Smartpeme imparte esta semana catro novas accións formativas

O programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre Pinterest, copywriting, venta de produtos en Facebook e Instagram ou fabricación dixital

26/06/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de  SmartPeme, oferta catro novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como promocionar a túa empresa con Pinterest, copywriting en web e redes sociais, venda de produtos en Facebook e Instagram e fabricación dixital con escaner 3D.

O martes 28 de xuño, na quenda da mañá, Esther Garcinuño diplomada en Ciencias Empresariais impartirá o taller “Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest”. Nel dará a coñecer en profundidade esta rede social baseada en taboleiros de fotografías que se poden gardar e compartir e como implementala na estratexia de social media. Na da tarde, Fátima Faílde,  licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, versará sobre “Copywriting aplicado a web e redes sociais”. Un curso que explicará que é o copywriting, os seus tipos, como escribir un bo copy e como usalo nas nosas páxinas web e redes sociais. Ambas accións instruiranse a través de Zoom.

O mércores 29 as 12 h ofrécese o obradoiro “Vende os teus produtos en Facebook e Instagram“. O “social selling” é unha das finalidades das redes sociais, por iso neste taller, amosarase como utilizar estas aplicacións como ferramentas de venda directa, como crear unha tenda en Facebook ou Instagram e varios exemplos de éxito. A encargada de conducilo será Laura Carrera, que conta cunha ampla experiencia asesorando a empresas de diversos sectores no ámbito da comunicación e o marketing dixital.

Finalmente, o xoves 30 terá lugar o derradeiro dos obradoiros do mes. O experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, Manuel Freire, impartirá “Fabricación dixital. Escáner 3D”. O obxectivo é dar a coñecer e familiarizarse coas tecnoloxías implicadas no proceso de produción dixital. Este é un curso de formato mixto no que se combinan clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro.