Depoemprende na Eso

DepoEmprende na Eso

"DepoEmprende na ESO" é un proxecto educativo que se dirixe ao alumnado de 4.º de Educación Secundaria Obrigatoria, preferentemente aquel que curse Iniciativa Emprendedora e Empresarial, Economía, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional ou materias similares.

O proxecto desenvólvese a través da creación dun modelo empresarial, na cal o alumnado distribúe produtos e pon en práctica capacidades de negociación, toma de decisións, comunicación e resolución de conflitos. A venda destes produtos lévase a cabo no mercado da localidade do centro educativo e/ou no mercado conxunto que promove a Deputación de Pontevedra, nos cales as cooperativas participantes obteñen beneficios que reparten entre si e doan unha porcentaxe a accións sociais.

Obxectivo

O obxectivo principal do proxecto é promover no alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria as competencias profesionais relacionadas coa autonomía, a iniciativa e o espírito emprendedor, á vez que se favorece a adquisición das competencias clave. O proxecto presenta unha metodoloxía de aprendizaxe por proxectos que se temporiza ao longo dun curso escolar co fin de promover o desenvolvemento persoal e profesional, así como mellorar as habilidades e capacidades necesarias para favorecer a futura incorporación do alumnado ao mundo laboral.

Metodoloxía

A metodoloxía é dinámica e participativa na cal o alumnado é o protagonista da súa propia aprendizaxe. Desenvólvense actividades prácticas que favorecen a aprendizaxe activa, cooperativa e significativa nas cales se implican a todos os axentes.

Neste proxecto as novas tecnoloxías terán un papel fundamental como parte integrante do proceso de ensino e aprendizaxe co fin de que o alumnado as utilice de forma eficiente á hora de comunicarse con outras entidades e persoas para a distribución dos produtos. Desenvólvense diferentes accións dentro e fóra dos centros, a través das cales o alumnado relaciona o mundo educativo co empresarial e experimenta a consecución de logros a través do esforzo e do traballo en equipo.

Temporalización

A temporalización esténdese ao longo do curso escolar, os contidos distribúense en fases que permiten formar o alumnado para que poida crear a empresa, xestionala e obter resultados satisfactorios.

Recursos

De acordo co Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra establecen un convenio de colaboración que ten como fin o fomento de iniciativas e actividades emprendedoras nos centros educativos da provincia de Pontevedra. Para a posta en marcha dos contidos na aula, o profesorado pode beneficiarse das accións formativas que se ofertan neste proxecto en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Esta formación relaciona os contidos formativos co emprendemento e co desenvolvemento do proxecto, co fin de facilitarlle ao profesorado a súa práctica no contexto da aula.

Finalmente, a Deputación de Pontevedra dota os centros educativos dos recursos e ferramentas necesarias para o desenvolvemento das accións relacionadas co proxecto e realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación que permite analizar os logros, a execución do proxecto e o seu impacto, así como asesorar o profesorado e resolver incidencias e dúbidas. Este asesoramento lévase a cabo de forma presencial e en liña co fin de desenvolver un seguimento continuo dos procesos de ensino e aprendizaxe e satisfacer as necesidades que poidan xurdir durante o desenvolvemento do proxecto.

Última modificación: martes, 04 xuño 2019