Xesús A. López: “Castelao está máis que ‘sobado’, pero hai que volver a el porque foi fundamental para a política, a cultura e para a plástica galega”

O escritor presentou hoxe no Arquivo o libro ‘Castelao. Plástica e pensamento 1903-1916’ no que fai unha análise da evolución do autor dende as súas ideas conservadoras ata as ideas nacionalistas

21/09/2022

Presentación do libro de Castelao  

"Castelao está máis que 'sobado', sempre se fala del, pero hai que volver sempre a el porque foi fundamental para a política, a cultura e para a plástica galega". Así o afirmou hoxe o escritor Xesús Andrés López Piñeiro na presentación do libro 'Castelao. Plástica e pensamento 1903-1916', un ensaio no que se recompilan e ordenan coñecementos sobre a primeira parte da vida do rianxeiro, como debuxante e pintor, e tamén sobre o momento no que se produciu o seu cambio de pensamento de conservador a nacionalista.

O Arquivo acolleu o evento, organizado polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, para dar a coñecer entre o público a impresión institucional do libro, encargada pola entidade provincial e editada por Galaxia. Segundo explicou a deputada responsable da área e tamén dos departamentos de Memoria e Lingua, María Ortega, a Deputación decidiu implicarse na divulgación deste ensaio por considerar que Castelao sempre será unha figura referente para o país nas súas diferentes facetas.

O conxunto da obra de Castelao e todos os estudos que se fan sobre el -dixo a nacionalista- "son de importancia chave para patrimonio galego", tanto no seu labor como artista, ilustrador, escenógrafo, pensador, ensaísta, autor de textos literarios, dramaturgo e político. "Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é a figura máis simbólica e representativa do século XX en Galicia e deixou unha profunda pegada na sociedade galega como ferramenta e vehículo de concienciación e afirmación da nosa identidade diferencial de Galicia", dixo, subliñando que tódalas galegas e galegos "entendemos que Castelao reivindica o noso dereito a ocupar o noso lugar no mundo".

Ortega lembrou tamén que a día de hoxe a maior parte da produción artística e intelectual de Castelao exhíbese e custódiase no Museo de Pontevedra, que alberga entre os seus fondos máis de 2.000 obras.

Pola súa banda, López Piñeiro explicou que se decidiu a escribir sobre Castelao "porque sempre foi un referente para min dende rapaz", e por iso -tras un traballo de máis de tres anos de documentación- fixo un percorrido acoutado sobre o coñecemento do autor dende 1903, cando comezou a facer os seus primeiros debuxos, ata 1916 cando entrou nas Irmandades da Fala en Pontevedra.

"Pretendín compaxinar o seu labor como debuxante e pintor co seu pensamento, a evolución dende un pensamento conservador ata o seu pensamento nacionalista que o levou a meterse nas Irmandades, cunha análise de cada etapa", salientou.

O escritor subliñou que no período analizado "hai un ano 'fulcral'" e destacado na cuestión plástica e de pensamento, 1912, porque a partir de aí é cando chega de Madrid logo de expoñer e de ser recoñecido como gran debuxante e humorista. "Ao chegar a Galiza tamén o recoñecen como un grande debuxante e a partir de aí comeza a súa etapa realista e xa case ten definida a súa linguaxe artística. Comeza a facer os seus debuxos cun estilo propio. O traballo de óleo xa é tamén realista: pinta a Galiza real daqueles tempos".

López subliña que o fundamental de Castelao é que é un autodidacta, non asiste a ningunha academia, só a clases con María de Dios na Pobra do Caramiñal: " o resto fíxoo pola súa conta", explica, destacando que as súas fontes artísticas foron o realismo flamenco -"de aí veñen o tema dos cegos"-, o realismo de metade do século XIX en Francia -"onde Castelao ve como os pintores pintan á clase traballadora, como tamén farán outros europeos"-, e tamén Francisco Goya.

Das fontes do rianxeiro, López pasou a salientar todo o que desencadeou Castelao e o seu estilo plástico: "Foi o alicerce da arte que hoxe gozamos no país", subliñou. "Nesa época comezou a enfrontarse a outro tipo de arte que había que era o costumismo. A arte de Castelao foi o enlace ca arte dos renovadores ou dos Novos, como lles chamaban. Sen Castelao non se entende que houbera despois nos anos 30 os Seoane, Colmeiro, Torres, Maside... Non se entenderían sen a figura de Castelao, por iso é importante achegarse a el neste tempo", finalizou.

Xunto á deputada e ao autor do ensaio, na presentación tomaron parte o director xeral de Galaxia Francisco Castro e o prologuista Xosé Manuel Pazo Blanco.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.