PROGRAMA PON2030

#PON2030

PROGRAMA PON2030

Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030

A Deputación de Pontevedra lanza o Programa PON2030 coa finalidade de garantir a prestación dos servizos públicos municipais e seguir avanzando no cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030.


A institución provincial aposta de novo polo investimento público como ferramenta para estimular a actividade económica. O Programa PON2030 ten por obxectivo impulsar a Axenda 2030 en alianza cos concellos e susténtase sobre os piares dunha nova convocatoria extraordinaria, dotada con 22 millóns de euros, para grandes obras de infraestruturas e dotacións municipais.

O Programa PON2030 está deseñado para avanzar na consecución dos obxectivos 2030 e nas liñas mestras definidas para os fondos Next Generation e, así mesmo, dar un paso máis na loita contra o reto demográfico, ao impulsar grandes actuacións en toda a provincia para equilibrar así as dotacións e os servizos entre o ámbito rural e o urbano.

As subvencións outorgaranse polo procedemento de concorrencia competitiva entre todos os concellos da provincia de ata 50.000 habitantes.

Ademais de posibilitar a rehabilitación ou a construción de novos equipamentos municipais ou actuacións sobre o espazo público, faculta tamén os concellos para financiar iniciativas relacionadas co cumprimento da Lei estatal 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para acadar unha economía circular.

Os investimentos centraranse en catro liñas:

  1. Rehabilitación de edificios e instalacións municipais para uso social, cultural, deportivo, turístico e de lecer, de infancia e mocidade, de atención a vítimas de violencia de xénero, de elementos de interese patrimonial e dos destinados a uso institucional e administrativo.
  2. Construción de novos equipamentos e dotacións, con edificios ou instalacións sostibles e intelixentes, ademais de novas actuacións ambientalmente sostibles para asegurar os servizos que impulsen a cohesión territorial.
  3. Recuperación, mellora, urbanización ou reurbanización de espazos públicos, co obxectivo proporcionarlles un uso plural e amable, e de fomentar a estancia e as mobilidades alternativas, na liña de cumprimento dos Principios Ágora.
  4. Adquisición, posta en funcionamento do material necesario para darlles cumprimento ás obrigas e aos obxectivos determinados pola Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para acadar unha economía circular.