Bandaló, Pandereteiras Bouba, Os Dezas de Moneixas, Varacuncas e As Pandereteiras de Botos porán a música na ‘Foliada da Memoria’ en Moneixas-Lalín

Será o sábado 2 de xullo na carballeira do Souto de Chousa da Porta, onde haberá actividades para todos os públicos durante todo o día

23/06/2022

Bandaló, Pandereteiras Bouba, Os Dezas de Moneixas, Varacuncas e as Pandereteiras de Botos serán as agrupacións encargadas de poñer a música na ‘Foliada Da Memoria’ en Moneixas-Lalín, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra a través do programa ‘O Pasado Por Vir’ que pretende homenaxear á música represaliada e  a artistas de todo o país que padeceron a represión franquista logo do golpe do 36. Será o sábado 2 de xullo na carballeira do Souto de Chousa da Porta, onde haberá actividades para todos os públicos durante todo o día, e onde Xurxo Souto fará de mestre de cerimonias.

O programa comezará ás doce da mañá: o punto de encontro será o Campo da Festa de Moneixas e desde alí sairá unha alborada que percorrerá a parroquia en dirección ao souto onde será a foliada. Participarán nela catro agrupacións da comarca: Os propios Dezas de Moneixas, Arco de Merza, Varacuncas e Pandereteiras de Botos.

Despois, ás 12.30h farase a primeira das homenaxes, conducida por Xurxo Souto, con presencia de familiares dalgúns dos gaiteiros asasinados e tamén de persoas que investigaron a súa historia como Manu Igrexas, Xerardo Fernández Santomé ou Alberte Pérez.  Porase o foco sobre as vítimas relacionadas coa música tradicional lembrando a gaiteiros asasinados como Constante Moreda, o gaiteiro de Cabral; Manuel del Río Mandayo ou José Gómez Avelaira; e a mulleres humilladas como as irmás cambadesas Pastora e Cándida Cordal obrigadas a tocar a pandeireta e a bailar espidas no verán do 36, para castigar o compromiso do seu irmán Castor, sindicalista asasinado;  á muller de Manuel del Río, Pilar Navieira Golán; á súa irmá Maruja del Río Mandayo e a súa nai, Dolores Mandayo Montero, que gardou para sempre a trenza cortada polos falanxistas.

A continuación, sobre a unha e media da tarde, comezará a sesión vermú coa agrupación de pandereteiras Bouba. Dado que a idea é permanecer todo o día na foliada, haberá polbeiro, venda de churrasco e empanada (con menú económico a disposición das persoas asistentes), rosquilleiras, e churros, entre outros postos.

Haberá tamén unha mostra de creación de instrumentos e traxes tradicionais a cargo da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas; un espazo para crianzas con xogos populares mañá e tarde; obradoiros de canto e baile, conducidos por Enrique Viz e Marta Mouriño respectivamente. Tamén haberá unha sesión de monicreques a cargo da compañía Viravolta Títeres que, como non podía ser doutro xeito nunha foliada da memoria, porá en escena unha obra de Lorca:  ‘A nena que regaba a alfabaca e o príncipe preguntón’, adaptada pola propia compañía.  

Ás sete da tarde terá lugar unha segunda homenaxe a aquelas persoas que recuperaron a tradición e posibilitaron que a semente dos Dezas de Moneixas seguise agromando ata o día de hoxe. Haberá familiares das persoas que integraron a formación orixinal: Dario, Ismael, María e José Benito González López, así como os seus curmáns Manoliño Laureano, Celso e tamén Isaura. E tamén integrantes da que, xa nos anos 40 tomou o relevo: Manolo Troitiño e tamén Alfonso e Mario González Iglesias, fillos de Manoliño. Xunto a eles estaban Julio García e Manuel Lage, cuxas familias estarán presentes. Renderáselle especial homenaxe a agrupación actual, e as crianzas da escola.

Por último, logo da homenaxe interxeracional, o especial fin de festa chegará da man de Bandaló! que fará lembrar as verbenas tradicionais dos anos 30. Todo o programa poderá consultarse a través da páxina web da Deputación dende hoxe. N acto repartirase unha publicación explicativa que recollerá unhas breves liñas sobre as vítimas homenaxeadas.

Haberá autobuses para o traslado de persoas e grupos desde distintos puntos da provincia. A xente interesada debe anotarse no mail do departamento (memoriahistorica@depo.gal) e os percorridos marcaranse tendo en conta lugares dos que nos cheguen máis solicitudes.