracia, a xustiza e a convivencia desde a infancia, para fortalecer os valores propios dunha sociedade democrática a través do xogo e dos xoguetes e así conseguir os seguintes obxectivos:

  • Sensibilizar a poboación da importancia dos xoguetes e os xogos na educación das nenas e dos nenos a través de persoas que destacaron nas súas profesións e queren darlle as grazas aos seus xoguetes.
  • Implicar os centros educativos e ANPAS do ámbito territorial no que se difunda a campaña na transmisión dos valores intrínsecos dos xogos e xoguetes para o desenvolvemento da cidadanía libre e para a elección de profesións.
  • Visibilizar, a través dos seus xoguetes, persoas profesionais destacadas en ámbitos coma a cociña, a astrofísica, o deporte ou a cultura e lanzar mensaxes contra os roles sexistas das profesións e dos xoguetes e xogos.
  • Reafirmar o compromiso da Deputación de Pontevedra na loita pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero.

Concurso escolar

A campaña inclúe un concurso creativo dirixido a nenas e nenos de 3.º e 4.º de primaria da provincia. Baixo o lema “O mellor xoguete do mundo” anima o alumnado a deseñar un xoguete orixinal, creativo, igualitario e non violento. É un concurso por equipos (aulas) no que as e os participantes poden deseñar o seu xoguete sen límites de tamaño e peso, aínda que se valorará o emprego de material reciclable. Unha vez deseñado, deberán enviar unha foto da súa creación ao enderezo participa.igualdade@depo.es, o prazo remata o 30 de xaneiro. O certame está dotado cun primeiro premio para o centro gañador que consiste nunha actividade didáctica e material educativo igualitario, e dous accésit, cos que os centros recibirán material educativo para a igualdade.

Acta do xurado

ESTE NADAL, APOSTA POLO TALENTO DAS TÚAS FILLAS E FILLOS, APOSTA POR XOGUETES LIBRES DE ESTEREOTIPOS

Xoguetes igualitarios

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.