Victoriano Nodar: “en Santa Clara consérvase máis parte medieval que en moitos outros mosteiros e conventos de Galiza”

A segunda charla sobre a casa das clarisas amosou a “potencia” das construcións levantadas nos séculos XIV e XV e o interese por mellorar as condicións de vida das monxas no XVIII, no momento da Ilustración

23/11/2022

SANTA CLARA  SEGUNDA CHARLA VICTORIANO NODAR

“En Santa Clara consérvase moito do convento medieval. Máis do que pensabamos e iso non é habitual na Galiza”. Esa foi unha das principais conclusións que hoxe expuxo o especialista Victoriano Nodar, responsable da arqueoloxía da arquitectura no estudo feito sobre o convento de Santa Clara, nunha das charlas organizadas pola Deputación e o Concello de Pontevedra para conmemorar o aniversario da súa compra.

O doutor comezou explicando que a arqueoloxía da arquitectura foi a que permitiu ler e analizar nos muros das edificacións de Santa Clara as evolucións das construcións ao longo do tempo, utilizando para iso diferentes formas de datación: os elementos estilísticos, os tipos de construción de muros, o cruce con datos documentais e históricos, e tamén as análises técnicas con termoluminiscencia ou carbono 14, que nestes momentos se están a utilizar nos morteiros dos muros.

Posteriormente, e en base aos achados, Nodar presentou unha hipótese da evolución das diferentes etapas no convento. Segundo dixo, xa dende o primeiro momento, cunha simple ollada, a impresión da equipa investigadora foi que “había un mosteiro cun proxecto ambicioso, moi austero como eran as clarisas e feito con moitas fases, pouco a pouco”. A parte medieval, destacou, é quizais a de maior interese e moi singular porque se dá en poucos lugares: a maior parte dos mosteiros e conventos do país renovaron completamente os seus edificios conventuais nos séculos XVI, XVII e XVIII.

“Temos poucas testemuñas de edificacións medievais de claustro en Galicia. Aquí si temos. Moitas das igrexas que hai no rural galego orixinariamente eran de mosteiros,  mais os mosteiros non están porque se desamortizaron ou porque os monxes marcharon, porque estaban feitos de cachotería e ao mellor se arruinaron e so quedou a igrexa, ou non se conservan ou se conservan pouco, ou están moi modificados ou espoliados. Aquí tiñamos un convento bastante potente. Por iso estamos a estudar as subfases dentro do medieval, os séculos XIV e XV”, destacou.

Nodar explicou que na primeira subfase do medievo no convento había un núcleo, no que se dubida de que ata existise a igrexa actual -que se fixo a continuación-, xunto cun primeiro claustro que non é o que se mantén, e outros edificios que se seguiron completando. Do mosteiro medieval púidose recoñecer a zona de refectorio, a porta de arco apuntado -por onde se entra agora como portería- como a sala capitular das monxas, e incluso se identificou algunha capela na mesma panda, probablemente funeraria.

Posteriormente, no XVI o que fixeron as monxas, dixo Nodar, foi un ‘aggiornamento’, un acondicionamento ou actualización porque cambiara o estilo, modificando esteticamente as estancias, pero aproveitando os mesmos pavillóns medievais dándolle un “aire máis moderno”, con fiestras máis anchas, arcos máis grandes e incluso pinturas. No XVII, subliñou, as monxas fixeron algunhas intervencións no conxunto do convento, mais xa hai constancia de que desapareceron parte dos edificios medievais, reparándose o que quedaba.

O XVIII é outro gran momento: constrúese o edificio grande da parte oeste onde están as actuais celas. O investigador subliñou que non se trata dunha ampliación, porque se trata dun proxecto buscado nun momento no que a comunidade non estaba medrando, de feito diminuíra o número de vocacións.

Os motivos da obra foron outros: que se dispoñía dunha economía saneada e que estaban na Ilustración. “O que se busca son novas condicións de habitabilidade e hixiene que antes non eran tan importantes. Non tiran os pavillóns medievais –que ameazaban ruína-, reutilízanos como cortes ou adega, e elas van vivir ao novo edificio, que ten uns bos muros. Todas as celas teñen o seu lavadoiro para asearse, con ventilación cos batentes das ventás para evitar as pandemias...”, dixo Nodar, destacando que estas obras para mellorar as condicións de vida da comunidade volveron sen embargo quedar sen rematar porque ou ben non precisaban máis mellora ou rematou o momento da ‘economía saneada’.

Finalmente, sobre as construcións feitas no século XX destacou que “foron un pouco desastre e agora hai que poñerlle remedio na restauración”.
A semana próxima seguirá o ciclo de  charlas en Santa Clara. O 29 de novembro será a quenda de ‘Compoñendo puzzles’, unha charla a cargo da responsable dos traballos de conservación e restauración, Aldara Rico, que fará un percorrido, entre outras cousas, polos milleiros de pezas de cerámica e outro tipo de obxectos singulares atopados nas diferentes catas.

O xoves 1 de decembro será a quenda para falar dende o punto de vista antropolóxico. Baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’, a doutora Olalla López e Clara Veiga falarán sobre as inhumacións realizadas e as características dos restos óseos atopados en diferentes puntos do convento.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.