Centenario da Xeración Nós

 

Centenario da Xeración Nós

Xoves 29 de outubro de 2020, ás 19:30h
Pazo provincial de Pontevedra

Vicente Risco (1884-1963), Ramón Otero Pedrayo (1888-1976), Antón Losada Diéguez (1884-1929), Florentino López Cuevillas (1896-1958), Ramón Cabanillas (1876-195) e Castelao (1886-1950) son algún dos nomes máis relevantes da historia da cultura galega. Vencellados ao traballo dun grupo clave, o grupo Nós, esta xeración de dinamizadores e creadores galegos, alén de protagonistas da vida política do momento, desempeñaron un papel fundamental na vida cultural, social e política galega entre 1920 e 1936.

Sendo ourensáns na súa meirande parte, veremos que a cidade de Pontevedra tivo un importante papel na súa historia particular. En xuño de 1920 unha xuntanza deste grupo de intelectuais realizada no Café Méndez Vigo foi o xerme dun fito histórico e cultural en Galicia: o nacemento da revista Nós, o 30 de outubro dese mesmo ano. E, alén de ser impresa nun primeiro momento en Ourense, a revista volve a Pontevedra en 1923, onde pasa a imprimirse ata que no número 18, coa ditadura de Primo de Rivera, suspéndese a publicación. En 1925 volvería á imprenta na Coruña e en Santiago de Compostela ata o derradeiro número, que viu a luz pouco antes da sublevación militar de 1936, motivo do soterramento destas ideas revolucionarias.

Creada e editada por eles desde 1920 ata 1935, con Risco como director literario e Castelao como director artístico, a revista insírese dentro do proxecto de modernización e europeización da cultura galega que esta xeración proclamaba, combinando así dunha maneira novidosa tradición e innovación. Vinculada estreitamente ao pensamento nacionalista, a revista Nós pretendía defender e normalizar o uso do galego, utilizándoo integramente, incluso nos anuncios publicitarios e nas ilustracións que presentaba. Con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político, o seu carácter multidisciplinar tivo unha profunda pegada na cultura galega, non só pola renovación e a vangarda que supuxo, senón por reforzar a nosa identidade como comunidade.

RECREACIÓN TEATRALIZADA: compañía Os Quinquilláns

A través dunha viaxe no tempo da Xeración Nós a 2020, da man da compañía Os Quinquilláns, con esta visita teatralizada interactuarase co público presente na Deputación de Pontevedra para facelo partícipe, cen anos despois, da pequena gran revolución que supuxo para o noso legado cultural. Ademais, a aparición dunha interesante figura feminina que colaborou na revista, Margot Sponer (lingüista alemá que, con Documentos antiguos de Galicia, se converteu nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo), porá en valor o papel da muller na época, alén de visibilizar a proxección internacional desta publicación senlleira. Así, a Deputación de Pontevedra volve abrir a porta do tempo para traer ao presente aos protagonistas da creación da revista Nós en 1920.

Unha visita teatralizada de membros da Xeración Nós que viaxan a 2020 para interactuar co público e coas persoas representantes da cultura galega actual, no Pazo provincial.

Elenco: Antón Losada (Víctor Mosqueira), Risco (Josito Porto), Cabanillas (Lucho Penabade), Castelao (Dane García) e Margot (Tero Rodríguez).

COLOQUIO: "1920-Nós, 2020 Nós-Outr@s"

Ademais, queremos recuperar o espírito crítico desta xeración, ese que os levou a reformular a actividade cultural nun momento histórico complexo e incerto, que podemos reflectir e actualizar hoxe, en 2020. Unha xuntanza de profesionais dos diversos ámbitos da creación e do pensamento da cultura galega reflexionará sobre a situación transcendental que estamos a vivir e o ineludible cambio de paradigma que supón facer cultura desde a proximidade, nun momento no que a distancia social é de obrigado cumprimento. Nunha viaxe no tempo ata hoxe "1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s" será un escenario para o debate e a reflexión conxunta, un espazo inclusivo para a interacción entre profesionais das distintas parcelas do coñecemento cultural, onde, esta vez si, as mulleres xa non somos invisibles e participamos como suxeitos activos que somos na construción da cultura galega.

Unha mesa redonda con profesionais dos diversos ámbitos da cultura galega: literatura, artes plásticas e audiovisuais, filosofía, deseño, xornalismo, historia, política etc.

POÑENTES NO COLOQUIO:

  POLÍTICA: CARMELA SILVA (1960, Vigo)

  LETRAS: MARÍA REIMÓNDEZ (1975, Lugo)

  ARTE / VIÑETA GRÁFICA / CREACIÓN: KIKO DA SILVA (1979, Vigo)

  HISTORIA: AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN (1960, Ourense)

  XORNALISMO: SUSANA PEDREIRA (1983, Vitoria)

  ARTES ESCÉNICAS / AUDIOVISUAL: CHELO LOUREIRO (1958, Ferrol)

  XESTIÓN CULTURAL / UNIVERSIDADE: MIGUEL FERNÁNDEZ CID (1956, Pontevedra)

CREACIÓN ARTÍSTICA EN VIVO: colaboración co alumnado de Belas Artes

E como o vínculo coa universidade se torna fundamental nesta celebración cultural, dúas artistas alumnas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra estarán creando en vivo e en directo para contribuír desde a arte contemporánea a esta homenaxe á Xeración Nós.

Celebramos así o centenario dunha xeración inesquecible cuxo espírito, hoxe máis que nunca, queremos perpetuar como símbolo da nosa identidade galega: facendo cultura, construíndo futuro.

Dúas artistas plásticas, alumnas do grao de Belas Artes, realizarán unha obra en vivo durante o coloquio: Lara Cores e Nuria Ferreiro.

Última modificación: xoves, 29 outubro 2020