Deportes-Depo Andainas

Depo Andaina de Moaña-Cíes

Descrición da andaina

A andaina ten dúas zonas para aparcar, a primeira na explanada do campo de fútbol fronte á Xunqueira, a 100 m da saída, e a segunda ao lado do pavillón de deportes de Reibón, a 50 m da saída. Contaremos con servizos no mesmo pavillón.

Co punto de saída no parque da Xunqueira de Moaña, a carón das pistas de atletismo, dirixirémonos cara ao río da Fraga no seu tramo final e comezaremos a remontalo pola súa marxe. Neste tramo inicial atópanse os primeiros muíños.

Continuaremos río arriba, meténdonos de cheo no lugar da Fraga, cun frondoso bosque autóctono e varios muíños, onde faremos unha pausa e avituallamento líquido antes de iniciar o camiño de volta.

De regreso ao punto de saída, iremos cara ao porto de Cangas para o embarque e traslado ás illas Cíes. Unha vez no barco repartiremos a comida a tódolos participantes para, nada máis baixar nas illas, dar inicio á segunda parte da andaina: a Ruta do Faro, onde apreciaremos toda a súa extensión, así como os acantilados de máis de 100 m, as furnas e as praias de Cíes.

Actividade complementaria

Participaremos nunha pequena charla sobre as aves que habitan nas illas Cíes e a importancia deste espazo para a súa conservación e a súa reprodución. Este hábitat foi declarado como Zona de Especial Protección para as Aves, e as súas zonas húmidas están protexidas dentro da Rede Natura 2000.