Edificios e sedes

Arquivo

Arquivo provincial

O Arquivo, xunto cos demais servizos da Deputación, instálase inicialmente, tras unha breve estancia na rúa Costa de Santa María, no desamortizado convento de San Francisco, onde permanece ata 1890, ano no que se traslada á nova sede do actual Pazo Provincial.

Na actualidade o Arquivo da Deputación, ademais dun espazo no propio pazo destinado á recepción documental transferida, ocupa o edificio situado entre as rúas Padre Amoedo, Padre Sarmiento e a edificación do antigo convento dos xesuítas, á que se une nos puntos extremos.

Esta edificación foi reformada entre os anos 1981 e 1983 para instalar o arquivo na planta baixa e as salas de exposicións do Museo e a vivenda nas plantas superiores. No 2005 iniciouse o proceso de restauración completa coa intención de dedicar a totalidade do inmoble ás instalacións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.

No 2008 inaugurouse esta nova sede despois da reforma integral do edificio, o que proporcionou unhas instalacións modernas e espazosas, adecuadas para o desenvolvemento das actuacións e servizos que se prestan. Entre as premisas do proxecto destacaba o resalte da edificación mediante unha fachada na que salienta a parte central, que se transforma nun corpo transparente e diáfano, combinando cobre e pedra, que abre o edificio á cidade.

Arquivo provincial

O proxecto, obra do arquitecto José Enrique Pérez-Ardá Criado, dá como resultado unha nova distribución interna con cinco plantas. Os dous sotos, cunha superficie de 1.100m2, destínanse ó depósito de fondos documentais e contan cos equipamentos necesarios, coma estantes compactados, para a súa específica función. ..

Na planta baixa dispóñense un gran patio distribuidor central, algúns despachos e zonas de servizos comúns, coma o salón de usos múltiples.

Nas plantas superiores sitúanse as zonas de traballo e consulta das diferentes seccións do Servizo do Patrimonio Documental e Bibliográfico: arquivo, biblioteca e editorial, cada un deles cos seus medios e instalacións inherentes.

Última modificación: mércores, 08 agosto 2018