A sala Rosalía da sede da Deputación en Vigo convértese nun “caderno de viaxes” polas Rías Baixas a través da ilustración

Andrea Jano, Kiko Da Silva, Clara Cerviño, Carlos Castro, Eduardo Baamonde, Lara Lars e o dúo Nuvi & Éxfico debuxan a provincia baixo diferentes técnicas e estilos nunha mostra que poderá visitarse ata o 19 de agosto

22/06/2022

Ilustrando RB

Unha visita a toda cor pola provincia a través da arte e desde unha mesma sala. Esta é a especial proposta que desde hoxe e ata o vindeiro 19 de agosto ofrece Ilustrando Rías Baixas, a nova exposición programada pola Deputación na Sala Rosalía da súa sede de Vigo e que pon en relación a artistas de diferentes xeracións da provincia para retratar os distintos espazos, lugares e xentes do territorio a través das distintas técnicas da ilustración. Andrea Jano, Kiko da Silva, Clara Cerviño, Carlos Castro, Eduardo Baamonde, Lara Lars e o dúo Nuvi e Éxfico (Nuria Villa e Alberto Brandón) protagonizan esta mostra que converte á sala nun auténtico “caderno de viaxes” e  que hoxe abriu as súas portas cun acto que contou cunha performance en directo a cargo de Andrea Jano e a autora Silvia Penas e ao que asistiron representantes do movemento cultural e social da cidade viguesa. Como destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, esta mostra constitúe “unha nova proba do paraíso no que vivimos e do talento artístico que atesouramos”.

“Esta exposición permítenos –apuntou Carmela Silva- coñecer as distintas paisaxes e xentes do noso territorio baixo a mirada destes e destas talentosas creadoras da ilustración. Cada un e unha coa súa mirada, coa súa técnica, co seu estilo, e co seu sentimento, debúxannos unhas Rías Baixas como o que son, unha paisaxe única da que sentirnos orgullosas e orgullosos. Como o estamos destes e destas oito artistas de diferentes xeracións que converten a nosa provincia nunha referencia do mundo da ilustración. Só me queda invitar á cidadanía a viaxar connosco polas cores das Rías Baixas e a desfrutalas a través desta magnífica proposta artística”.

A maior parte do preto dun centenar de obras expostas foron creadas ex professo polos creadores e creadoras para a mostra. Deste xeito, na Sala Rosalía exhíbense ilustracións realizadas a acuarela, sobre lenzo, en forma de libro ilustrado ou dixitais, pasando polas caixas de luz (esculturas iluminadas) entre outras, que amosan sendas e bosques, rutas polas cidades, espazos patrimoniais ou lugares e persoas tan especiais como senlleiros. Na inauguración interviñeron a maior parte dos e das participantes para explicar o seu traballo. Entre elas, Clara Cerviño destacou que escolleu para a mostra parte da súa serie “Faros de Galicia”, amais de ilustracións de Vigo e arredores, todas feitas en tinta e acuarela. “É unha obra moi especial –sinalou-, xa que de forma literal estes faros teñen iluminado o meu camiño durante estes últimos anos, así que estou moi agradecida de poder mostralos hoxe aquí, espero que os desfrutedes e como a min os traian moia luz nas noites de tormenta!”. 

Pola súa banda, o artista e docente Eduardo Baamonde destacou que no seu proceso artístico “o debuxo ou a pintura in situ son fundamentais”. A maior parte da súa obra exposta reflíctese nos cadernos de viaxes amosados en vitrinas, que acompañou xunto a outras acuarelas con espazos do Salnés e unha vista do Berbés en gran formato. Nos retratos de vilas e cidades que fai nos seus cadernos, afirma que é tan importante “rrexistrar os puntos carismáticos como outros menos coñecidos, cando non desprezados, pero que axudan a describir a memoria do lugar”. E Kiko da Silva, que amosa láminas da novela gráfica “Baixo a sombra das pedras flotantes” na que traballa desde hai anos, apuntou que nelas mestura, “como se fai nos filmes, imaxes de lugares das Rías Baixas, como a praia do Con Negro no Grove, o monte de Cabo Silleiro ou a Pena do Equilibrio de Ponteareas, con lugares do resto do mundo como Externsteine no Bosque teutónico en Alemaña, Nova Zelanda ou Portugal ou Rumanía, para recrear un novo paisaxe máxico”.

O artista Carlos Castro, explicou pola súa parte que os seus cadros presentan diferentes estilos e formatos, e mentres que algúns parten de bocetos, dos que hai unha mostra nas vitrinas da exposición, outros están realizados directamente ao natural, sempre con cores da paleta básica “pero con saturación , que sexan vivos e dean alegría ás e aos espectadores”. Emprega diversas técnicas “dependendo do estilo que queira darlle á obra”. “Cando quero amosar o detalle, as formas e as construcións utilizo tinta e acuarela -indicou-, e cando quero mostrar a luz e a cor uso gouache ou acrílico. Gústanme diferentes tamaños, e segundo a portabilidade e ocasión en que estea traballando, adáptome”.

Durante as intervencións, a artista Andrea Jano e a escritora Silvia Penas desenvolveron unha acción en directo que mesturou poesía e ilustración, “Pincel e voz para unha illa portátil” e da que saíu outra das obras que se expoñen. Deste xeito, Jano pintou sobre un vestido negro que lucía Silvia Penas, e tamén en partes do seu corpo, distintas referencias en cor branca sobre lugares da xeografía pontevedresa. Este peculiar percorrido inspirouse nas Illas Cíes e nalgúns dos seus elementos, como a flor namoradeira das praias, ”e como territorio idílico onde sobrevive a vida natural, salvaxe, libre”. Ao rematar, Penas recitou varios textos de creación propia e, unha vez finalizada a acción, o vestido loce nun manequín xa como unha peza máis na sala. Como explica Jano, esta obra é “un testemuño do tempo compartido nesta inauguración coas Cíes retratadas unicamente desde a memoria, facendo esforzo por recordar os detalles dos elementos que alí hai sen recorrer a ningunha imaxe máis alá recordo”.

Actividades complementarias

Ao abeiro da exposición, están previstas actividades complementarias, a primeira, a mesa redonda sobre “A ilustración en Galicia hoxe”, que terá lugar o 26 de xullo coa participación de Kiko da Silva, Lara Lars, Eduardo Baamonde e Nuvi & Éxfico. Amais, haberá dous obradoiros dirixidos ao público xeral que terán lugar durante o mes de agosto. O primeiro, o día 1, ofrecerao Carlos Castro, baixo o título “Urban sketching”, mentres que o segundo terá lugar o día 9 e impartirao Clara Cerviño, co título de “Ilustrando faros”. As inscricións para asistir tanto á mesa redonda como aos talleres poden realizarse no correo participa.cultura@depo.es).

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.