#IGUALDADE
"Mulleres en acción: Violencia zero"
2021-2022
Artistas que moven, removen e conmoven
Móvete con elas contra a violencia machista!
Nun momento crítico no que estamos a vivir importantes gromos de violencia e discriminación, escoitando (vellas) novas mensaxes de odio e presenciando brutais agresións cada día, as mulleres seguimos a ocupar unha posición altamente vulnerable: sufrimos a desigualdade en todos os ámbitos da vida, ante unha sociedade que nega, invisibiliza e normaliza os ataques e as reaccións do patriarcado. Tras un ano realmente complexo, onde a situación pandémica precarizou máis a situación laboral das mulleres e que propiciou que estas tivesen unha maior estancia nos fogares co seu maltratador, a igualdade de oportunidades volve estar en serio risco de retroceder gravemente na nosa sociedade.
O programa "Mulleres en acción. Violencia zero" entendeu a emerxencia feminista e a urxencia cultural que demandaba o momento e, lonxe de parar, saíu á rúa con máis forza se cabe, levando nas súas pezas artísticas as problemáticas da situación actual: visibilizando, sensibilizando e implicando. E fixo activismo noutro senso non menos importante: mantivo o compromiso coas mulleres artistas. Nunha crise sen precedentes, que masacrou o sector cultural dun xeito ineludible, as mulleres creadoras víronse na estacada presenciando a caída, a cancelación e o aprazamento de case todos os seus proxectos culturais. Por iso, manter a axenda do programa (literalmente) tamén era poñer a axenda feminista no foco. Así, o programa volveuse flexible para poder acompañar as artistas, máis tamén as mulleres, na loita pola igualdade.
A loita contra a violencia machista maniféstase aquí na performance, na poesía, na danza, na música, no teatro e no graffiti para provocar unha reacción social cara a esa lacra que só poderemos parar entre todas e todos.
25 novas accións en 25 concellos da provincia. Esta sétima edición volverá apostar pola participación que tantas emocións compartidas nos trouxo xusto antes da pandemia. Volverá desenvolver obradoiros nalgunhas das accións. Volverá situar a creación contemporánea no espazo público. Volverá arrepiarnos a pel e facernos reflexionar. Volverá provocar, remover e berrar: mover conciencias. Volverá ser plataforma. Volverá visibilizar o talento de tantas mulleres artistas, actrices, bailarinas, muralistas, músicas e poetas que merecen estar.
E como novidade desta nova edición queremos convidar o sector cultural a reflexionar nunhas xornadas participativas na nosa Escola de Igualdade María Vinyals, nas que contaremos con figuras referentes a nivel internacional da arte de acción: porque compartir é construír estruturas máis fortes.
Volveremos ocupar o espazo que nos pertence por dereito coa loita máis prioritaria: a loita pola igualdade de oportunidades.
Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven.
Móvete con elas contra a violencia machista!
PROGRAMACIÓN 2021-2022
MES | CONCELLO | ARTISTA | ACCIÓN |
---|---|---|---|
Novembro 2021 | Pontevedra | Alba Soto | Performance inaugural |
Vigo | Mercé de Rande | Performance inaugural | |
Decembro 2021 | Meaño | Eva Comesaña | Danza contemporánea |
Moraña | Sofía Espiñeira | Música | |
Xaneiro 2022 | Silleda | Beatriz Serén | Acción escénica con obradoiro |
Forcarei | Atenea García | Acción escénica con obradoiro | |
Febreiro 2022 | Oia | Cris Iglesias | Acción escénica con obradoiro |
Agolada | Esperanza Mara | Música e canto con obradoiro | |
Marzo 2022 | Caldas de Reis | Mónica Cofiño | Performance |
Moaña | Julia Mariscal | Performance | |
Abril 2022 | A Lama | Pilar V. de Foronda | Performance con obradoiro |
A Guarda | Rakele Cavallo | Mural pequeno participativo con obradoiro | |
Maio 2022 | Fornelos de Montes | María José Pulido | Mural pequeno participativo con obradoiro |
As Neves | Iria Vázquez | Performance con obradoiro | |
Xuño 2022 | Redondela | Elisa Capdevila | Intervención mural gran formato |
Salceda de Caselas | Dúo Amazonas | Intervención mural gran formato | |
Xullo 2022 | Tui | Esther Latorre | Danza contemporánea |
Meis | Flow do Toxo | Música | |
Agosto 2022 | Baiona | La Teoría de la Nada | Música |
A Cañiza | Suevia | Música | |
Setembro 2022 | Covelo | Andrea Valle | Acción poética |
Barro | Myriam González | Danza con obradoiro | |
Outubro 2022 | Rodeiro | Cora Velasco | Acción escénica con obradoiro |
Cambados | Isabel Risco | Acción escénica con obradoiro | |
Novembro 2022 | Vilaboa | Alba Cid | Acción poética |
Ilustradoras bolsas | Andrea López Eva Fandiño Nuria Díaz |
ALBA SOTO
Novembro 2021
Pontevedra
MERCÉ DE RANDE
Novembro 2021
Vigo
EVA COMESAÑA
Decembro 2021
Meaño
SOFÍA ESPIÑEIRA
Decembro 2021
Moraña
BEATRIZ SERÉN
Xaneiro 2022
Silleda
ATENEA GARCÍA
Xaneiro 2022
Forcarei
CRIS IGLESIAS
Febreiro 2022
Oia
ESPERANZA MARA
Febreiro 2022
Agolada
MÓNICA COFIÑO
Marzo 2022
Caldas de Reis
JULIA MARISCAL
Marzo 2022
Moaña
PILAR V. DE FORONDA
Abril 2022
A Lama
RAKELE CAVALLO
Abril 2022
A Guarda
MARÍA JOSÉ PULIDO
Maio 2022
Fornelos de Montes
IRIA VÁZQUEZ
Maio 2022
As Neves
ELISA CAPDEVILA
Xuño 2022
Redondela
DÚO AMAZONAS
Xuño 2022
Salceda de Caselas
TEORÍA DE LA NADA
Agosto 2022
Baiona
SUEVIA
Agosto 2022
A Cañiza
ANDREA VALLE
Setembro 2022
Covelo
MYRIAM GONZÁLEZ
Setembro 2022
Barro
CORA VELASCO
Outubro 2022
Rodeiro
ISABEL RISCO
Outubro 2022
Cambados
ALBA CID
Novembro 2022
Vilaboa
ANDREA LOPEZ
Ilustradora
EVA FANDIÑO
Ilustradora
NURIA DIAZ
Ilustradora
ALBA SOTO
Madrid, 1981
Alba Soto é doutora en Belas Artes e artista multidisciplinar. A súa formación combina as artes visuais e as escénicas, especializándose en ferramentas interdisciplinares e performativas para a creación e a práctica docente. Desde o 2007 é profesora universitaria e impartiu seminarios en universidades internacionais como a Kymenlaakson University of Applied Sciences en Finlandia, a University for the Creative Art (UCA) en Inglaterra, a Hoschule fur Kunste Bremen en Alemaña, a Universidade dos Andes en Colombia ou a SAIC School no Art Institute of Chicago.
A obra artística de Alba Soto mostrouse en multitude de festivais e encontros como Acción!MAD (Madrid), De un lado a outro. Miradas contemporáneas VII (Salamanca), Festival perl'art intramurs (Valencia), Performance Platform Lublin (Polonia), Post Butoh Festival 2017 (Chicago), Straigh Through the Wall (Nova York), Art Beijing, posto do Instituto Cervantes (China), Vital Signs (Grecia), Dhaka Live Art Biennale 2019 D'LAB (Bangladesh), Reception of the Fantastic in Modern and Contemporary Visual Art (Israel), Bienal de Deseño da Habana (Cuba) etc. Tamén en centros expositivos como a Galería Modus Operandi (Madrid), La Casa Encedida (Madrid), La Térmica (Málaga), Castillo de Santa Catalina (Cádiz), ZhouB Art Center (Chicago), Dfbrl8r Defibrillator Gallery (Chicago), Screening Room (Miami), Ionion Center for the Arts (Grecia), Museo Internazionale Italia Arte Turín (Italia), entre outros.
Ademais de realizar a súa obra persoal, participou en varios grupos de investigación e organizou diferentes proxectos expositivos e performativos, colaborando e compartindo experiencias e procesos con multitude de artistas relacionadas coas artes visuais, a danza ou a música. Actualmente é letrista e cantante da banda Verborrea Espacial y Mrs. Pausa e presidenta da asociación de creación e investigación artística multidisciplinar Pelicornio Perceptual.
Desde o ano 2018 comisaría os Encontros Internacionais de Performance Art PERNEO, no Museo da Neomudéjar (Madrid).
A ACCIÓN:
Asta en cueva
As obras de Alba Soto son como linguas que viaxan desde o ventre cara á superficie. Desde a experiencia perceptual e o movemento, que inclúe procesos que testan as enerxías invisibles, desvélanse novos corpos que rin irreverentes e pausan para chorar unidas e cantar amodo. As súas accións veñen a ela a través de obxectos e vestiarios que aparecen sen ser buscados e que, cociñados desde o inconsciente, se van ordenando a lume lento. Unha vez colleitado o material e completadas as imaxes, aparece a vivencia, e con esta a conceptualización.
A través das súas pezas descubrimos un máxico e estraño universo, que nos guía a modo de ritual a través de metáforas e imaxes de significado escondido, que piden que nos deteñamos a dialogar connosco mesmas e descubrir así o noso propio relato.
Asta en cueva presenta unha serie de presenzas arquetípicas que conectan co imaxinario persoal da artista, para achegarnos á xenealoxía da figura mitolóxica de Baubo a través da acción simbólica e o esconxuro, como modo de conexión e encontro sanador co ancestral.
Trasmuta o corpo en Pan, o fauno: cara a fóra
Reclama o oco en Eco, a ninfa; desde dentro
MERCÉ DE RANDE
Vigo, 1973
Artista transdisciplinar, directora artística e escénica, coreógrafa e performer. A súa obra transita entre as artes escénicas e as plásticas, experimenta e investiga nestes eidos procurando novos formatos de hibridación. No seu traballo emprega elementos diversos, desde a pintura ao movemento, pasando pola fotografía, a poesía e a instalación, onde a performance acadou ao longo do tempo unha posición relevante no seu discurso. Estudou danza contemporánea no Forum-Dança de Lisboa e nos Centros Coreográficos Nacionais de Toulouse (CDC) e Montpellier (CNCM) de Francia. Obtivo despois unha bolsa para a especialización na investigación do movemento en Nova York. Posteriormente realizou un mestrado na especialidade de Teatro Físico en Suiza. Por último formouse en butoh con Sankai Juku no Xapón. Traballou como bailarina e coreógrafa para plataformas francesas pioneiras no emprego das artes numéricas e novas tecnoloxías en escena, coma a compañía K-Danse e Didascalie. Residiu 16 anos en Suiza, onde formou parte de grupos de experimentación e improvisación como The Flow e ImproAquarium, participou en performances colectivas con Tribuchilanga presentando traballos entre outros no Cabaret Voltaire de Zurich e realizou exposicións individuais e colectivas como "Caixas" na Galería Station 21 (Zurich), "Variationen HSW" (Wädenswill) ou "Nachdenken" (Baden). Foi coreógrafa oficial en residencia na Sala Nasa de Santiago de Compostela (2008) e na Tanzhaus de Zurich (2014). Directora do grupo de teatro formado por artistas árabes e europeos 417 ITG, con eles presentou diversas obras no teatro da Biblioteca Alejandrina, Exipto. O seu traballo, tanto escénico coma plástico e de performance, mostrouse en países como Francia, Suiza, Portugal, Alemaña, Exipto, Xordania e EUA. Como ilustradora colaborou para a axenda cultural dos Azores e en diversas publicacións feministas. Realizou murais para o Concello da Madalena, na illa do Pico, os Azores. Periodicamente realiza traballos de colaboración con artistas internacionais visuais e de performance.
A ACCIÓN:
VER
CADA
Bágoa
"A cura para todo sempre é a auga salgada: o suor, as bágoas, o mar" Karen Blixen
Chorar é unha liberación que vai contra a represión social das emocións. Non me digas "Non chores, muller", mais ao contrario, déixame expresarme sen censura. Se fósemos capaces de escoitar co corazón toda a información que vén inscrita nunha bágoa teríamos unha poderosa ferramenta indicativa do noso estado emocional. Se ademais de soltar ese caudal emocional pasamos a seguinte fase de aceptala, asumila, analizala, poderemos ir máis fondo e descubrir nodas do inconsciente. As bágoas que non se reprimen mostran cunha lente amplificada onde está o erro, onde andamos agochadas. A pureza desa auga non nos pode enganar. Deixémola brotar e sorprenderémonos do apego que lle outorga o noso poder á outra persoa, non choramos por eles senón polo medo ao abandono, ao fracaso, ao pánico de quedar fóra de xogo do que se espera das mulleres na sociedade patriarcal. Se nos desvencellamos da dependencia emocional estaremos avanzando para deixar de ser obxecto suxeito polo poder. Se cada vez que nos superan as emocións, en vez de afogarnos coma Ofelia, deixamos correr esa auga poñendo fina atención no que nos sucede interiormente, estaremos limpando o corazón e traballando desde nós mesmas no cambio para non andar perdidas e evitar ser cadáveres emocionais.
EVA COMESAÑA
Vigo, 1993
Considérome unha persoa que se nutre da arte para crear o meu pensamento crítico, tras a observación e o análise do mundo que nos rodea e das súas necesidades de vivir en sociedade pero moi pouco en comunidade.
As miñas liñas de traballo pasan pola creación e pola interpretación de pezas de danza en individual e en colectivo; en crear encontros artísticos multidisciplinares para dar lugar a tecer redes e medrar coma colectivo, isto tamén implica todo o apartado loxístico e de xestión necesario; unha comunicación a través do mundo dixital de proxectos, maioritariamente culturais; poñer o corpo para o activismo e a formación en feminismo; ser mestra de danzas urbanas e de expresión corporal para crear unha danza propia a través de técnicas de improvisación.
A miña formación vén desde ben pequena, comecei co ballet para levalo á patinaxe e despois centreime nas danzas urbanas, pasando pola salsa, as danzas africanas e, finalmente, mergulleime na danza contemporánea.
En 2012 comezo a impartir clases de hip hop freestyle, xa que esta danza social inunda a miña personalidade, e afondo na súa técnica e nos xeitos de competición, coma son as batallas.
É a danza contemporánea a que me deu o máximo coñecemento do meu corpo, da expresividade e dos xeitos de creación. Tamén alimentaron a miña formación o teatro xestual, participei en varias formacións, e a creación con artistas de diferentes eidos coma a música, o visual, a poesía e a pintura.
Complemento a danza co activismo a través da arte formando parte do colectivo feminista de artistas 85C, onde creamos rede e sinerxías, e amosamos creacións e arte en chave feminista.A ACCIÓN:
Transoceánica, navegando entre dúas realidades
Transoceánica é unha peza de danza contemporánea que navega entre dúas realidades unidas por un océano, unha lingua e un pasado conexo desde diferentes perspectivas.
Cultura, xentes e xeitos de facer en comunidade son a esencia do son, das imaxes, do movemento, das cores e das texturas desta peza que fala dunha Galicia rural e marisqueira onde a muller foi e será o eixe do privado, contrastado cunha Honduras que resiste e se defende, chea de tradicións indíxenas e lencas.
Os territorios dos que fala a peza, como lugares de resistencia, de traballo coa terra, co mar e coa autoxestión.
Transoceánica afonda na memoria para facer reflexión do presente, recupera tradicións e costumes das nosas antepasadas que alimentan a imaxinación e nos transportan ás nosas raíces.
Ten como nexo común as corporalidades sistémicas de mulleres en acción que cargan auga na testa, machucan o millo, lavan e secan no río e coidan en vilo.
É unha viaxe pola memoria e pola herdanza que levamos intrínseca polo feito de ser humanas, e así poder deixar camiño, alento e coñecemento en forma de arte, afondando na linguaxe, nas formas dos corpos, no que hai fóra, para poder entender o que temos dentro.
Mostrar, desde unha ollada, fogar e conciencia colectiva, política e feminista.
Ao ser unha acción de rúa, acompañarán a posta en escena elementos tradicionais formando parte da partitura de movemento, ademais do espazo sonoro creado para acompañar a danza e darlle un sentido completo ao espectáculo.
SOFÍA ESPIÑEIRA
Mugardos, 1986
Creadora e artista polifacética. Desde 2015 desenvolve a súa traxectoria escénica arredor da música, do teatro, da danza e do circo, e traballa en diversas compañías e proxectos propios.
O seu impulso cara ao novo xunto cunha gran versatilidade e curiosidade innata lévana a construír un perfil artístico multidisciplinar pouco común, con base nun gran traballo autodidacta e formación en diferentes escolas, obradoiros e mestres en cada un dos eidos.
Nas artes escénicas e nas do movemento pasa pola Escola Navarra de Circo Oreka, Circonove, formacións intensivas do Enxebre Danza (corpo a terra), formacións profesionais en Alfaia Danza, e recibe clases con docentes coma Sara Pons ou Laura Vilar en contemporáneo ou Olivier Delamarre en teatro físico. É cofundadora da Compañía Teatro Ó Cubo xunto con Roberto Casal Mouriño, e traballa tamén noutras producións xunto a Pistacatro, Charlatana ou Xoán Curiel e a Banda do Verán.
Na música comeza co grao elemental en Clarinete no Conservatorio de Música de Ferrol. Continúa coa guitarra, de forma autodidacta ata hoxe. Nace desde aquí o seu proxecto propio, onde é compositora, letrista, intérprete e creadora de arranxos. Alá onde agroman as herbas é a súa carta de presentación, un primeiro disco que lanza en 2016, tras resultar gañadora do II Certame de Canción de Autor en Galego do Concello de Teo. Tras estes anos de concertos por toda Galicia e de colaboracións en proxectos coma o libro-disco O colo das palavras, ou con artistas coma MJ Pérez, A Banda da Loba ou Belém Tajes, actualmente traballa nun novo álbum cara a 2022.
A ACCIÓN:
Armeria maritima
A herba de namorar, caravel de mar ou Armeria maritima, medra en lugares hostís. Vento, pedras, area e salitre atravésana. Por iso ten unhas fortes raíces. Por iso medra en conxunto. Disque hai que apañala na Noite de San Xoán e metela na faldriqueira da persoa amada. A quen queremos amar?
Sofía Espiñeira tráenos un repertorio escollido do seu universo musical, onde fiará cada un dos temas con historias e rituais sobre as plantas silvestres do noso contorno. Unha reflexión constante arredor das estruturas que nos compoñen, da fraxilidade e da fortaleza, da mirada nos nosos corpos, das raíces que nos alimentan e do hábitat que precisamos para florecer.
Unha viaxe sonora de música silvestre, herbario de cancións feito con mimo e con moitas preguntas. Onde queremos habitar? En que rumbo lanzar as nosas sementes hoxe para florecer mañá? A Armeria maritima medra en lugares hostís, mais nos xardíns é unha planta ornamental.
Onde queremos estar nós no vindeiro florecer?
BEATRIZ SERÉN
Lugo, 1987
Polifacética actriz e presentadora, diplomada en Arte Dramática e técnica superior de Produción Audiovisual. Complementa a súa formación en diferentes técnicas con mestras e mestres coma Macarena Pombo, Fernando Piernas ou Luis Bermejo, entre outros, tocando unha gran variedade de disciplinas no campo das artes escénicas.
Foi un dos personaxes principais durante as oito temporadas da serie Pazo de familia, da Televisión de Galicia (TVG), traballo que lle valeu dous nomeamentos a Mellor Actriz nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.
Participou en películas coma O club dos incomprendidos, Blockbuster ou O camiño da vida, e en varias curtametraxes.
Con máis dun cento de programas en directo ás súas costas, foi presentadora do lonxevo programa da TVG Luar, xunto a Xosé Ramón Gayoso, e presentou en solitario varios programas en directo en horario de máxima audiencia da mesma canle, como Adiviña quen vén esta noite. Tamén amenizou as tardes da grella da TVG como reporteira no programa Aqvet.
A ACCIÓN:
PEL
A pel… Órgano dinámico, constantemente cambiante… Coma todas as nosas emocións.
A acción Pel fará que intercambiemos a nosa pola da nosa compañeira ou a do noso compañeiro, ampliará a nosa visión, os nosos sentimentos, os nosos pensamentos, poñerá contra as cordas os nosos actos e poñerá o foco na repercusión das nosas accións individuais e colectivas.
Toda acción ten a súa reacción no noso arredor. Farémonos responsables de nós mesmas ou mesmos empoderándonos para decidir que tipo de ser humano desexamos ser: o que crea ou o que destrúe, o que frea sufrimentos ou o que os fomenta, o que controla tremeroso ou o que confía e é libre.
Tolerancia, respecto, igualdade, liberdade, empatía, xogo e moita diversión… Cambiamos de pel?
ATENEA GARCÍA
O Grove, 1988
Actriz, narradora oral e creadora escénica, titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia en 2010. Residiu durante dous anos na cidade de Bos Aires, onde ampliou a súa formación con artistas coma Jessica Pinkus ou Ignacio Monna. Tras a súa volta a Galicia traballa como actriz no Colectivo Avoayouja en varias das súas montaxes.
En 2015 fundou, xunto co escenógrafo e músico Nicolás Zamorano, a compañía Xarope Tulú, dedicada ao público infantil e xuvenil. Desde 2017 colabora como performer co colectivo Blanco&Roja e coa artista Alba Blanco.
En 2019 traballou como actriz na montaxe de Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego. Ademais, neste mesmo ano pasou a formar parte como protagonista de Mai Mai, espectáculo da compañía Baobab Teatro.
Na actualidade combina o seu traballo como actriz e creadora co seu labor como narradora oral e produtora escénica na súa propia compañía e para outras profesionais do sector.
A ACCIÓN:
Mudar
Verbo transitivo
1. Facer [algo ou a alguén] distinto de como era antes ou facer que deixe de estar como estaba.
De como os contos van medrando e mudando canda nós.
Verbo intransitivo
- [Algo, alguén] pasar a ser distinto de como era ou a estar dun xeito distinto de como estaba.
De como as historias fan parte de nós segundo as imos dixerindo.
Verbo pronominal
(mudar en)
- Pasar a ser outra cousa ou persoa distinta.
De como os contos mudan e nós-outras con eles.
Este obradoiro-acción está dirixido a mulleres maiores de cincuenta anos aproximadamente. O que se propón é crear un espazo de encontro onde, a partir de diferentes dinámicas, intentaremos traer historias que se acalaron [ou non]. Para evocar dalgún xeito aqueles lavadoiros [espazos exclusivos de mulleres] nos que se mesturaban os relatos de ficción coas historias da vida, colocando na cabeza de quen as escoitaba as sementes de novos relatos que van seguir espallándose carreiro arriba.
CRIS IGLESIAS
A Coruña, 1993
Actriz galega nacida na Coruña en 1993 que desde moi nova se inicia na carreira artística. Estuda durante anos no Conservatorio Profesional de Música da Coruña a especialidade de Percusión, compaxinando estes estudos coa súa formación en diferentes estilos da danza, coa que continúa a día de hoxe. Anos despois obtén o título en Interpretación Textual pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Continúa a súa formación con mestras e mestres coma Vicente Fuentes, Francesco Carril, John Strasberg, Laila Rippol e Lorena Bayonas, entre outros.
No profesional é coñecida por múltiples traballos de teatro e audiovisual. Forma parte da compañía de teatro Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) durante catro anos coa xira do espectáculo Eroski Paraíso, que máis adiante adaptan á gran pantalla baixo a dirección de Jorge Coira.
Dende o ano 2014 traballa en distintas series da Televisión de Galicia coma Serramoura, Pazo de familia etc. Tamén en series do panorama nacional coma Fariña, Valeria, Desaparecidos ou a coprodución galego-portuguesa Auga seca.
No cine, é protagonista da recoñecida curta 16 de decembro, do director Álvaro Gago, traballo polo que recibe varios premios nacionais á mellor actriz. Ademais, forma parte do reparto do filme Ons, do director galego Alfonso Zarauza, e acaba de estrear a película Tres, do director catalán Juanjo Giménez.
Nestes últimos anos de percorrido teatral forma parte do espectáculo Liberto, da versión teatral de Fariña e do último traballo da directora uruguaia Marianella Morena, o espectáculo Fuenteovejuna. Historia del maltrato, unha coprodución internacional entre Uruguai e España coa que está actualmente de xira.
ACCIÓN
Somos da Galicia profunda
Realidade (substantivo feminino)
1 Todo aquilo que existe.
O mundo da realidade e o mundo da imaxinación.
2 Calidade de todo aquilo que é real, que non é só aparencia ou unha invención.
A realidade da súa versión aínda está por demostrar. Antónimo: irrealidade.
Privilexio (substantivo masculino)
Vantaxe pola que alguén está libre dunha obriga ou pola que pode ter ou facer algo que os demais non poden.
Os privilexios da aristocracia. Sinónimo: regalía
Confróntese: prerrogativa
ESPERANZA MARA
Noia, 1989
Esperanza Mara nace en 1989 na vila de Noia (A Coruña). Aos oito anos comeza os estudos de música clásica da man do seu primeiro profesor, o director da Coral Polifónica de Noia, Manuel González García. Desde esta idade formou parte da coral, na que permaneceu dez anos de xeito interrompido.
Aos quince anos ingresa no Orfeón Terra A Nosa e recibe clases do seu director Miro Moreira, persoa importante na súa formación vocal. Pertenceu á Compañía Lírica de Galicia, ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, onde recibiu clases de Carolina Pérez e Manuela Soto, e ao Coro da Orquestra Sinfónica de Estremadura, onde recibiu clase de Jordi Ricard e Miguel Bernal. Finalizou o grao profesional de Canto, baixo a tutela de Tatiana Sajarova, no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e é licenciada en Interpretación na variante de Canto polo Conservatorio Superior de Vigo baixo a dirección de Teresa Novoa.
Como soprano quedou finalista nos concursos de canto do Círculo Bach en Madrid e do Festival de Música Antiga de Xixón. Acadou a Mención de Honra dos Premios David Russell. Gravou as Vísperas de Rebelo coa Capella Joanina e Flores de Música, e o disco Sefardica con Emilio Villalba e Sara Marina. Estreou obras do compositor Carlos Seráns para clarinete, piano e voz, e realizou o acto oficial da Xunta das Letras Galegas con esas composicións, inspiradas nos poemas de Manuel María. Tamén estreou máis obras deste compositor en Lugo e no Teatro Rosalía da Coruña.
Actuou nas mellores salas de concertos da nosa comunidade e dos países veciños: no Auditorio de Galicia, no Teatro García Barbón, no Teatro Principal de Pontevedra, na Sala Eutherpe, na Casa da Música do Porto, no CCB e na Fundación Gulbenkien en Lisboa, na Ópera de Lyon e en diversos festivais de prestixio internacional, coma o de Bremen, Gemunden, San Roque (Lisboa) etc. Forma o Dúo Mara coa pianista Paula Gago, con quen deu concertos por toda a xeografía nacional e nos países veciños.
Tamén é instrumentista na especialidade de Violonchelo. Comezou o estudo deste instrumento no Conservatorio Paz Carbajal de Noia da man de Vêra Kolar, para continuar con Dalibor Sebestik e Xusa Hervás. Participou en encontros orquestrais e deu concertos en distintas formacións coma trío, cuarteto ou solista na Galería Sargadelos en Santiago de Compostela, así como en diferentes auditorios de Galicia.
Como violonchelista gañou xunto con varias compañeiras da ESMAE o Primeiro Premio do Concurso de Música Antiga de Oeiras. Conseguiu tamén o Premio ao Talento Musical na Barock Akademie de Austria. Formou parte, desde a súa creación en 2012, da orquestra Concerto Ibérico, coa que realizou concertos por toda a xeografía portuguesa.
Finalizou o mestrado en Música Antiga na variante de Canto na ESMAE cunha bolsa de estudos artísticos da Deputación da Coruña. Realizou un mestrado en Investigación Musical da Universidade Internacional de Valencia cun monográfico sobre arrolos de tradición oral na comarca do Barbanza. En xullo de 2021 obtén o primeiro posto no concurso-oposición da Comunidade Autónoma de Galicia para o Corpo de Música e Artes Escénicas na variante de Canto.
Actualmente lidera proxectos coma Tecendo Soños, sobre nanas de tradición oral; Óperabreaks, de ópera e cultura urbana; ou Música Medieval en Camiño, sobre a recuperación da figura das trobadoras e a posta en valor do patrimonio histórico-cultural, co eixe vertebrador do Camiño de Santiago de Compostela.
ACCIÓN
Arranxando letras
Neste obradoiro traballaremos dous obxectivos prioritarios: a consciencia dun oído crítico e a igualdade activa. En primeiro lugar, enfocarémonos en letras sexistas (coma, por exemplo, as de algunhas cancións populares), analizarémolas e trocaremos as frases por linguaxe igualitaria e inclusiva. Crearemos unha adaptación ou unha versión nova, que poderemos gravar e divulgar (segundo a normativa vixente e con acordos previos). Nunha segunda parte, elaboraremos en tempo real unha pequena peza en galego con base en ritmos de percusión corporal, inspirándonos nas características da peza ou pezas de música traballadas previamente.
Mónica Cofiño
BIOGRAFÍA
Bailarina e produtora de acontecementos. Diplomada en Turismo, licenciada en Clásico- Español polo Conservatorio de Danza de Madrid, completa a súa formación no centro Coreográfico de León e no Institut do Teatre de Barcelona, e enriquece inquedanzas en Budapest, Viena, Berlín, Bruxelas, París, San José de Costa Rica, Amsterdam etc. Traballa en diferentes campos da escena contemporánea, colabora con videocreadores como Fium, DeNooijer, Surasi Kusolwong… como intérprete para Marcelï Antunéz, Cuco Suárez, Jordi Val-lamora, Annie Sprinkle… como asistente con Marina Oural, Delphine Coutant, Rodrigo García, Rocío Molina, Carlos Marquerie. Cofunda a compañía Bailarinas Parabólicas e o proxecto do Acuario Elástico. Recibe os premios Injuve 2009, Astragal 2010 e a bolsa ALnorte 2016. Na actualidade desenvolve o décimo ciclo de La Xata La riFa, laboratorio onde investiga outras formas de presentación, reivindica novos circuítos e tempos na arte, cuestiona a mirada do público e responde a outros mecanismos de financiamento. Organiza en localidades de Asturias a oitava edición de La Xata La riFa Festival e leva o seu XataTour, Cowshows e o seu propio micromecenado por vilas e cidades de EUA, Cuba, Costa Rica, Francia, España, Llanes e as concas mineiras. Crea espectáculos para vacas, escenarios na auga, musicais mineiros e a quinta xira para un piano flotante por España coa compañía francesa Lle Piano du Lac. Actualmente vive entre a estación de tren de Carbayín, Podes e os Alpes franceses combinando prácticas performativas coa elaboración de eventos, entretecendo o desenvolvemento rural e as artes escénicas con tradición, paixón e innovación.
ACCIÓN
A astronauta de campo
De cando a Terra e a Lúa estiveron máis atentas que nunca
O vento non para, o sol non deixa de quentar, a lúa non cesa de arrolar o mar, as flores brotan, as uñas crecen, os caracois continúan a subir pola fachada, a eiruga segue o seu camiño, os tractores retrobatean polas noites, a luz das estrelas e a do faro de Cabo Peñas brillan sen cesar. Iso dá medo. E dígolle ás EstreLas: o que vemos agora xa foi, é luz vella, que viaxa do recordo. Ensináronme as nubes que parecían estar atrapadas, que sempre están novos aires por vir, que nada no ceo está quieto. As gatafornelas sobrevoan gloriosas baixo o mesmo novo ceo e sobre a mesma nova terra. Esa grandeza é tenebrosa. Aos poucos isto vaise acabar. Gardo a miña soidade inmensa chea de promesa. Nun paseo, podo debullar os datos máis sacros do meu vixía, só se deixo que o futuro pase.
Lembramos o que somos para plantarnos e poder accionar desde un pasado máis limpo porque desinfecto os rastros do futuro imposto. Ao pararme e desbotar o prognosticado, parece difícil volver deseñar para o que non coñezo. Ninguén parece coñecer *Ese tempo inmediato incerto. Pero xusto me dei conta de que o que máis me custa é volver ao que son, porque é do que máis me afastei...
De cando a Terra e a Lúa estiveron máis atentas que nunca unha da outra.
Asomados ao que levamos dentro / Como é arriba é abaixo ^ como é dentro é fóra / Lugares para estar a salvo non hai / Entre o ceo e a Terra / Sen identidade a viaxe é a ningures / Especie humana / Corremos perigo.
Danza e dirección: Mónica Cofiño
Vídeo: Eloy Couceiro
Música: Pedro Acevedo
Fotografía: Irma Collin
Administración e comunicación: Helena Pérez
Produción: La Xata La riFa
Julia Mariscal
Barcelona, 1981
Julia Mariscal naceu en 1981 en Barcelona, onde vive e traballa. Cursou os seus estudos universitarios en Londres. É licenciada pola Universidade de Goldsmiths College e ten un mestrado en Fine Art polo Chelsea College of Art and Design. Mariscal traballa a performance, a instalación, o vídeo e o debuxo. A artista concibe e desenvolve os elementos en escena como un traballo de escultura expandida. O seu último proxecto, Ocells-textos-onades (Paxaros-textos-ondas), presentouse no Teatre Lliure de Barcelona, dentro do ciclo Katharsis. Tamén presentou o seu traballo de performance no Centro del Carmen de Valencia, convidada pola comisaria Diana Guijarro, e en SWAB, a feira de arte contemporánea de Barcelona, na edición de 2018. Xunto á artista Rita Evans, e como membro de The Objectifiers, presentou o proxecto performativo na 176 Gallery e na Tate Britain, ambos en Londres. Expuxo de forma individual en Miquel Alzueta e Franco de Toledo, en Barcelona, en Oblong Gallery de Londres e en Grand Palais, Suíza. En colectivo foi convidada polo comisario Sema D’Acosta e polas comisarias Lorena Muñoz-Alonso, Carolina Grau e Alexandra Laudo. O seu traballo de vídeo mostrouse en festivais como o Art Souterrain, en Montreal, e o Winter Light, en Oxford. A súa obra forma parte da fundación privada OlorVisual.
ACCIÓN
O.T.O. (OCELLS-TEXTOS-ONADES/PAXAROS-TEXTOS-ONDAS)
Ocells-textos-onades (Paxaros-textos-ondas) é unha acción-instalación escultórica erixida con materiais inorgánicos, coma o cristal ou a pedra, e outros de orixe biolóxica que remiten ao corpo, coma o leite, o cabelo, o sal ou a cera. Julia Mariscal aposta polo carácter inestable e dúctil destes elementos, pola posibilidade de moldealos e de transformalos en escena.
A artista presentou esta peza en varias ocasións e cada vez constrúese de cero. Así, a peza nace para un lugar e un tempo determinados e cada vez é distinta e inédita. A elección dos materiais é concreta, segundo as súas propiedades. A artista traballa cunha linguaxe matérica navegando entre a semiótica e o que o material evoca na memoria do público espectador, coa vontade de contar unha historia que nos fai pensar nas relacións íntimas que establecemos entre o invisible e o visible do noso mundo.
Mariscal traballa con conceptos amplos e a súa linguaxe non é directa, polo que a súa aproximación a esta proposta baséase en antepoñer o posicionamento matriarcal, revisado e recodificado para mostrar aspectos femininos de gran valor. A fraxilidade é unha condición que está moi presente na peza, tanto nos materiais, nos actos, coma nos conceptos que toca. A predominancia do fráxil pon en valor o efémero e a habilidade para tomar novas formas.
Pilar V. de Foronda
Pontevedra, 1961
Formeime como escultora na Universidade Complutense de Madrid, onde tamén estudei o título propio de Axente de Detección e Intervención en Violencia de Xénero, en 2010, e o mestrado na Aplicación da Perspectiva de Xénero nas Industrias Culturais, en 2018. En 2011 cursei o mestrado de Axente de Igualdade na Universidade de Castela-A Mancha e doutoreime cum laude en Belas Artes en Granada, en 2015.
Entre outras obras públicas, elaborei o monumento A la sombra de las madres en Cabanillas del Campo. Desde 2005, no artivismo feminista, levo a cabo proxectos coma os obradoiros Pensar O Teu Eu Creativo ou Mercado Canalla, onde constrúo espazos en procura de respostas á pregunta: pódense usar os nosos corpos a cambio de diñeiro?
O meu traballo tamén abarca a xestión cultural, xa que realicei colaboracións con Mujeres en las Artes Visuales (MAV), da que tamén son socia; Clásicas y Modernas, da que fun secretaria xeral durante tres anos; coordinei o ciclo Nin Elas Musas Nin Eles Xenios, en Caixaforum; amais do pequeno ciclo do IgualaTTeatro no Corral de Comedias de Alcalá ou os ciclos de Pensadoras do Centro de Estudios Políticos y Constitucionales (CEPC).
En Guadalaxara colaboro co colectivo MUART.GU creando, xunto a outras compañeiras artistas, novos imaxinarios sobre o que supón ser muller no século XXI.
Actualmente dirixo o proxecto “Imos pintar algo en Guada” e o curso Tolas, Musas e Xenias, que se impartirá no Círculo de Belas Artes.
ACCIÓN
O OBXECTO DOS LIBROS
Este proxecto artístico parte dunha selección de parágrafos de textos e de poemas específicos que abordan distintos tipos de encerros e confinamentos. Sobre estes textos elaborarei un obradoiro xunto coas arteterapeutas Marta Díez e Isa Merino, que traballan tamén cos corpos.
Un obradoiro cun grupo de mulleres moi especial que culmina cunha actuación grupal colaborativa na que se le, se narra e se interpreta.
Así mesmo, a través dun obradoiro de creación colectiva crearanse pezas e obxectos que teñan relación co formato libro. A través de técnicas de escultura sinxelas construiremos un obxecto que poida converterse en escultura pública, para o pobo, para a artista ou para as mesmas usuarias do obradoiro. Sen que haxa compromiso ningún polas partes da necesaria finalización do obradoiro co éxito de lograr unha peza, o interesante é que gocen do proceso e se vexan capaces de levar a cabo o acto creativo.
Por último, realizaremos un obradoiro de escritura creativa que nos axude a ver que todas podemos crear e non limitarnos a ser un obxecto de creación e que se pode chegar á consecución do obxecto que sería o “outro”. O que tamén nos dá pé a falar de como as mulleres se nos retratou lendo libros pero como un obxecto da mirada do outro porque, como podemos saber se é unha muller lendo ou unha muller que suxeita un libro porque alguén llo manda para poder contemplala?
O obxecto dos libros é unha acción para reivindicar ser suxeitos activos na que se rompen estereotipos, xerarquías e estruturas patriarcais.
Rakele Cavallo
Milán, 1980
Son técnica auxiliar en Imaxe e Son, na especialidade de Imaxe Fotográfica, polo Centro Caterina da Siena de Milán e cursei o Ciclo Superior de Gráfica Publicitaria no Centro Escola de Artes Pablo Picasso na Coruña.
Sempre me gustou pintar pero nunca de forma profesional, ata que en 2014 empecei a tomar a miña paixón en serio e formei parte, durante dous anos, da Asociación Creaformas de Carballo, onde me deron a oportunidade de participar en numerosos proxectos artísticos que empezaron a estimularme. Nese mesmo momento comeza a miña carreira no mundo dos murais, a maioría para colexios da zona, outros encargados por particulares, aínda que os máis destacados os realicei para o Concello de Carballo, como Derrumbando muros con pintura, Carballo mirando o mar etc. Tamén experimento con pintura de tráfico, realizando xogos no chan de varios colexios e descubrindo en cada ocasión novas posibilidades. Neste momento teño varios proxectos en marcha, sigo con moitísima ilusión e entusiasmo para continuar aprendendo cada día, sumando así experiencia e seguridade.
ACCIÓN
BERRO
O meu mural quere plasmar a importancia de dar a coñecer e visibilizar todas as tipoloxías de malos tratos machistas. Berro simboliza a acción para dar o primeiro paso e facerse escoitar moi alto, algo tan necesario e urxente para saír dunha situación tan complicada.
Pero quero transmitir esperanza: hai luz ao final do túnel, pero primeiro é vital buscar axuda. De aí as dúas partes do mural: a primeira escura e triste e a segunda, colorida e esperanzadora.
Iria Vázquez
Artista multidisciplinar, mediadora cultural e docente, é licenciada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo (2015).
En 2011 obtivo unha bolsa da Universidade de Vigo para realizar unha estadía de investigación no Museo d´Orsay, no Museo do Louvre e en distintos centros de arte de París en 2012 para desenvolver o traballo de campo e documental da súa tese de doutoramento.
Realiza e colabora en proxectos artísticos de carácter multidisciplinar que abarcan tanto o ámbito expositivo coma o audiovisual e o escénico, que desenvolve xunto coa mediación cultural e coa dirección artística.
ACCIÓN
PERMÍTETE CAMBIAR DE FORMA
Un tempo acumulado que emerxe desde unha montaña de teas, unha paisaxe onde a memoria se esfía para dar lugar a un novo comezo.
Tremer e crear outras realidades que chegan a ser a través de quen lles dá forma, dos pasos que desafían o seu equilibrio, que atopan o lugar onde queren estar, que proban para volver comezar. Emerxer desde a liberdade que nos proporciona a práctica artística, o recoñecemento, a experiencia sensible, o encontro.
Darlles énfase a través desta acción, nese espazo esencial de expresión e de manifestación da nosa subxectividade, aos anhelos e á presenza. Ese espazo emancipado que nos proporciona a experiencia artística, onde cultivarnos, transcender os nosos medos, afrontalos, desafiar os roles e as inercias, os hábitos caducos e os imprescindibles, as realidades incuestionables, transitar neles, miralos, desbordalos, convertelos en tránsitos de universos posibles, en materia viva coa que transformar o presente.
Afondar na sororidade, nun tempo da agarda que se escinde no momento de facer historia.
MARÍA JOSÉ PULIDO
Ourense, 1974
María José Pulido Cid é unha artista galega, licenciada en Belas Artes pola Universidade de San Carlos (Valencia). De Valencia trasladouse a Barcelona, onde residiu quince anos para finalmente afincarse en Galicia. Gozou de bolsas de arte en Passau (Alemaña), en México e no Perú. Ao longo da súa carreira como artista realizou moitos obradoiros de arte, entre eles destaca o de Gravado, na Escola de Gravado de Pontevedra; o Curso de Deseño e Ilustración e o de Introdución á Multimedia, en Valencia; e os estudos no CEEC, escola cinematográfica de Barcelona. Esta artista polifacética realiza deseños, ilustracións de revistas, libros, proxectos audiovisuais, deseños e elaboracións de diversos murais e obradoiros como profesora de Debuxo e Pintura. Conta con múltiples exposicións tanto individuais coma colectivas.
ACCIÓN
PIONEIRAS E REFERENTES
Ao longo da historia sempre houbo unha serie de mulleres que brillaron como inconformistas, dispostas a desafiar todo tipo de convencións, conscientes dos estereotipos e das construcións sociais e culturais; mulleres subversivas, insurxentes e combativas que conseguiron crear cambios sociais e de pensamento, que acadaron avances en diferentes eidos da cultura e do coñecemento, e que contribuíron ao desenvolvemento da nosa sociedade tal e como a coñecemos.
A elas debémoslles que hoxe en día, grazas á súa contribución, nos sintamos empoderadas e logremos seguir os seus pasos.
É de xustiza visibilizar e valorar a todas aquelas mulleres que foron esquecidas ao longo da historia ou ás que non se lles concedeu a importancia que merecían polos seus logros, xa que, se recuperamos esta memoria histórica, contribuímos á construción do que hoxe é Galicia.
"Aínda non lle é permitido as mulleres escribir o que senten e o que saben."
Rosalía de Castro ("Hija del mar", 1859)
ELISA CAPDEVILA
Barcelona, 1994
Elisa Capdevila é unha pintora e muralista barcelonesa. Empezou a formarse en debuxo e pintura clásica aos vinte anos, despois de abandonar unha carreira do ámbito das ciencias. Realizou o seu primeiro mural ao ano seguinte para descubrir nesta disciplina unha forma de comunicación moi potente mediante a arte. A súa obra como artista urbana vese moi impregnada polo seu grande interese en temas humanos, coma as relacións persoais, a intimidade e a cotiandade. Decide interpretar estes temas con imaxes variadas pero sempre dentro dunha perspectiva figurativa, e centra a súa atención na harmonía das cores e dos recursos plásticos que os materiais lle ofrecen.
Actualmente Elisa está centrada en realizar murais, tanto en festivais coma para encargos privados, e aproveita sempre as oportunidades de viaxar que isto lle ofrece e, cando ten tempo, traballa en pinturas sobre lenzo no seu estudio situado en Barcelona.
ACCIÓN
SEN TÍTULO
Este mural versará sobre a violencia machista e usará a linguaxe sutil e poética característica da artista, desde unha perspectiva figurativa (estilo realista). Poñerase atención na relación do mural co seu contexto e na harmonía de cores, como é habitual nos traballos site-specific de Elisa Capdevila, nos que intenta facer chiscadelas ao lugar.
DÚO AMAZONAS
Dúo Amazonas
Lina Castellanos (Bogotá, Colombia, 1990) e Nati Andreoli (Bos Aires, Arxentina, 1992)
O Dúo Amazonas é un colectivo de muralismo creado en 2017 en Bos Aires e integrado por Nati Andreoli e Lina Castellanos. Naceu como un espazo de experimentación e diálogo artístico e cultural.
Cremos que o muralismo é un lugar de intercambio e diálogo, un exercicio comunitario que empeza desde nosoutras como equipo e que se retroalimenta cos contextos e coas demais persoas participantes das comunidades, co fin de conseguir unha narrativa.
A nosa proposta parte da representación da figura humana en escenas ou accións cotiás, xa que neste recurso se permite o recoñecemento do común. Deste xeito xérase un espazo no que se poden repensar as maneiras de comunicarnos, de habitar o noso contorno, de recoñecer a nosa historia e a importancia dos vínculos humanos nesta.
A narrativa que propoñemos desenvólvese desde a nosa perspectiva como mulleres latinoamericanas e implica un proceso de achegamento ao mural, que empeza desde a autoría das fotografías ata a investigación contextual do lugar. Interésanos que as nosas intervencións no espazo público abarquen perspectivas reais e próximas; desta maneira, pretendemos incentivar a reflexión individual que permita accións colectivas.
Cremos na relevancia de desenvolver a nosa proposta en lugares nos que o encontro comunitario sexa máis inmediato, coma barrios, asociacións ou zonas rurais. Así o diálogo que atravesa o proceso creativo do muralismo se presenta dunha maneira máis orgánica, máis diversa e, ao mesmo tempo, permite descentrar a cultura dos espazos de poder importantes, coma as grandes cidades.
ACCIÓN
COIDAR DO LUME
Co Dúo Amazonas cremos na relevancia de retratar mulleres desde novas miradas e perspectivas. Nesta ocasión gustaríanos retratar unha muller cunha vela con lume nas súas mans.
Desenvolvemos a nosa proposta desde a autoría da fotografía que usamos como referencia, e cremos que tamén é importante, no posible, coñecer de primeira man a muller que imos retratar, neste caso non só unha amiga, senón unha muller latinoamericana artista.
Deste xeito cremos que o impacto emocional do mural se expande desde diferentes sentidos, desde implicarse emocionalmente coa pintura, ao mesmo tempo que cunha mensaxe comunitaria.
O retrato é dunha muller que coida o lume, lume que sae dunha vela en forma de man empuñada que ela sostén coas súas dúas mans. Un recoñecemento ás loitas anteriores a través desta vela, que, á vez, ilumina as súas propias mans para continuar a construír e alumar o camiño que segue. É o retrato dunha muller segura e consciente que non busca compracer a mirada, que só busca beleza nas mulleres.
ANDREA VALLE
Os Ancares, Lugo, 1999
Sempre digo que comecei a escribir por covarde e continuei por valente. Cando era nena costábame moito expresarme verbalmente, polo que sempre lles escribía cartas e notiñas ás persoas que me importaban. Grazas ao apoio incondicional da miña curmá e dunha amiga, comecei a ensinar o que escribía, e ao aterrar en Santiago de Compostela os micros abertos convertéronse no meu fogar. Despois diso viñeron os Slam Poetry, nos que acadei en dúas ocasións o segundo posto. Tiven a honra de participar, recentemente, en dúas antoloxías poéticas, unha da man da editorial Urutau, titulada Poesía galega novísima, e outra, Mujer, brujas, luna llena, publicada pola editorial leonesa Mariposa Ediciones.
ACCIÓN
Costuras
Costuras trata sobre os males da xente, as dores do corazón e todo aquilo que nos afecta. Temos o feo costume de deixar de lado as pequenas cousas ou, simplemente, aquilo que ten que ver cos nosos sentimentos. Hai males que non teñen cura e só podes remendalos, coselos e esquecelos. A finalidade desta acción poética é poñer aos pés da xente o corazón e mostralo en todas as súas versións, sobre todo na máis escura e esnaquizada. Merecemos saber que, aínda estando rotos, podemos florecer e coser cada unha desas partes. E quizais así sexamos un pouco máis humanas.
MYRIAM GONZÁLEZ
Ferrol, 2001
Myriam é unha bailarina e coreógrafa emerxente que codirixe xunto a Eloi García a compañía de danza Tuatha, creada no 2019. Desde 2014 formouse en distintos estilos de danzas urbanas e de club, coma hip hop, popping, house e waacking. Desde o comezo da súa formación viaxa para participar en competicións coreográficas e de improvisación, e asiste a eventos coma February Hip Hop (León), Werk the Floor (Londres) ou Eleganza Waacking Festival (Milán).
Actualmente desenvolve o seu movemento no waacking e na danza contemporánea, tamén fusionándoas e creando así novos camiños.
Ademais, forma parte doutras compañías e producións coma Laboratorio Escénico Coop.; Colectivo Acto Tercero; ou Colectivo D'elas, coa recente estrea no programa Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio do espectáculo Occo.Bernarda, cara de leoparda, produción do Colectivo Acto Tercero, que codirixe e cocoreografía; e tamén participou no Certame Coreográfico de Compostela 2021, no que recibiu unha mención especial.
Recentemente formou parte da selección oficial da mostra de videodanza do Festival Quinzena de Dança de Almada (Portugal) polo traballo Ilomilo, da súa compañía Tuatha.
ACCIÓN
Hoje venho falar de mim
Trátase do seu primeiro solo de danza, no que se centra na identidade e na reivindicación do valor individual.
SINOPSE
"Hoxe veño falar de todas as 'eu' que habitan en min
Reencontrarme coa orixe de meu ser e recoñecer aquelas acepcións que me marquei, que me deron, que crin
Hoxe falo desde a inocencia que perdemos cando non queremos máis 'eu' nas que crer
Hoxe falo de min"
SUEVIA
Suevia é un grupo de rock formado en 2019 por mulleres con experiencia en formacións anteriores que deciden unirse e levar adiante un proxecto musical influenciado polo rock dos anos 70 e 90. O seu primeiro disco, Luces y sombras, estreado en 2021, recolle cancións de temática principalmente social e letras comprometidas. A banda leva ao escenario un rock potente e enérxico, co que deixan claro que as mulleres son e serán o que desexen ser por enriba de convencionalismos sociais.
COMPOÑENTES
Susi Quiu: voz
Cantante e compositora de Vigo, comeza a súa carreira musical en 2009 como vocalista en varias bandas de rock como Diecinueve 70 e Motherseed. Entre os recoñecementos que recibiu destaca o premio especial do xurado á mellor interpretación vocal no Certame Galego de Música Nova celebrado en Santiago de Compostela en 2014. Despois de percorrer moitos festivais e salas de concertos, en 2019 funda Suevia xunto con Anastasia.
Patricia: guitarra
Empezou tocando a guitarra aos 13 anos e logo foi baixista de Blue Jeans. Formou un grupo de mozas chamado Lady Goodman e posteriormente foi guitarrista en Kill Leadere. Máis tarde, en 2016, incorporouse a Martillo, onde tocaba a batería, e finalmente pasou a formar parte de Suevia como guitarrista rítmica
Fati Cadavera: baixo
Natural de Vigo, incorporouse ao panorama musical máis recentemente, en 2018, con outra banda tamén feminina. Colaborou con grupos como Terader ou Mil Gatos.
Olga Starr: batería
Olga Starr, natural de Vigo, empeza desde moi pequena a ter curiosidade pola música. Tras probar coa guitarra e co piano, aos 17 anos decide que a percusión é o seu. Participou como baixista e vocalista nun grupo local e actualmente estréase como batería en Suevia.
ACCIÓN
Vive e deixa vivir
Quen xustifica a violencia sobre as persoas máis vulnerables, nenas e nenos, mulleres, menores inmigrantes non acompañados, minorías raciais etc., utiliza contra elas unha violencia sistémica, mais tamén dialéctica, permitida en moitos medios de comunicación, onde lles chaman feminazis, delicuentes, violadores... co que conseguen criminalizar as vítimas. Isto resulta moi perigoso para unha sociedade que está por detrás doutros países en materia de educación, debido aos recortes ou sinxelamente porque temos unha democracia moi nova e aínda con demasiados vestixios da ditadura.
Falamos de violencia machista, a que se exerce sobre as mulleres só polo feito de selo. Este tipo de violencia, permitida e aceptada, arenga a misóxinos, intolerantes, machistas e maltratadores.
Esta clase de pensamentos entorpece o papel das mulleres e o seu avance cara á a igualdade.
Por iso, hoxe dicímoslle NON á violencia machista, reivindicando o noso camiño cara adiante, cara a un mundo onde os valores humanos e democráticos non teñan sombras.
TEORÍA DE LA NADA
Taina e Alba fundan Teoría de la Nada en Madrid en 2015. Desde ese ano ata 2018 fan concertos por Madrid nos que colaboran con diferentes mulleres artistas coa idea de xerar unha comunidade de apoio nun mundo artístico ateigado de homes. En 2019 o grupo cesa a súa actividade e as súas compoñentes toman rumbos diferentes na súa vida. Tras un reencontro emocionante en 2021, Teoría de la Nada volve aos escenarios con moita ilusión e cunha nova conexión. Logo de estar dous anos a miles de quilómetros de distancia, cun océano de por medio, as integrantes de Teoría de la Nada volven unir as súas voces para explorar novas experiencias e contar novas historias.
As súas cancións falan de vivencias persoais, de historias de amor e amizade, de revolución. De todas esas persoas que se van atopando polo camiño. Da súa propia historia de amor e da do resto desa familia escollida que se forma no intento de loitar contra a individualidade. Teoría de la Nada cantan para todas aquelas persoas que abren os oídos e o corazón para escoitar e deixarse tentar polo soño dun mundo novo.
ACCIÓN
Viaxe á nada
A través dunha serie de historias cantadas, Teoría de la Nada fala sobre o desenvolvemento do ser e a súa evolución. Como tendemos a unha colectividade na que non sabemos encaixar a nosa propia esencia, e como esa colectividade a súa vez se lles nega ás persoas polo seu xeito de existir.
O proxecto trata de explorar as barreiras entre o "eu" e o "nós". Nun mundo onde as aparencias non só enganan, senón que son norma, facer oco e facerse oco é todo un reto que se loita en equipo.
Unha introspección de historias reais contada a través da música coa que se pretende provocar unha sensación de colectividade. O desenvolvemento da personalidade colectiva a partir de momentos de vida.
CORA VELASCO
Cora Velasco. Pontevedra, 1991
Estuda interpretación no Estudio para el Actor de Juan Carlos Corazza, en Madrid, onde dá os seus primeiros pasos como actriz profesional ao participar na obra de teatro Por amor al arte e na curtametraxe Madrid, Drawings and Foreign Girls, estreada no Festival de Cannes de 2014.
É tamén nesa cidade onde decide compaxinar a interpretación coa música, polo que se forma en canto e comeza a compoñer a súas primeiras cancións. Tras catro anos baixo o pseudónimo Cora Sayers, adopta o seu nome propio para presentarlle ao mundo Sortilegios, disco co que xira polos principais e máis importantes escenarios e festivais da Galicia.
Actualmente está a producir as cancións do seu próximo álbum mentres traballa como actriz na compañía de teatro Baobab.
ACCIÓN
Proposta 1. Versión actual
A idea consiste en organizar un programa de cinema imitando os que xa coñecemos da televisión (por exemplo, Versión española), no que as persoas participantes revisiten, critiquen e redeseñen escenas clásicas do cine. Crecemos con filmes que alentaron e perpetuaron roles de xénero nocivos que, por velos reflectidos nunha gran pantalla, tomámolos como acertados ou axeitados: labazadas a mulleres "alporizadas", tocamentos innecesarios, xestos inapropiados, palabras que doen... por non falar da xa tan coñecida escena de O último tango en París. No contexto actual non hai escusas que vallan, así que seleccionamos unhas cantas escenas que reconfeccionaremos á medida dos tempos actuais. Analizarémolas e visualizarémolas no obradoiro para despois ensaialas de cara á mostra. A acción presentámola como un programa no que a presentadora irá amosando as escenas. As persoas participantes no obradoiro irromperán reivindicando que, malia que xa pasaran moitos anos das mencionadas películas, as cousas aínda se poden facer dun xeito diferente.
Proposta 2. Filtriño, filtriño
Vivimos nun mundo en parte dominado ou dirixido polas redes sociais, útiles nalgúns contextos, pero daniñas noutros. As mulleres levamos o gran peso da imaxe, de contentar coa nosa aparencia, de ferirnos e, ás veces, torturarnos por contentar uns canons establecidos sen o noso consentimento nin opinión e hai xa uns cantos anos. Facemos balance das feridas e buscamos a maneira de recompoñernos con honestidade e moito amor propio.
No obradoiro gravamos as persoas participantes coa imaxe que nos ensinan que temos que vender: ben peiteadas, maquilladas... (aquí empregaremos o imaxinario colectivo e individual) e indagamos sobre a tristura que agocha esa gravación. Son realmente felices? É así como queren vivir? Arránxanse para gustarse elas mesmas ou para gustarlle ao resto? Estamos sendo honestas connosco? Na acción, axudándonos dun recadro de cartón pluma que simula unha publicación de Instagram, colocamos cada muller arranxada coma no vídeo no interior da publicación e asistimos á súa reconversión; por exemplo quitando os tacóns e a maquillaxe ou cambiando un vestido axustado.
ISABEL RISCO
Isabel Risco. A Coruña, 1975
Actriz, clown e pedagoga teatral. Comeza a súa andaina en grupos de teatro universitario da Coruña, na escola Casahamlet e asistindo a cursos monográficos con mestres coma John Strasberg, Eric de Bont, Jango Edwars, John Wright, Leo Bassi, Serge Nail, Kirko Koski, Alfredo Rodríguez, Tom Greder, Claudia Contín, Ángel Burgos, Sophie Gazel, Carlo Colombaioni, Pablo Muñoz, Jöhns Pappila, Manuel Lourenzo ou Carlo Bosso, entre outros.
Desde 2000 participa en espectáculos profesionais das compañías Pérez&Fernández, Redrum Teatro, Ibuprofeno Teatro, Espello Cóncavo, Culturactiva, Os Sete Magníficos Máis Un, Manicómicos e Producións Desaqueloutradas , coas que participou nalgúns dos festivais de teatro e clown máis importantes da península, e na compañía Maquinaria Pesada, con espectáculos de produción propia como As vingadoras ou Nabiza Girl & unha viaxe espaZial, Nabiza Girl ou Bravas. Dende 2001 forma parte da compañía Trinketrinke Teatro, especializada en teatro infantil e dinamización á lectura.
Desde 2001 é monitora de teatro en colexios e en 2005 gradúase en Pedagoxía Teatral na Universidade da Coruña.
No ámbito do audiovisual, traballa como actriz secundaria e protagonista en series coma Padre Casares , A vida por diante, O Nordés, Air Galicia,Era visto!, A Casa da Conexa, Os caseiros, Casa Manola ou Augasquentes e noutros programas da TVG coma O show dos Tonechos, En pé de festa,Zapping Comando, Máxima audiencia, Luar,A solaina, BumBumBumeran, Heicho cantar,Land Rober, Tourilandia, Land Rober Tunai Show etc., ademais de realizar curtas, publicidade e algunha longamentraxe, coma Os mortos van á présa , Onde está a felicidade?, 9 Ondas ou Pelerinaxes. Na XII edición dos Premios Mestre Mateo recibe o galardón á mellor interpretación feminina de reparto pola personaxe de dona Hortensia en Era visto!, producida por Zopilotes para a TVG. Na 26.ª edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño, en setembro de 2015, recibe o premio á mellor actriz polo seu papel en O furancho de Ibuprofeno Teatro.
ACCIÓN
Ferreiras dun país mellor
A nosa historia aínda fica agochada, mais a historia fórona escribindo os homes baixo o ditado doutros, por iso a das mulleres non só está agochada, está invisibilizada; mulleres anónimas, moitas delas, outras non tanto, mais que aínda precisan dun pulo para se converteren por fin en referentes. A través desta acción teatral o que se pretende é iso, ir descubrindo a bravura, a valentía, a coraxe de moitas mulleres que mudaron o curso das cousas para construír un país mellor e, polo tanto, colaborar na construción dun mundo mellor. Cómpre sacalas á luz para que ocupen o lugar que merecen. Tamén converternos nelas e descubrir a de cousas que temos en común, e iso pódese desenvolver a través dun obradoiro teatral; poñernos na súa pel para comprobar que compartimos ese ADN cheo de enerxía positiva.
ALBA CID
Alba Cid. Ourense, 1989
É unha poeta e investigadora galega. Atlas (Galaxia, 2019), o seu primeiro poemario, foi galardoado co Premio Nacional de Literatura na modalidade de poesía nova Miguel Hernández que concede o Ministerio de Cultura.
Entre o ensaio e a poesía, a súa escrita atende a etimoloxías, á historia natural e a prácticas culturais diversas. Os seus poemas traducíronse ao alemán, ao castelán, ao grego, ao inglés e ao portugués, e incluíronse en revistas e webs coma Poem-a-Day (serie dixital da Academia de Poetas Americanos), Asymptote, Enfermaria 6, Kenyon Review Online, Oculta Lit, The Offing ou Words Without Borders. Participou en volumes coma Poética da casa (2006) e na antoloxía de Apiario No seu despregar (2016) e mantivo un "Gabinete de curiosidades" na revista Tempos Novos. Tamén forma parte de proxectos interartísticos e ligados ao patrimonio inmaterial coma Os danzantes dos Reis (aCentral Folque, 2018), cun texto que acompaña as fotografías de Eutropio Rodríguez, ao igual que acontece en Ben Vennas Maio , un disco de Pablo Sanmamed (aCentral Folque, 2020).
É colaboradora da Radio Galega e de diferentes revistas, nas que publica creación e recensións; forma parte do consello de redacción de Dorna; fotografa e ilustra ocasionalmente. Entre 2018 e 2020 foi responsable do Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Universidade de Oxford. Durante o último trimestre de 2021, convidada polo Instituto Cervantes de Múnic, gozou dunha estadía na residencia internacional de artistas Villa Waldberta (Feldafing, Alemaña).
https://www.instagram.com/ollobasilisco/
ACCIÓN
Prenda das miñas entrañas
Cales son os efectos da exposición prolongada dunha mente a outra, dun corpo a outro? "Porque a nosa pel é a paisaxe completa, un océano" -como dixo a poeta Jorie Graham-; partiremos da observación do traballo dalgunhas artistas contemporáneas que colocan a pel no centro do seu proceso creativo. A pel como membrana e órgano exposto ao mundo, como medio para a metamorfose. Tamén a pel da auga, a pel dos textos, a pel dos espazos que habitamos. Será da man de Heidi Bucher, que cubriu con lenzos e látex liquido os muros dos edificios da súa vida, e non só, para despois arrincar esa pel e expoñela escultoricamente; e da man de textos propios e alleos tempo a través, procuraremos atrapar as capas de memoria inseridas nas paredes, nos poemas ou nas coplas. Con tacto, chegar á memoria das mulleres, á memoria das marcas.
NURIA DÍAZ
Vilagarcía de Arousa, 1982
Licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo en 2006 e logo estudiou un mestrado en Arte e Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela.
De pequena encantáballe inventar historias e debuxalas. Unha paixón que nunca abandonou e que hoxe converteu na súa profesión.
Logo de rematar os seus estudos, traballou no eido do deseño gráfico en distintas empresas, dedicándose sobre todo a tarefas de maquetación e deseño. Ao rematar o seu último traballo por conta allea volveu reencontrarse co debuxo, algo que non abandonara pero que nunca pensara que podería converterse na súa profesión.
En 2010 gañou o premio de ilustración Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense cos seus debuxos para o conto Palabra era un universo paralelo, de Xoán Babarro, e a partir de aí comezou a centrarse nese eido.
Desde entón traballou para multitude de ámbitos no mercado da ilustración, desde a infantil ata a de produto, dedicándose principalmente ao editorial e publicitario.
En 2018 publicou o seu primeiro libro, do que é autora tanto do texto coma da biografía ilustrada do director de cine Wes Anderson El gran Hotel Wes Anderson, da man do selo Lunwerg da editorial Planeta.
De forma paralela ao traballo de ilustración por encargas tamén creou a súa propia marca de produtos ilustrados que vende na súa propia tenda en liña.
Os seus traballos caracterízanse por ser composicións sinxelas, cunha gama cromática limitada, poéticas e con certo aire naíf. Síntese cómoda entre as técnicas tradicionais e as dixitais, e o seu traballo é unha mestura de ambas.
EVA FANDIÑO
Moaña, 1995
Actualmente vive e traballa en Pontevedra como ilustradora e deseñadora gráfica. Graduouse en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e conta co Mestrado en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Universidade de Vigo.
"Dentro do meu imaxinario propio intento visibilizar, imaxinar e experimentar ao redor de conceptos coma o feminismo, a liberdade ou o fogar. O meu traballo caracterízase por ser dun estilo minimalista e cargado de poesía. Con poucos trazos, pretendo proxectar un oasis onde poder reflexionar e conectar a través da ilustración".
ANDREA LÓPEZ
A Coruña, 1976
Ilustradora precaria, nacín na Coruña, cidade na que pasei moitas tardes de choiva practicando cos lapis na mesa da sala. Con dez anos mudei o mar do Orzán polas rúas de Santiago de Compostela, a onde cheguei chorando. A pena durou pouco e hoxe en día reparto de xeito ecuánime o meu amor entre a cidade natal, a capital e a comarca fisterrá, orixe da familia paterna.
Cursei Belas Artes en Pontevedra e Barcelona e, máis tarde, adquirín certa experiencia en distintos oficios relacionados co deseño, como empregada multitarefa nunha empresa de rotulación ou maquetadora nunha revista. Pasado o tempo, din o salto para dedicarme -case- de pleno á ilustración.
Ao longo dos anos fun tenteando terreos coma o da ilustración infantil e da banda deseñada, e elaborei portadas para libros e discos ou carteis, entre outros artefactos. Pouco a pouco as miñas destrezas e inquedanzas leváronme ao deseño editorial, o campo onde me sinto máis cómoda actualmente.
No meu traballo procuro reflexionar sobre o lugar que ocupan as mulleres no mundo e sobre calquera tema que teña que ver coa igualdade entre persoas e pobos, co amor á terra e, en xeral, sobre como transmitir unha mensaxe que axude a construír unha sociedade máis aberta e máis xusta.
Vivo desde hai anos no sur da península, buscando o camiño que me leve de volta á casa: rumbo noroeste.
Novas relacionadas
"Violencia Zero” chega a Cambados para alzar a voz das mulleres silenciadas ao longo da historia
29/10/2022
O rock do grupo Suevia carga na Cañiza contra a violencia machista no marco do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”
18/08/2022
A bailarina Esther Latorre danza en Tui para render homenaxe a todas as mulleres que loitan, protexen e coidan á sociedade
27/07/2022