Centro de día

Escola-fogar

O centro infantoxuvenil Escola Fogar, dependente da Deputación de Pontevedra, é un organismo público que atende menores que se atopan en situación de risco ou desamparo ou que pertencen a familias con dificultades sociais e que ingresaron tanto a través da Consellería coma da institución provincial.

En 2007, en cumprimento dos requisitos esixidos para a acollida formulados no Decreto 329/2005, de 28 de xullo, o centro inicia as súas actividades acollendo menores de ambos os sexos de entre 8 e 18 anos, que se distribúen en cinco unidades de convivencia segundo as súas características e a súa idade. As e os menores están escolarizados, con carácter xeral, en centros comúns da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situados no concello de Pontevedra.

A Escola Fogar conta con dúas modalidades de permanencia: atención de día (centro de día) e residencial.

  • No programa de atención de día as e os menores permanecen coas súas familias e os coidados consisten en proporcionarlles un contexto de convivencia durante unha parte da xornada, que complemente e apoie o ofrecido pola propia familia
  • Mediante o programa residencial o centro proporciona un contexto de atención e protección que satisfaga as necesidades das e dos menores, preservando os lazos coa comunidade e potenciando a súa reintegración no medio familiar, cando sexa posible, ou en contextos alternativos a este cando non sexa posible a reunificación

O centro conta con servizos xerais ofrecidos pola institución, como son: atención médica, cociña-comedor, transporte desde e ata os centros de escolarización, asistencia social, asistencia psicolóxica, servizo de limpeza, lavandería, roupeiro etc. Ademais, cada unidade de convivencia dispón de infraestrutura e de patio exterior, sala de xogos, sala de televisión, comedor, cociña, dormitorios, aseos e almacén.

Por outra banda, a Escola Fogar desenvolve durante todo o ano actividades para as súas e os seus integrantes (piscina, fútbol, ximnasia rítmica etc.), aproveitando os recursos dispoñibles dentro das instalacións do Centro Príncipe Felipe, ademais doutras accións puntuais en datas significativas (Samaín, Nadal, Entroido ou fin de curso, entre outras).