Cabecera Depoemprende

DepoEmprende na ESO 2020-2021

"DepoEmprende na ESO" é un proxecto educativo que se dirixe ao alumnado de 4.º de Educación Secundaria Obrigatoria, preferentemente aquel que curse Iniciativa Emprendedora e Empresarial, Economía, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional ou materias similares.

De acordo co Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra establecen un convenio de colaboración que ten como fin o fomento de iniciativas e actividades emprendedoras nos centros educativos da provincia de Pontevedra.

O proxecto desenvólvese a través da creación dunha cooperativa, na cal o alumnado distribúe produtos e pon en práctica capacidades de negociación, toma de decisións, comunicación e resolución de conflitos. A venda destes produtos lévase a cabo en actividades nas que colaboran os diferentes centros educativos participantes co fin de vender os que o alumnado adquire e destinar unha parte dos beneficios obtidos a accións sociais.

Obxectivo

O obxectivo principal do proxecto é promover no alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria as competencias profesionais relacionadas coa autonomía, a iniciativa e o espírito emprendedor, á vez que se favorece a adquisición das competencias clave. O proxecto presenta unha metodoloxía de aprendizaxe por proxectos co fin de promover o desenvolvemento persoal e profesional, así como mellorar as habilidades e capacidades necesarias para favorecer a futura incorporación do alumnado ao mundo laboral.

Metodoloxía

A metodoloxía é dinámica e participativa, e nela o alumnado é o protagonista da súa propia aprendizaxe. Desenvólvense actividades prácticas que favorecen a aprendizaxe activa, cooperativa e significativa e nas cales se implica a todos os axentes.

Neste proxecto as novas tecnoloxías terán un papel fundamental como parte integrante do proceso de ensino e aprendizaxe co fin de que o alumnado as utilice de forma eficiente á hora de comunicarse con outras entidades e persoas para a distribución dos produtos. Desenvólvense diferentes accións dentro e fóra dos centros, a través das cales o alumnado relaciona o mundo educativo co empresarial e experimenta a consecución de logros a través do esforzo e do traballo en equipo.

Temporalización

Previsiblemente, a temporalización estenderase ao longo do curso escolar 2020-2021, temporalización que, ao igual que a metodoloxía do programa, se adaptará tendo en conta as decisións que se tomen desde as administracións públicas competentes sobre a organización e planificación do curso escolar 2020-2021 e a evolución da actual crise sanitaria derivada da COVID-19 ou calquera outra circunstancia sobrevida de forza maior. Esta temporalización divídese en fases, que parten do autocoñecemento, a creación e a xestión da cooperativa ata a elaboración dos produtos e a súa venda.

Recursos

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, dota os centros educativos participantes de formación, recursos e ferramentas que posibilitan o desenvolvemento eficaz das accións relacionadas con cada un dos proxectos, para as cales se realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación que permite analizar os logros, a execución diaria do proxecto e o seu impacto, así como asesorar o profesorado e resolver incidencias e dúbidas. A ferramenta principal é o portal educativo de "DepoEmprende", que ten como fin potenciar a comunicación entre os centros participantes, favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua.

Para a formación do profesorado desenvólvense accións formativas certificadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que incorpora o proxecto no Plan de emprendemento no sistema educativo en Galicia, Eduemprende.

Última modificación: martes, 23 xuño 2020