Cabecera Depoemprende

DepoEmprende na Escola 2020-2021

"DepoEmprende na escola" é un proxecto educativo dirixido aos centros de Educación Primaria (5.º e 6.º curso) e aos de Educación Especial, no cal o alumnado crea e xestiona unha cooperativa escolar, elabora produtos e organiza a súa venda en actividades nas que colaboran os diferentes centros educativos participantes con fin de vender os que o alumnado elaborou e destinar unha parte dos beneficios obtidos a accións sociais.

De acordo co Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra establecen un convenio de colaboración que ten como fin o fomento de iniciativas e actividades emprendedoras nos centros educativos da provincia de Pontevedra.

Obxectivo

A finalidade do proxecto é promover a cultura emprendedora nas comunidades educativas, apoiar a adquisición das competencias profesionais do alumnado e ofrecerlle recursos ao profesorado para a promoción do sentido da iniciativa e o espírito emprendedor a través dunha proposta de aprendizaxe por proxectos.

Metodoloxía

"DepoEmprende na escola" propón unha metodoloxía dinámica e participativa na cal o alumnado é o protagonista da súa propia aprendizaxe. Nesta iniciativa desenvólvense actividades prácticas que favorecen a aprendizaxe activa, cooperativa e significativa e implican a todos os axentes, ao tempo que se establece un traballo cooperativo entre alumnado, familias, profesorado, entidades e asociacións do contorno e a Deputación de Pontevedra.

Temporalización

Previsiblemente, a temporalización estenderase ao longo do curso escolar 2020-2021, temporalización que, ao igual que a metodoloxía do programa, se adaptará tendo en conta as decisións que se tomen desde as administracións públicas competentes sobre a organización e planificación do curso escolar 2020-2021 e a evolución da actual crise sanitaria derivada da COVID-19 ou calquera outra circunstancia de forza maior sobrevida. Esta temporalización divídese en fases, que parten do autocoñecemento, a creación e a xestión da cooperativa ata a elaboración dos produtos e a súa venda.

Recursos

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, dota os centros educativos participantes de formación, recursos e ferramentas que posibilitan o desenvolvemento eficaz das accións relacionadas con cada un dos proxectos, para as cales se realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación que permite analizar os logros, a execución diaria do proxecto e o seu impacto, así como asesorar o profesorado e resolver incidencias e dúbidas. A ferramenta principal é o portal educativo de "DepoEmprende", que ten como fin potenciar a comunicación entre os centros participantes, favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua.

Para a formación do profesorado desenvólvense accións formativas certificadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que incorpora o proxecto no Plan de emprendemento no sistema educativo en Galicia, Eduemprende.

Última modificación: martes, 23 xuño 2020