#DEPOCREA

Programa de residencias artísticas

en colaboración co Náutico de San Vicente

SEIS BOLSAS DE CREACIÓN PARA ARTISTAS
+
UNHA PERFECTA SIMBIOSE ENTRE AS DIFERENTES ARTES E A CONTORNA
+
UN RECUNCHO MÁXICO RODEADO DE NATUREZA
+
A CULTURA COMO FERRAMENTA DE INCLUSIÓN E PARTICIPACIÓN CIDADÁ
+
A SOSTIBILIDADE E A IGUALDADE COMO VALORES FUNDAMENTAIS

=
Con-vivir para crear. Crear para con-vivir


I edición

Náutico de San Vicente do Mar, outono de 2022

Convocatoria aberta: presentáronse 33 candidaturas de artistas de toda España, ademais dalgunhas persoas procedentes de Portugal, México e Grecia, residentes actualmente en Galicia

Bolsas: 6 prazas, cunha achega de 2.500 euros

Residencia artística: do 28 de outubro ao 11 de novembro

Acto de presentación: o 12 de novembro ás 12.00 h

#DEPOCREA é un programa de residencias artísticas vencelladas ao territorio da Deputación de Pontevedra, desenvolvido en colaboración co Náutico de San Vicente, que promove espazos diferenciais para a creación contemporánea nunha contorna única que aposta polo sostible e polo próximo, onde natureza, cultura e cidadanía se mesturan en perfecta simbiose.

Con artistas de todas as disciplinas, esta residencia compartida pretende ser un laboratorio creativo, onde creadoras e creadores interactúen entre si e coa contorna máis inmediata, mentres desenvolven os seus proxectos de pintura, escultura, debuxo, instalación, vídeo ou fotografía.

Nun momento clave, en medio dunha crise epidemiolóxica que nos sitúa nun escenario cambiante e cheo de incerteza, que está a golpear sen paliativos o sector artístico, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu apoio á produción contemporánea a través do lanzamento en 2022 da primeira edición piloto desta rede de creación, que promoverá proxectos específicos vinculados á nosa provincia.

Dende hai uns anos as residencias artísticas están a converterse na mellor das plataformas para a creación cultural contemporánea e nun motor para a interacción social en diferentes contornas. Así, propoñemos a creación dunha residencia artística co fin de xerar unha experiencia única de creatividade desde o próximo, o sostible e o accesible, ademais de propiciar unha actualización/activación do noso patrimonio histórico, artístico, social e natural a través de novas miradas.

A Deputación de Pontevedra aposta por desestacionalizar, por reordenar e redescubrir, polo que desenvolverá as residencias nos meses de outubro e novembro, para achegar artistas de Galicia e do exterior a un territorio que muda a pel fóra dos meses do verán: San Vicente do Mar.
Así, o contacto coa natureza e coa poboación local, coas tradicións e coas formas de vida na contorna se tornan menos complexas no outono, cando o turismo decrece de forma substancial e se pode respirar a calma, idónea para crear proxectos artísticos.

Xurado

  • Presidencia: Antonio Santos Guerra, xefe do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra
  • Vogalía:
    • Paula Cabaleiro Comesaña, directora de Cultura da Deputación de Pontevedra
    • Almudena Fernández Fariña, artista e profesora titular da Universidade de Vigo
    • Ramón Rozas Domínguez, licenciado en Historia da Arte, xornalista cultural e crítico
    • Sara Donoso Calvo, comisaria e xestora cultural
    • Santiago Olmo García, comisario, crítico, xestor cultural e director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela
  • Secretaría: M.ª del Carmen Baloira Duro, xefa da Sección de Xestión Cultural do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra.

Reunión do xurado: xoves 6 de outubro ás 17.00 h (sala de comisións)

Artistas

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.