A Depo presente no Cume do Clima

A Depo presente no Cume do Clima

A Deputación de Pontevedra ten entre as súas prioridades a loita contra a actual situación de emerxencia climática declarada por Nacións Unidas. Traballa na implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 e puxo en marcha medidas e programas concretos no eido económico, social, deportivo e de formación que contribúen a afrontar os grandes desafíos do planeta de forma conxunta co resto de administracións públicas.

Intervirá nun debate sobre os compromisos internacionais dos gobernos locais no IFEMA e sumarase ao apagón e ás marchas convocadas en ducias de cidades

A esta filosofía responde a colaboración directa da institución provincial no Cume do Clima COP25, que se desenvolve ata o 13 de decembro en Madrid. Ese día a Deputación de Pontevedra participará na xornada Os Retos dos Gobernos Locais Fronte ao Cambio Climático, que terá lugar na Ágora (zona verde) do IFEMA.

Esta institución estará presente nunha mesa moderada por Milagros Tolón, alcaldesa de Toledo, e centrada nos compromisos internacionais dos gobernos locais. Interviremos co alcalde de Sevilla, Juan Espadas; o de Zaragoza, Jorge Azcón; o de Soria, Carlos Martínez; a alcaldesa de Canyelles (Barcelona), Rosa Huguet; e a de Xixón, Ana González.

A Deputación de Pontevedra súmase, ademais, ás propostas da Rede Española de Cidades polo Clima. Nas vindeiras semanas e meses organizará un paquete de accións que teñen como fin a sensibilización da cidadanía e a implicación de todos os concellos da provincia neste compromiso inaprazable co noso planeta.

As actividades pechadas ata agora son:

  • Apagón global o 7 de decembro, no que todos os edificios da institución provincial desconectarán a iluminación da fachada, incluída a de Nadal, entre as 20:00 e as 20:30 horas
  • Dúas marchas populares polo clima en Pontevedra e Vigo nas que se pretende implicar a veciñanza. No caso da capital do Lérez a saída será desde o Pazo provincial, mentres que na cidade olívica sairá da praza de España para rematar na Porta do Sol
  • Pontevedra súmase ao manifesto "Unha árbore por Europa", proposto polo presidente do Parlamento Europeo. O próximo 5 de xuño plantaremos unha árbore para visibilizar a importancia do desenvolvemento no ámbito local e involucrar a mozas e mozos nos procesos de toma de decisións.  Desde a Deputación de Pontevedra levarase ao Pleno esta iniciativa e daráselle a oportunidade a todos os concellos da provincia de adherirse a ela

Última modificación: martes, 03 decembro 2019