Recepción na Deputación ao novo comisario provincial de Pontevedra

Carmela Silva e Juan José Díaz coincidiron no chamamento á rigorosidade fronte aos bulos que están a xurdir nas redes sociais sobre pinchazos a mulleres na provincia

04/08/2022

REcepción comisario

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu esta mañá no Pazo Provincial ao novo comisario provincial de Pontevedra, Juan José Díaz Jiménez, no marco da estreita colaboración que manteñen ambas institucións e que ambos referendaron hoxe.

No encontro no, tanto a presidenta como o comisario coincidiron na valoración de Pontevedra como unha provincia segura, ao tempo que fixeron un chamamento á “rigorosidade” ao abeiro dos últimos bulos xurdidos nas redes sociais sobre submisión química por pinchazos a mulleres, en referencia ao acontecido na noite pasada en Cambados.

 Neste eido, Carmela Silva incidiu en que é necesario este chamamento á cidadanía “para que non nos deixemos levar por esas falsas noticias e bulos que aparecen en redes e ás veces só buscan el protagonismo de quen os xera, e que provoca un alarmismo que dana á liberdade das mulleres”. “Quero dicir á sociedade –sinalou- que non creemos alarmismos, que non creamos nos bulos que están a aparecer nas redes e que temos instrumentos e protocolos para facer fronte a cuestións que poidan acontecer, pero que na provincia non están acontecendo. Porque certamente estas cuestións fan que moita xente ocupe un espazo nas redes simplemente para o seu propio posicionamento persoal e isto é moi grave. A Policía e as Forzas e Corpos de Seguridade están moi atentos e traballando coordinadamente para ter toda a información e poder actuar. Estamos nas mellores mans”.

Pola súa banda, o comisario tamén lembrou que, a día de hoxe, “en toda a provincia de Pontevedra, nas dependencias da Policía Nacional, non hai unha soa denuncia relacionada con este tema”. “Son bulos que van correndo por redes sociais, non sei con que sentido nin con que motivación –apuntou-. A realidade é que non hai nada”. Incidiu así mesmo na necesidade de que, en caso de que se produza un caso, a vítima chame con premura ao 112 para a atención sanitaria e, “sobre todo para facer análises e saber o que está pasando”.

videos

audios