Concurso Reacción polo Clima

Concurso Reacción polo Clima

Cada 24 de outubro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional Contra o Cambio Climático, unha celebración instaurada pola Organización das Nacións Unidas para paliar os devastadores efectos que se están producindo nos últimos anos en todo o planeta.

Na actualidade hai 1.800 millóns de persoas entre 10 e 24 anos de idade, que constitúen a xeración de mozas e mozos máis grande da historia. Preto do 90 % viven en rexións en desenvolvemento, onde son a poboación máis numerosa. Estas cifras irán en aumento ata o 2030, cando preto de 1.900 millóns de mozas e mozos cumprirán 15 anos. Conectada entre si coma nunca antes, a xuventude quere contribuír (e xa o fai) á resiliencia das súas comunidades, propoñendo solucións innovadoras, xerando progreso social e inspirando cambio político. Tamén son axentes de transformación, xa que contribúen ao avance dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) para mellorar as vidas da xente e a saúde do planeta.

Se se lles provee das habilidades e oportunidades necesarias para desenvolver o seu potencial a mocidade pode ser unha forza de apoio para o desenvolvemento e para contribuír á paz e a seguridade.

As organizacións dirixidas por mozas e mozos necesitan ser fomentadas e empoderadas a participar na posta en práctica de políticas públicas de maneira local, rexional e nacional da Axenda 2030. A xuventude xoga un papel significativo na implementación, vixilancia e revisión da Axenda, así como en responsabilizar os gobernos. Con compromiso político e recursos adecuados a mocidade ten o potencial de facer máis efectiva a transformación do mundo nun lugar mellor para todas as persoas.

O cambio climático é o maior desafío do noso tempo e agora atopámonos nun momento decisivo. Desde pautas meteorolóxicas cambiantes, que ameazan a produción de alimentos, ata o aumento do nivel do mar, que incrementa o risco de inundacións catastróficas, os efectos do cambio climático son de alcance mundial e dunha escala sen precedentes. Se non se toman medidas drásticas desde hoxe será máis difícil e custoso adaptarse a estes efectos no futuro.

Como sinalou António Guterres, secretario xeral da Organización das Nacións Unidas,

" (…) Pero hai outra profunda emerxencia: a crise ambiental que se está producindo no planeta. A biodiversidade está en pronunciado declive.

As perturbacións do clima están a achegarse a un punto de non retorno.

Debemos actuar con decisión para protexer o noso planeta tanto do coronavirus coma da ameaza existencial das perturbacións climáticas.

A crise actual é unha chamada de advertencia sen precedentes.

Necesitamos converter a recuperación nunha verdadeira oportunidade de facer o correcto para o futuro (…)".

Neste contexto a mocidade ten moito que dicir, polo que a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, convoca a primeira edición do concurso Reacción polo Clima.

O concurso Reacción polo Clima, que ten como finalidade promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais e, deste xeito, potenciar o talento da mocidade e amosar as súas reivindicacións neste eido.

 

Persoas destinatarias

Poderán optar a estes premios as persoas físicas e xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Persoas físicas
    • Ter unha idade comprendida entre os 16 e os 30 anos na data de presentación da solicitude
    • Estar empadroadas en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra
  • Persoas xurídicas
    • Ser  entidades sen ánimo de lucro que teñan a súa sede social na provincia de Pontevedra
    • Ser polo menos o 50 % dos membros da súa xunta directiva persoas físicas con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos

 Premios e formato

Os premios convocados están dotados cun importe de dous mil (2.000,00) euros:

  • Primeiro premio: 1.000,00 euros
  • Segundo premio: 600,00 euros
  • Terceiro premio: 400,00 euros

 Os traballos serán en formato audiovisual, e admitirase calquera tipoloxía empregada pola mocidade nas redes sociais ou medios de difusión de natureza similar (por exemplo, Instagram, TikTok, Youtube etc.).

 A duración máxima do vídeo será de cinco minutos.

Todos os proxectos deberán ser inéditos.

 

Última modificación: xoves, 19 novembro 2020