Castelo de Soutomaior

Castelo de Soutomaior

En pleno corazón das Rías Baixas atopamos un dos maiores tesouros monumentais da provincia

Castelo de Soutomaior

A falta de documentación sobre a existencia do castelo e dos seus elementos arquitectónicos impide sabermos a súa datación cronolóxica. A fortaleza foise construíndo ó longo do tempo e perfeccionando a medida que xurdían novas necesidades.

A primeira etapa do castelo arranca da Idade Media, probablemente nos últimos cen anos desta época. Que pertencese á casa de Sotomayor fixo que desempeñase un papel importante en acontecementos transcendentais na historia de Galicia. Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido como Pedro Madruga, foi o personaxe máis salientable desta familia, e con el acadou a maior cota de poder e, en consecuencia, a renovación do castelo.

Do protagonismo exercido durante as contendas bélicas o castelo pasa á súa segunda etapa, na que cobra un carácter máis residencial e de administración do señorío. Durante a Idade Moderna seguirá sendo propiedade da familia orixinal pero pouco a pouco vai entrar en declive debido ás súas disputas internas. A finais do século XVIII Benito Fernando Correa, tras longos preitos, queda definitivamente co castelo, no que efectúa algúns cambios, coma a substitución do escudo de armas da porta principal polo seu propio.

Na terceira etapa o castelo de Soutomaior convértese en estancia de verán dos marqueses de la Vega de Armijo, que, tras as obras de restauración, transforman a fría fortaleza nunha acolledora casa residencial. Desta época son a capela e as árbores do parque que aínda hoxe se conservan. Os herdeiros dos marqueses manteñen o interese pola fortaleza e chegan a construír un sanatorio nas inmediacións, pero a principios do século XX perden o castelo por motivos políticos. Este sae a poxa en 1917, o que leva consigo a súa decadencia e abandono. Despois de varias vendas e o deterioro das súas instalacións, en 1982 adquíreo a Deputación de Pontevedra. Hoxe é afortunadamente un patrimonio público.

Os xardíns

Castillo de Soutomaior

O terreo do Castelo de Soutomaior comprende 25 hectáreas, que, ó longo da súa historia, se foron destinando a distintos usos. A orixe do parque e dos xardíns arranca de finais do século XIX, cando os seus propietarios, os marqueses de la Vega y Armijo, deciden transformar o castelo nunha casa de veraneo.

En 1982 a Deputación de Pontevedra adquire a propiedade e en cinco anos leva a cabo a rehabilitación das edificacións e do parque. Desde o momento no que se empeza a rehabilitación convértese nun xardín aberto ó público.

A institución provincial, desde hai tempo implicada no desenvolvemento e cultivo da camelia, quixo crear a súa propia colección, que se pode apreciar nos arredores do castelo, coas máis representativas e coñecidas especies e variedades que se foi formando en tres etapas. Na primeira fase cómprase o castelo, época na que o xardín tiña 19 exemplares de camelia xapónica, dos máis antigos de Galicia; a segunda empeza en 1986, data na que se incorporan novos exemplares, adquiridos en viveiros galegos e estranxeiros, Francia, Inglaterra, California e Nova Zelandia, ou procedentes de diversas doazóns por parte de particulares; na terceira engádense cultivos cun especial interese pola súa singularidade pero cun reducido aumento anual do número de camelias.

Os labores emprendidos durante estes tres períodos deron como resultado a colección da Deputación con 500 camelias, das cales 230 están no predio do castelo.

Préstaselles unha atención continuada ás plantas, concretamente unha vez por semana en épocas de especial interese e cada quince días o resto do ano, para que manteñan un perfecto estado fisiolóxico e sanitario.

En abril do 2012 os xardíns do Castelo de Soutomaior convértense no primeiro xardín de España e sétimo de Europa en ser recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional pola Sociedade Internacional da Camelia.

Predio forestal

O predio forestal, cun solo pouco profundo e menos fértil có do resto do castelo, é a zona de maior extensión e a máis montuosa. Na parte máis alta atópase a pequena capela de San Caetano, que ten unha superficie arredor con arbustos ornamentais. Entre a capela e o parque hai unha extensión cunha pendente pronunciada, cun terreo pedregoso, arbustos e diversas árbores. Nesta zona forestal destaca tamén o souto de castiñeiros na parte superior con árbores duns 20 anos.

O bosque de carballos, piñeiros e eucaliptos está noutro lado do regueiro das Afreitas, cun terreo pendente e pobre. Co proceso que se está a levar a cabo para eliminar a vexetación que non é autóctona preténdese que os carballos recuperen o seu espazo.

As ripisilvas son os restos do bosque ripario situado entre as marxes do regato Porta Cadeira e do regueiro das Afreitas, con bidueiros, salgueiros e loureiros, entre outras especies.

Horario e taxas

 Horario

  • Inverno (de outubro a abril):
    • De 10:00 a 19:00 h, de martes a domingo
  • Verán (de maio a setembro):
    • De 10:00 a 21:00 h, de luns a domingo

Taxas

  • Visitas:
    • Por persoa: 2,00 €
    • Persoas con discapacidade, desempregados e estudantes: 1,00 €
    • Grupos de máis de 10 persoas: 1,00 € / persoa
  • Cesión de locais, instalacións e outro material:
    • Cesión temporal das salas de conferencias, reunións e demais dependencias para actos, asembleas ou cursos non patrocinados pola Deputación, calquera que sexa o número de asistentes: 775,00 € / día
    • O mesmo do apartado anterior, pero coa achega de material (proxector, diapositivas, etc.): 880,00 € / día

Solicitudes

Localización

O castelo de Soutomaior localízase no centro xeográfico do concello do mesmo nome. Seguindo a estrada nacional de Pontevedra-Vigo, en Arcade un desvío conduce á fortaleza.

O val no que se atopa é fértil para produtos como millo, centeo, patacas, viños e froitas, o que nos leva a pensar que a situación do castelo tiña como obxectivo controlar a produción agrícola e gandeira máis que defenderse no caso de guerra. Rodeado de bosques, a súa posición estratéxica permitía vixiar as comunicacións de norte a sur da provincia.

Desde o alto domina polo norte o río Verdugo; polo sur un pequeno sistema montañoso; polo leste e noroeste os afluentes do Verdugo: Oitavén e Pequeno, e no oeste, ó fondo, ábrese a ría de Vigo coa enseada de San Simón, onde desemboca o río Verdugo.

Fotos Castelo Soutomaior