Con A de Astrónomas
A área de Igualdade do Concello de Vigo e máis a da Deputación de Pontevedra promoveron a exposición "Con A de Astrónomas", unha mostra que propuxo una aventura pola ciencia da Astronomía así como pola vida de miles de mulleres que investigaron sobre este eido.
Galaxias, estrelas, planetas ou cometas son parte dos obxectos que poboan o Cosmos e tamén esta exposición, na que se lembra a mulleres coma Aglaonike, que xa na Grecia clásica predicía eclipses da lúa, ou Caroline Herschel, quen, no século XVIII, descubriu cometas e estudou as estrelas binarias pero tamén na actualidade contamos con moitas investigadoras que son punta de lanza na vangarda desta ciencia.
Nacida dunha iniciativa do grupo "Ella es una astrónoma" -formado por profesionais do campo da Astronomía, a Filosofía, a Historia e o ensino-, esta mostra estivo integrada por paneis físicos, elementos interactivos e material de atrezzo (réplicas de instrumentos antigos e estatuas), utilizado en Ágora, película dirixida por Amenábar na que se narra a vida de Hipatia de Alexandría.
Na propia preparación da mostra participaron nove astrónomas de distintos centros de investigación, entre elas Josefina F. Ling, da Universidade de Santiago de Compostela, e comisaria da exposición xunto á historiadora da ciencia Eulalia Pérez Sedeño.
O acto inaugural de "Con A de Astrónomas" tivo lugar o día 22 de marzo na Casa das Artes de Vigo, onde quedaron instalados, ata o 14 de maio, os elementos interactivos da mostra, mentres que unha versión máis reducida en galego estivo a disposición do público na entrada do Pazo provincial de Pontevedra entre os días 27 de marzo e 15 de abril.
A comisaria da exposición, Josefina F. Ling, realizou unha visita guiada á mostra. Esta actividade tivo lugar o mércores 10 de maio, ás 18:30 horas, na Casa das Artes. A entrada foi libre ata completar a capacidade da sala.
Descargas
Última modificación: mércores, 28 xuño 2017